Introdución
“Si no nos dejan soñar, no vamos a dejar que sueñen” (Cebaldo de León, antropólogo indíxena guna – Panamá, Centro Social a Nubeira, Vigo, 11-01-2026).
Neste texto interpreto o proxecto de macrocelulosa de ALTRI en Palas de Rei como unha anti-utopía, un lugar malo, inxusto e deshumanizante. Pero esa distopía está mascarada dun discurso propagandístico que pretende manipular e alienar os galegos da crítica realidade do proxecto altriano para que lles entreguemos gratis factores esenciais de produción (auga, terra, traballo, capital) con imposición da servidume, con compensacións mínimas e con custos sociais, culturais, económicos e ambientais que son ocultados ou desvalorizados sistematicamente nesa propaganda
Unha distopía é unha utopía negativa ou unha antiutopía, unha representación dunha sociedade inxusta, caótica e onde ninguén ou a maioría querería estar. Neste texto interpreto o proxecto de macrocelulosa de ALTRI en Palas de Rei (Galiza) como unha anti-utopía, un lugar malo, inxusto e deshumanizante1. Pero esa distopía está mascarada dun discurso propagandístico que pretende manipular e alienar os galegos da crítica realidade do proxecto altriano para que lles entreguemos gratis factores esenciais de produción (auga, terra, traballo, capital) con imposición da servidume, con compensacións mínimas e con custos sociais, culturais, económicos e ambientais que son ocultados ou desvalorizados sistematicamente nesa propaganda2.
Despois da gran manifestación contra o proxecto de macrocelulosa de ALTRI no centro da Galiza que tivo lugar en Santiago de Compostela o pasado 14 de decembro de 20253, os promotores empresariais e os defensores políticos do proxecto parecen estar algo “calados”. O motivo tal vez sexa o frío do inverno que lles “esfría” as ideas sobre as súas chemineas con fumes tóxicos, a baixada na demanda e consumo de papel no mundo, a imparable transición dixital ou que a empresa austríaca Lenzing mudou o seu plano de negocio de lyocell pola crise de demanda4. Pero este silencio é enganador e estratéxico, na espera de mellores tempos político-partidarios e económicos para os seus proxectos depredadores gananciosos disfrazados de “verde eco”5. Non sen descanso a loita polo relato sobre o proxecto foi feita con instrumentos e mecanismos diferentes por parte da empresa, dos políticos gobernantes e dos afectados contrarios ao proxecto.
Neste texto presento unha reflexión sobre a intensa, extensa e densa publicación de propaganda do proxecto de macrocelulosa “ALTRI” (para Palas de Rei) en xornais e outros medios de comunicación6 que acaba por considerar os galegos como “estúpidos”. E antes de analizar criticamente o contido e significado das súas mensaxes propagandísticas, vou partir do pensamento do filósofo alemán Friedrich Wilheim Nietzsche en relación coa súa crítica ao Estado e à obediencia das masas. En 1878 Nietsche (2000) criticou o patriotismo pola traba do pensamento crítico e o fomento da obediencia. Así actúan os propagadores e propagandistas do proxecto de ALTRI, querendo construír un “patriotismo altriano” e unha fe obediente e servil a unhas elites que nos menosprezan profundamente.
Crítica da propaganda de ALTRI
Neste texto presento unha reflexión sobre a intensa, extensa e densa publicación de propaganda do proxecto de macrocelulosa ALTRI en xornais e outros medios de comunicación que acaba por considerar os galegos como “estúpidos”
Neste punto vou presentar un conxunto de críticas da propaganda de ALTRI publicada en xornais, redes sociais e páxinas Web (cf. B.C., 2025)7. A primeira cuestión crítica que nos chama a atención é a asociación mecánica entre desenvolvemento industrial e progreso, inversión industrial e emprego, algo que non é ben certo. É de primeiro curso de Economía saber que o primeiro (industria e inversión) non determina mecanicamente o segundo (progreso e emprego), pois precisa de máis factores que non se poden desprezar. A segunda cuestión é que que a idea de progreso que manexa ALTRI é hoxe científica e socialmente obsoleta e anticuada, non estamos no século XIX, estamos no século XXI. Non é certo que todas as industrias sexan iguais... como aparentan presentar na súa propaganda mediática, hai industrias e industrias, e o Camiño de Santiago tamén é unha industria... por certo máis rendible, responsable, durable, distribuidor, ecolóxico e sostible que o proxecto de macrocelulosa de ALTRI como demostran diversos estudos científicos.
