Non é a primeira vez que se desenvolve un debate sobre o sistema fiscal. Nin tampouco será a derradeira. Tanto no ámbito académico coma no político. En todo caso, as diferenzas son notábeis: no primeiro caso as respectivas posicións deben estar avaladas polo rigor derivado do contraste entre as proposicións teóricas e os resultados empíricos. En troques, no territorio da política vale case todo: mentiras, falacias, superficialidade, curtopracismo... Certamente, a calidade argumental non figura no libro de estilo das equipas asesoras daqueles dirixentes políticos que están obsesionados por atopar a ruta mais rápida para chegar ao poder. Sen escrúpulos.
Despois de que Ayuso e Moreno Bonilla eliminaran, na práctica, o Imposto de Patrimonio e tamén o de Sucesións e Doazóns, Alberto Núñez Feijoo difunde diariamente a boa nova de que a baixada de tributos é a solución para todas as desgrazas que padecen amplos sectores do corpo social. Curiosamente, durante os 13 anos que presidiu o goberno da Xunta non quixo facer o mesmo que agora aplaude: reduciu algo a contía deses gravames pero non os suprimiu. Outra peza analítica adicional para construír o retrato da coherencia política do aspirante a ser futuro inquilino da Moncloa.
O deliberado reducionismo argumental dos dirixentes do PP non se compadece coa seriedade requirida para achegarse a esta temática. Un sistema fiscal é un conxunto de figuras tributarias que pretende acadar un volume suficiente de recursos para que unha determinada Administración Pública sexa quen de prestar un abano de servizos que aseguren un nivel digno de benestar para as persoas integrantes dese tecido social. Hai que respostar, por tanto, a dúas preguntas básicas: cal debe ser a dimensión, a calidade e, xa que logo, o custe dos servizos públicos que se queren ofertar (sanidade, ensino, dependencia, seguridade...) e cómo debe ser repartida esa carga fiscal entre os distintos segmentos da cidadanía.
Ao cabo, baixar ou subir impostos, crear novas figuras tributarias ou suprimir algunhas das existentes son ferramentas para conseguir determinados obxectivos. Poden ser utilizadas complementariamente para posibilitar aquel horizonte de benestar público previamente definido. No ámbito das investigacións académicas tense demostrado dende hai tempo a falacia de quen sostén que unha baixada sistemática de impostos proporciona unha maior recadación fiscal. Poren, o que asegura tal estratexia é o debilitamento da capacidade das Administracións públicas para asegurar e ampliar a carta de dereitos sociais.
Dende hai moitos anos, está pendente unha revisión estrutural do sistema fiscal vixente no Estado español. O deliberado reducionismo argumental dos dirixentes do PP non se compadece coa seriedade requirida para achegarse a esta temática
A situación fiscal no ámbito do Estado español presenta determinadas características singulares, algunhas delas moi diferentes ás que rexen na meirande parte dos países da UE. Por exemplo: hai unha menor presión fiscal relativa que minoriza as aportacións de recursos ás Facendas públicas. Ou tamén: a distribución do esforzo tributario penaliza aos perceptores de rendas do traballo -sobre todo nos sectores medianos e baixos- en favor de quen disfruta dos rendementos proporcionados pola súa riqueza patrimonial e dos beneficios das grandes corporacións empresariais. Ademais do anterior rexistrase un elevado e persistente nivel de fraude que dana gravemente a saúde das finanzas públicas. Esta seria anomalía deriva de dúas causas concatenadas: o mantemento dunha excesiva dimensión da economía mergullada e os buratos que ofrece a lexislación tributaria para agachar unha parte do que debe ser obxecto de tributación.
Para completar o cadro das sombras existentes no sistema, hai que sinalar a presenza -en amplos sectores da cidadanía- dunha cultura fiscal pouco compatíbel coa viabilidade dun Estado de benestar de calidade comparábel ao dos territorios mais desenvolvidos da contorna europea. Dende hai tempo, está instalada unha certa conciencia proclive a demonizar o pago de impostos e a desconectar o esforzo tributario do afortalamento dunha rede de prestacións públicas que garanta maiores niveis de igualdade no acceso aos dereitos establecidos nas lexislacións estatais e internacionais.
Dende hai moitos anos, está pendente unha revisión estrutural do sistema fiscal vixente no Estado español. Están elaborados varios informes -o último solicitado polo actual goberno de Pedro Sánchez- nos que expertos e técnicos formulan diversas propostas de cambio. A chave está na existencia dunha maioría parlamentaria que teña a vontade política necesaria para establecer un novo cadro legal con vocación de permanencia temporal que permita achegar un duplo obxectivo: obter os recursos financeiros suficientes para asegurar a sustentabilidade dun Estado de benestar de calidade contrastada e mellorar substantivamente os niveis de xustiza distributiva, facendo realidade a progresividade proclamada nos textos fundacionais do sistema democrático vixente. Na conformación deste novo marco regulatorio deberán contemplarse as novas realidades presentes no universo económico: a capacidade de xeración de riqueza asociada á dixitalización e outras formas produtivas -coa conseguinte formación de grupos de poder que antes non existían-, a capacidade de evasión das grandes corporacións tecnolóxicas, a nova pobreza orixinada polas dificultades do mercado de traballo para sectores relevantes da mocidade...
O debate sobre a fiscalidade está atravesado por outra circunstancia que provoca mais complexidade analítica (e que tamén proporciona mais combustíbel para as cerimonias populistas): a descentralización territorial de certas figuras tributarias. Concretamente: no vixente modelo de financiamento autonómico -pendente de revisión dende hai case 10 anos-, as CC.AA (agás o Pais Vasco e Navarra que dispoñen, dun singular réxime do concerto económico) teñen capacidade para fixar normas propias sobre o Imposto de Patrimonio, o de Sucesións e Doazóns e unha parte do IRPF. Ademais, poden establecer figuras tributarias específicas para atender as súas necesidades financeiras. Este nivel de autonomía fiscal -polo demais, non especialmente elevado- cabe utilizalo cunha lóxica federal cooperativa ou, como está sucedendo dende hai tempo, pode formar parte dunha estratexia de dumping desleal para buscar réditos electorais mais ou menos inmediatos.