A Pel da Serpe (IV). O Triunfo da Inercia: A Estirpe do Segredo

Tremoia V

O sistema comprendeu que para perpetuar o control non facía falta o puño de ferro dun ditador, senón unha escola de cadros capaz de asimilar a estética democrática. Nos despachos da capital e nos sotos do Ministerio, os apelidos repítense. Os que onte asinaban sentenzas no Tribunal de Orden Público (TOP) hoxe son os patriarcas que guían a man dos seus fillos e pupilos nas altas maxistraturas. É unha liñaxe de impunidade que persiste, unha cadea de transmisión onde o instinto de protección de clase se herda como un título nobiliario

O Triunfo da Inercia: A Estirpe do Segredo

Vivir hoxe baixo a xurisprudencia da Audiencia Nacional ou baixo o cerco informativo das herdanzas da Brigada Político-Social (BPS) non é froito do azar, senón o resultado dunha titoría de sangue e casta. O 78 non foi unha ruptura; foi unha transferencia de activos represivos onde os xestores do vello réxime non só conservaron as súas poltronas, senón que educaron á súa descendencia na arte de manter o dominio tras a máscara do procedemento.

O sistema comprendeu que para perpetuar o control non facía falta o puño de ferro dun ditador, senón unha escola de cadros capaz de asimilar a estética democrática. Nos despachos da capital e nos sotos do Ministerio, os apelidos repítense. Os que onte asinaban sentenzas no Tribunal de Orden Público (TOP) hoxe son os patriarcas que guían a man dos seus fillos e pupilos nas altas maxistraturas. É unha liñaxe de impunidade que persiste, unha cadea de transmisión onde o instinto de protección de clase se herda como un título nobiliario.

A inmunidade destes corpos e tribunais non é unha disfunción; é o legado dun maxisterio que entende o Estado como unha propiedade privada. Mentres a arquitectura do segredo siga a respirar a través desta rede de mestres e aprendices, a soberanía popular seguirá a ser o "convidado de pedra". Un estranxeiro nun banquete onde os donos da casa, unidos por vínculos de sangue ou de escola, seguen a vestir o uniforme por baixo da chaqueta de deseño, garantindo que o tempo pase para que nada cambie.

 

A Dialéctica dos Espantallos: O Inimigo como Cemento do Réxime

ETA non agromou por xeración espontánea en 1959; foi o berro amargo dun pobo baixo asfixia política, lingüística e cultural. Porén, o post-franquismo, dotado dun ollo clínico para a neurose colectiva, converteu a organización na súa peza de museo máis rendible. A consigna de que «todo nexo coa disidencia é terrorismo» non foi un erro de diagnóstico, senón un deseño de control social. Cada atentado, servido con precisión litúrxica no minuto estelar do telexornal, funcionaba como un resorte que obrigaba ao país a pechar filas arredor da monarquía herdada.

O sangue foi o cemento da Transición: sen ese inimigo total, o Estado tería que explicar por que a Lei de Amnistía de 1977 era unha blindaxe para criminais de guerra. Aquí é onde a lexislación de excepción se erixe como a trabe mestra da impunidade1. Aquel marco de excepción normalizado permitiu que nomes que a historia oficial quere borrar (como Rodolfo Martín Villa, a "porra da Transición", responsable das matanzas de Vitoria e Montejurra, ou executores como “Billy el Niño” e o comisario Roberto Conesa) transmutasen de verdugos da Dirección General de Seguridad (DGS)2 en pezas protexidas pola nova orde democrática. A estratexia da «tensión calculada» atopou na excepcionalidade xurídica o seu mellor aliado, permitindo ao aparato reciclarse sen soltar o látego.

 

A Anestesia Olímpica e o Deseño de Garzón

No caso de Terra Lliure, a estrutura estatal atopou o reactivo químico ideal para esterilizar o independentismo antes de que acadase unha masa crítica. O clímax foi a Operación Garzón de 1992. Baixo o brillo hipócrita dos aneis olímpicos, practicáronse razzias e tormentos ao abeiro dos períodos de incomunicación que a Lei Antiterrorista autorizaba, supervisados por un xuíz que entón era o neno mimado do sistema, antes de converterse nun apestado.