A terceira crítica é a súa afirmación de que Europa é un paraíso de sustentabilidade, algo que é só parcialmente certo se consideramos as emisións de CO28. Que se entende aquí por sustentabilidade? É un concepto absoluto como utiliza a propaganda de ALTRI? Pois non, é un concepto relativo e impreciso, é un camiño e unha metáfora moi moralizadora máis do que un concepto preciso e operativo. As críticas ao concepto levan a que moitos proxectos se presenten como sustentables, sendo en realidade insostibles (do punto de vista social, cultural, económico, ambiental, político, comunitario e ecolóxico), como é o caso. Pero a crítica tamén vai máis alá, non podemos presentar Europa como un paraíso de sustentabilidade, senón como un espazo xeopolítico en transición ecolóxica de acordo cos valores e as políticas da Unión Europea, que non podemos confundir con Europa como fai a propaganda de ALTRI.
A cuarta crítica é o reducionismo que fan da madeira como recurso natural. Eles non ven bosques con sociobiodiversidade, ven neles “almacéns de madeira”. A madeira é tamén un recurso social, cultural e ambiental, resultado de unha relación particular entre os grupos humanos e os seus bosques, verdadeiros espazos de vida e oxixéneo para o planeta. A quinta crítica é que o proxecto de ALTRI que está publicado no DOGA (Diario Oficial de Galicia) non é exactamente unha fábrica de lyocell (fibra téxtil de orixe vexetal- forestal), senón de celulosa, xeso, biomasa e lyocell, nunha estratexia de produción diversificada e flexible de acordo coas tendencias do mercado. Non me vou referir aquí á intensa produción de contaminantes que co novo marco legal da Unión Europea xa ultrapasarían os umbrais permitidos. A diferenza de outros procesos de produción de fibra téxtil obtida de outros tipos de madeira como os piñeiros, os bidueiros, etc. a proposta de ALTRI para a súa planta GAMA en Palas de Rei é o uso de eucalipto, co seu efecto negativo sobre a paisaxe e o ambiente, algo que a nova moratoria vai continuar a permitir de forma irresponsable. Máis aínda, o CITEVI (Centro de Investigação Tecnológica do Téxtil e do Vestuário, ver: https://www.citeve.pt/), no cal se apoia ALTRI para a produción de lyocell non ten resolto todos os problemas ecolóxicos, tecnolóxicos e económicos da súa produción, e polo tanto presenta desvantaxes con relación ao algodón orgánico ou á reciclaxe de outras fibras.
A sexta crítica é que non demostran un “compromiso co entorno” como gratuitamente afirman na súa propaganda. O compromiso significaría escoitar a diversidade de axentes sociais e membros das comunidades locais, coidar o ambiente de forma seria e responsable, crear un proxecto industrial realmente ecolóxico ou rexenerativo, socialmente responsable e culturalmente adecuado ao contexto territorial e en diálogo respectuoso coa súa economía base. O centro da Galiza non ten unha vocación territorial industrial para asumir macrocelulosas como a proposta, pero si outro tipo de industrias como xa ten (ex. agroindustrias). Por outro lado non é fiable nin confiable o constante baile do número de empregos directos, indirectos, temporais e indefinidos que din van crear. A propaganda altriana é unha desinformación pouco pedagóxica, incoherente e pouco obxectiva, e neste punto o proxecto xa fixo como o camaleón pero continúa sendo insostible, en realidade o proxecto de ALTRI destruiría fontes de vida fundamentais (a terra, a paisaxe, os camiños de Santiago de Compostela, a agricultura, a calidade do aire, etc.).
A sétima crítica é sobre o discurso tan manido como simplista, acientífico e falso de que hai un “problema demográfico que sufre el concello... al igual que el resto de la Galicia interior”. Por partes, hoxe en día é discutible que a comarca da Ulloa sexa unha terra da “Galicia interior” do punto de vista xeográfico. En realidade está na “Galiza do medio”, na “Galiza central”, iso é o máis correcto, algo agudizado pola acentuada aproximación ao litoral galego grazas á dotación dunhas rede de comunicacións rodoviarias que farán achegar Palas de Rei a só 35 minutos da cidade de Santiago de Compostela. Por outro lado, a comarca da Ulloa e o centro da Galiza son unha das terras con maior repoboamento na última década. Ademais e como veño insistindo noutros textos estas terras do centro xeográfico galego reciben unha importante poboación flotante aos fins de semana e nas vacacións, ademais de 300.000 peregrinos xacobeos atravesan os seus camiños cada ano, unha industria patrimonial de grande viabilidade e futuro. Polo tanto, a cuestión demográfica do centro da Galiza é unha situación complexa que non se pode representar de forma simplista e redutora.
Despois da gran manifestación contra o proxecto de macrocelulosa de ALTRI que tivo lugar en Santiago, os promotores empresariais e os defensores políticos do proxecto parecen estar algo calados. Pero este silencio é enganador e estratéxico, na espera de mellores tempos político-partidarios e económicos para os seus proxectos depredadores gananciosos disfrazados de “verde eco”
A octava crítica ten a ver coa falsa idea que o proxecto de ALTRI vai fixar poboación moza en Palas de Rei, lugar onde non hai vivenda dispoñible (ex. No portal inmobiliario IDEALISTA só hai dispoñibles para a venta 59 casas e pisos en Palas de Rei e 130 en toda a comarca da Ulloa (Antas de Ulla, Monterroso e Palas de Rei, ver: https://www.idealista.com/ ), e moitas delas necesitan reconstrución e rehabilitación. Polo tanto, neste momento non hai oferta de vivenda suficiente para acoller moita xente e estamos polo tanto fronte a unha mentira máis grande do que a verdade. Engadir a iso que tampouco non se pode equiparar Palas de Rei (Galiza) a Vila Velha de Rodão (Portugal), onde ALTRI ten unha das súas celulosas.
A novena crítica é que en 2010 a ONU declarou o aceso á auga potable e ao saneamento un dereito humano, algo que o proxecto de ALTRI en Palas de Rei cuestionaría ao apropiarse en grande medida da auga do curso medio-alto do río Ulla. O proxecto ALTRI sería cómplice na morte do río Ulla, río xa bastante afectado por diversos proxectos e factores.
A décima crítica é sobre a postura de “complexo de salvador branco” de ALTRI e os seus apoiantes. É dicir, o seu discurso propagandístico chega a insinuar nas entreliñas e nun ton de quen relata os seus textos que o seu proxecto é unha grande oportunidade para Galiza, que se non lles damos 250 millóns de euros públicos vamos perder o futuro, que seríamos “burros” se non aprobamos a súa autorización, etc. etc. Estamos diante do típico discurso imperialista e neocolonial de ton salvífico, pero tamén representa un discurso de chantaxe ideolóxico, sentimental e emocional. Nós somos os salvaxes e eles os civilizados que nos veñen a salvar coa súa avanzadísima tecnoloxía e proposta “superdesenvolvementista”... É o discurso de costume baseado nun imperialismo cognitivo e tecnolóxico producido desde unha postura de superioridade non só tecnolóxica e económica como tamén moral e cultural. E asociado a ese discurso, a contaminación da propaganda de ALTRI acaba por caracterizar e caricaturizar os opositores ao proxecto como externos, manipulados politicamente e desinformados. É a típica estratexia retórica para deslexitimar dísensos, neutralizar e menosprezar o conflito creado.