Non se buscaba desarticular comandos, senón anestesiar a toda unha xeración. O obxectivo era que o Borbón inaugurase os Xogos Olímpico de Barcelona sen que o clamor pola liberdade lle estragase o nó da gravata. Mentres o mundo miraba o atletismo, nas dependencias policiais o tempo detívose nas sesións de «bolsa» e eléctrodos; unha mensaxe nítida de que o Estado de Dereito remata onde empeza a unidade do mercado e onde a lei de excepción toma o mando.

O Berro contra a Traizón de Despacho

O FRAP3 representou a teima de que a ruptura debía conquistarse na rúa. Os seus últimos fusilados en setembro de 1975 (onde figura a memoria galega de Humberto Baena Alonso e José Luís Sánchez Bravo, executados tras un consello de guerra sen garantías), foron o telegrama de benvida da nova orde. O sistema xurdiu baixo a condición de esmagar a quen teimase na República.

Os GRAPO foi a consecuencia física dunha deserción de clase que se consumou en Madrid, pero que o Vigo proletario xa intuíra antes que ninguén4. Mentres a cúpula do PCE de Santiago Carrillo ensaiaba en 1977 como lucir a bandeira monárquica a cambio de legalidade, a vangarda obreira da ría de Vigo xa entendera en 1972 que a dignidade non entraría na poxa. Esa orfandade política, que se negou a claudicar ante os futuros Pactos da Moncloa, foi a que o Ministerio do Interior monitorizou e empurrou cara á marxinalidade do chumbo.

Alí, o poder aplicou unha estratexia de vixilancia calculada. O Ministerio do Interior non só utilizou a infiltración de confidentes para incitar o conflito, senón que transformou a acción policial numa ferramenta de propaganda. As detencións non se producían cando se descubría o grupo, senón cando o calendario político o esixía: as forzas de seguridade mantiñan os operativos en reserva para facelos públicos xusto antes dunhas eleccións ou para romper o pulso dunha gran folga.

Esta xestión dos tempos permitiu converter o movemento obreiro nunha ameaza pública no momento máis conveniente. Grazas a esta manipulación, a "esquerda de moqueta" puido presentar como extremistas aos traballadores de Citroën ou Ascón que se negaban a aceptar a perda de poder adquisitivo dos Pactos da Moncloa. Así, a lei deixou de ser un marco de protección para converterse nunha ferramenta de castigo contra a clase traballadora, garantindo que os vellos métodos de control seguisen funcionando baixo a nova fachada democrática.

 

A Crueza da Razón de Mando e a Lóxica Corsaria

O caso de Antonio Cubillo e o MPAIAC5 desvelou a cara máis colonial do poder. O intento de asasinato en Alxer en 1978, financiado con fondos reservados e executado por mercenarios baixo as ordes directas do Ministerio do Interior, foi a proba de que o aparato non coñecía límites. A eliminación física é a norma cando o enclave canario amaga con mirar cara a África: o Estado prefire o pistolerismo á perda do control do Estreito.

Esta liña de sangue conecta directamente cos GAL e figuras como José Barrionuevo ou Rafael Vera, demostrando que o crime de Estado é unha ferramenta estrutural, un mecanismo para-legal alimentado pola Razón de Estado que a propia Lei Antiterrorista protexe baixo o manto dos segredos oficiais.

Cando a razón de mando se impón e o Estado cruza a liña da súa propia legalidade para operar na sombra (recorrendo ao secuestro, á infiltración de provocadores, aos mercenarios e aos fondos opacos) abandona a esfera do “seu” Dereito e adopta a lóxica duns sotos corsarios. Ao outorgarse esta patente de corso, o réxime desposúese de calquera superioridade moral fronte a quen di combater. As condenas pola guerra sucia non foron avarías do sistema, senón a demostración de que o Estado paralelo nunca deixou de funcionar.