Imposturas “altrianas” insostibles
A propaganda de ALTRI representa un exercicio de instrumentalización do seu poder mediático para convencer o “pobo” das supostas verdades e grandes beneficios (sociais, económicos e ambientais) do seu proxecto de macrocelulosa en Palas de Rei. Esta propaganda ten algúns aliados no xornalismo “opinador”, que chegan a afirmar que estar en contra deste proxecto de ALTRI é ser anti-galego, anti-galeguista e anti-industrialista
Como analizamos no punto anterior, a propaganda de ALTRI representa un exercicio de instrumentalización do seu poder mediático para convencer o “pobo” das supostas verdades e grandes beneficios (sociais, económicos e ambientais) do seu proxecto de macrocelulosa en Palas de Rei. Esta propaganda ten algúns aliados no xornalismo “opinador”, que chegan a afirmar que estar en contra deste proxecto de ALTRI é ser anti-galego, anti-galeguista e anti-industrialista (cf. Cota, 2025), argumento que me parece insostible desde a análise social e que mostra o pouco que investigan seriamente estes xornalistas “amigos” de ALTRI. Claro está que sería bo para a opinión pública que investigasen profundamente as fontes, que mostrasen a pluralidade de miradas e perspectivas, que desen voz tamén aos afectados e sobre todo que lesen o proxecto técnico de ALTRI, claro está que son moitas páxinas e habería que aprender a linguaxe técnica e científica do proxecto, pero iso é pedir demasiado a esas mentes zombis tecnofeudais ao servizo do necrocapitalismo...
Esta propaganda, como afirmei antes, parte dunha ilusión de superioridade técnica e dun imperialismo cognitivo supremacista. Os promotores, criadores e defensores desta propaganda introducen unha idea moral do deber do “bo galego” en acreditar nos seus grandes beneficios para tod@s, pero non por demostración empírica ou proba científica senón por unha cuestión de fe “altriana” no seu proxecto purificador da auga do río Ulla. A propaganda aludida publicada en xornais como “El Progreso” ou “Faro de Vigo” tenta convencernos de que nos temos que identificar ideolóxicamente e emocionalmente co seu proxecto egoísta, narcisista e capitalista. O seu truco de maxia discursiva é presentar os seus intereses particulares como se fosen intereses xerais e públicos, algo facilmente desmontable e desmontado pola ciencia pública e comprometida co benestar e a dignidade dos galeg@s.
Ese imperialismo altriano está tamén asociado a unha certa violencia simbólica na propaganda de comunicación xornalística. Un exemplo é a entrevista que a entón directora de recursos humanos de ALTRI-Greenfiber, Olga López Arias, deu ao xornal lucense “El Progreso” en xullo do ano 2024 (Reboredo, 2024), nesa entrevista confirma o lanzamento dunha petición de currículos para traballar na futura fábrica de ALTRI en Palas de Rei, cando nin sequera tiña sido aprobado o proxecto polos poderes públicos, nin tiñan sido adquiridos os terreos necesarios para a implantación da fábrica. É ao meu ver un exemplo de propaganda seguindo unha estratexia de aparente feito consumado e creando expectativas ilusorias. Por outro lado a Antropoloxía Social ten demostrado que estas promesas de emprego raramente se realizan na forma anunciada, os empregos directos son xeralmente temporais, externos e técnicos, os indirectos son difíciles de cuantificar e pouco benefician a economía local de forma durable, e o comercio é limitado a servizos básicos durante os ciclos de alza produtiva, en canto os beneficios económicos flúen para as corporacións globais e os seus accionistas.
ALTRI pasou de ser un risco e converteuse nunha ameaza percibida pola maioría dos galegos que adoptan unha actitude preventiva e anticipadora do perigo que representa o proxecto de construción da maior macrocelulosa de Europa. Esa percepción social dos riscos non se cala simplemente co discurso da propaganda altriana e a xestión tecnocrática dos riscos, das inseguridades, das dúbidas e das incertezas adoptada polo goberno actual da Xunta
A bandeira de ALTRI representa socialmente unha elite socioeconómica ibérica que só lle interesa o diñeiro e o control dos grandes recursos, a especulación con terras e recursos naturais. Eles non aman o país senón as súas carteiras, non serven as necesidades dos cidadás nin melloran as nosas condicións e calidade de vida, e só buscan coa propaganda a obediencia cega dos galegos, moitos fartos xa de enganos e da miseria moral dunhas elites sen ética e sen escrúpulos que só queren esgotar o planeta. Máis ben e como di a canción: “Eles comen tudo e não deixam nada”. A súa cobiza infinita é presentada na súa propaganda como un “favor” que nos fan con xenerosidade e altruísmo, algo do cal debemos sospeitar e desconfiar, pois non nos compensa na negociación da nosa identidade colectiva co poder xeopolítico e económico dominantes. O proxecto de macrocelulosa de ALTRI tocou elementos sagrados para os galegos, a propiedade da terra (que tanto nos custou gañar durante séculos) -recordar que neste 2026 fai un século da redención dos foros-. Se o proxecto de ALTRI fose tan bo e benéfico non faría falta tanto investimento en propaganda...
Por outro lado se fose coherente, benéfico, beneficioso e responsable o seu proxecto sobre “fibras téxteis” de orixe vexetal, as empresas téxtiles galegos e outros manifestaríanse a favor de ALTRI, pero o certo é que iso non aconteceu, nin acontece9. Por que? A resposta é complexa10, pero o certo é que non apoian o proxecto que máis parece un globo sonda á industria téxtil galega que unha proposta innovadora, ecolóxica e promotora dunha economía circular. O certo é que os grupos industriais téxtiles galegos deron a calada por resposta ou optaron por colaborar con outras empresas máis fiables e interesantes.
Da propaganda altriana é ben curioso a recuperación de vellos elementos discursivos propagandísticos utilizados nos anos 1970 por xornalistas como José Martínez Couselo (cf. Martínez Couselo, 1976) para defender a fábrica de celulosa de Pontevedra pero tamén de outras celulosas proxectadas na Galiza como as de Dodro, Pantín (Valdoviño), Ponteceso, Ourense, O Barco de Valdeorras ou Ponteareas11. Entre eses argumentos propagandísticos recuperados destacan os seguintes:
- O despoboamento e o envellecemento das provincias de Lugo e Ourense.
- A idea dunha Galiza rica con xente pobre.
- A madeira como o noso petróleo.
- As necesidades de consumo de papel.
- A industrialización como forma de redención dos galegos (Martínez Couselo, 1976: 14).
- As celulosas non producen contaminación dos ríos nin alteran a vida dos invertebrados.
- A celulosa de Pontevedra non destruíu os bancos marisqueiros.
- Hai outros motivos e factores de contaminación ambiental máis importantes do que os das celulosas.
- Xa había papeleiras antigas e tradicionais antes da de Pontevedra.
- O eucalipto é bo para o repoboamento forestal na Galiza.
Fronte a eses argumentos estereotipados, o antropólogo ambiental Jason Hickel (2021) -London School of Economics, Reino Unido- cuestiona ese tipo de argumentos que perpetúan o “extractivismo”, convertido hoxe en “extractivismo verde” grazas á maquillaxe e o rebautismo da propaganda da “sustentabilidade”, pero que mantén as mesmas estruturas de poder e explotación que o “extractivismo fósil” (ver a obra deste antropólogo en: https://www.jasonhickel.org/research e tamén en: https://scholar.google.com/citations?user=pSLdoMsAAAAJ&hl=en).
De forma complementar a esta crítica, o certo é que se ben os estudos de impacto ambiental deste tipo de proxectos son obrigatorios na nosa lexislación, non é o caso dos estudos de impacto social e cultural, que non son obrigatorios e que analizarían algúns dos efectos que o anuncio da marcrocelulosa ALTRI en Palas de Rei xa se produciron, nomeadamente: incertezas e dúbidas dos afectados sobre o futuro das súas vidas (sinal de alarma), desconforto e división social, estigma territorial da zona de instalación da fábrica, percepción de degradación ambiental e disuasión de visitantes e posibles repoboadores que procuran paisaxes naturais de calidade incompatibles coa instalación e contaminación de unha macrocelulosa como a proxectada, etc.