 

Galicia: O Laboratorio do Silencio

Finalmente, o Exército Guerrilleiro do Povo Galego Ceive (EGPGC)6 xurdiu como resposta á fraude do Estatuto de 1981, un traxe de comuñón deseñado para que Galicia fose unha entidade politicamente baleira. A resposta do Estado, ensaiada a través do CESID, foi o deseño dunha neutralización social que utilizou todo o peso xudicial da Lei Antiterrorista para criminalizar o tecido asociativo e o nacionalismo mediante redes de espionaxe política.

Foi así como se operou unha torsión cultural profunda, pervertendo o «sentidiño» ata convertelo no nome do medo e conseguindo que o soberanismo interiorizase a culpa. Aquela paz, que foi a paz dos vencidos, resultou necesaria para anunciar unha estabilidade ficticia, reducindo Galicia a un folclore inofensivo: a excepción xurídica de onte deseñouse para fabricar a servidume de hoxe.

Baixo esa inercia, as mesmas elites de San Caetano que nese período aplaudiron a represión, hoxe asisten en silencio dende os seus despachos mentres as multinacionais chantan eólicos nos montes co aval do Tribunal Supremo, e proxectan verter celulosa nas veigas da Ulloa. A impunidade dos sotos e o espolio territorial de hoxe responden á mesma lóxica corsaria: unha elite que outorga patentes de corso (onte para a guerra sucia, hoxe para o saqueo enerxético dos montes) mentres esixe á poboación a submisión do anestesiado. O espolio mudou de tecnoloxía e de siglas, pero o fío invisible que conecta a impunidade dos sumidoiros coas novas formas de expropiación territorial segue intacto.

...continuará

 

Notas

1A Lexislación Antiterrorista da Transición: Tivo o seu alicerce inicial na Lei 56/1978 e o posterior Real Decreto-lei 3/1979. Funcionou como o mecanismo legal para prolongar as prácticas do réxime anterior ao autorizar a detención incomunicada de ata dez días (reducidos despois a sete) e crear espazos de sombra sen control xudicial efectivo nin asistencia letrada inmediata.

2A Dirección General de Seguridad (DGS): Coordinaba dende a Real Casa de Correos (na Porta do Sol de Madrid) a orde pública e a Brigada Político-Social. Coa Transición transformouse administrativamente na Dirección General de la Policía, diluíndo baixo novas siglas o seu historial como principal centro de interrogatorios e torturas do franquismo.

3 O FRAP (Frente Revolucionario Antifascista y Patriota): Organización que representou unha estratexia de confrontación directa na rúa e que rexeitou frontalmente o pacto de despachos da Transición. Os seus últimos fusilados en setembro de 1975 marcaron o límite de sangue sobre o que se construíu o consenso institucional.

4 Os GRAPO e a Organización Obreira (OO): OO naceu en Vigo en 1972 como unha escisión radical de CC.OO. contraria ao "entrismo" no Sindicato Vertical franquista, liderando a histórica folga xeral dese ano. Tras a forte represión policial, parte dos seus cadros máis novos desprazáronse cara ao activismo clandestino da OMLE, xerme fundacional dos GRAPO en 1975.

5O MPAIAC (Movimiento por la Autodeterminación e Independencia del Archipiélago Canario): Liderado por Antonio Cubillo dende o exilio en Alxer, defendeu a descolonización das illas. O atentado frustrado contra Cubillo en 1978, organizado por mandos policiais españois, foi o primeiro caso xudicialmente probado de guerra sucia estatal en réxime de pre-democracia.

6O Exército Guerrilleiro do Povo Galego Ceive (EGPGC): Organización armada independentista activa entre 1986 e 1993. A súa actividade serviu de catalizador para que o Estado, a través do CESID (hoxe CNI), ensaiase en Galicia modelos de intelixencia, infiltración e escoitas que despois se aplicarían a todo o tecido social do nacionalismo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.