O ecohumanismo e ecocentrismo no Antropoceno
Necesitamos unha nova cultura do territorio que entenda este de forma polisémica pero sobre todo como un lugar econo-identitario para vivir dignamente, onde os seus habitantes sexan máis escoitados e teñan máis capacidade para tomar decisións conscientes e responsables sobre o seu futuro, un futuro que non pode nin debe ser imposto desde fora por multinacionais con intereses alleos e diverxentes coa identidade vocacional dese territorio e a autonomía política comunitaria galega
No ano 2001 Fennel e Malloy publican un libro moi interesante, que eu traballo cos meus estudantes de mestrado, sobre os códigos éticos do turismo, nel a filosofía que o atravesa é a do ecohumanismo, unha posición ética que tenta conciliar valores humanistas e ética ambiental. De acordo con eles o ser humano continua sendo o centro da reflexión moral (preocupación co benestar, dignidade, xustiza social…), pero ese humanismo é reformulado hoxe co recoñecemento da interdependencia entre os humanos e o coidado da natureza. A natureza deixou de ser apenas un recurso económico para esta gañar valores morais, culturais e ambientais, ética que obriga a outras políticas. O ecohumanismo sitúa a responsabilidade no centro da relación entre os humanos e a natureza fronte ao antropocentrismo (os humanos e os beneficios financeiros como centro de todo, como dominadores e controladores da natureza) e o ecocentrismo e o ecocratismo radicais (a natureza independente do humano con valor intrínseco independente). Así, a proposta do ecohumanismo defende que os proxectos industriais e outros deben beneficiar as comunidades humanas sen comprometer a integridade ecolóxica e asumindo unha responsabilidade ética do coidado fronte aos socioecosistemas máis alén da simplista ecuación de que quen contamina paga e compensa, que ten o risco de permitir o aumento da depredación ambiental.
En xeito de peche deste breve texto ensaístico, o proxecto de ALTRI en Palas de Rei pode ser considerado o que Robert Castel (1981, 1998; 2005) denominou como “inflación do risco”, é dicir, nas sociedades contemporáneas amplíanse as percepcións do risco, ata tal punto que acaban por gobernar a vida das persoas e as súas decisións. ALTRI pasou de ser un risco e converteuse nunha ameaza percibida pola maioría dos galegos que adoptan unha actitude preventiva e anticipadora do perigo que representa o proxecto de construción da maior macrocelulosa de Europa12. Esa percepción social dos riscos non se cala simplemente co discurso da propaganda altriana e a xestión tecnocrática dos riscos, das inseguridades, das dúbidas e das incertezas adoptada polo goberno actual da Xunta de Galicia.
Por outro lado e desde unha antropoloxía da esperanza considero que non se pode castrar a vontade dunha maioría galega que defende a conciliación entre economía, industria e ecoloxía, entre rexeneración, conservación ambiental e explotación racional e xusta dos recursos. Creo que necesitamos unha nova cultura do territorio (cf. Alfama e Guillem et al., 2007) que entenda este de forma polisémica pero sobre todo como un lugar econo-identitario para vivir dignamente, onde os seus habitantes sexan máis escoitados e teñan máis capacidade para tomar decisións conscientes e responsables sobre o seu futuro, un futuro que non pode nin debe ser imposto desde fora por multinacionais con intereses alleos e diverxentes coa identidade vocacional dese territorio e a autonomía política comunitaria galega.
Notas
1 Atribúese a orixe da palabra distopía a Gregg Webber e a John Stuart Mill nun discurso pronunciado no parlamento británico en 1868. Mas Stuart Mill no seu libro “On liberty” (1859) xa tiña falado de algúns tipos de distopía como a conformacionista, na cal a maioría dominante impón valores, costumes e visións do mundo sufocando a liberdade individual e o pensamento crítico, e estabelecendo un controlo moral e simbólico dos individuos dunha sociedade profundamente opresiva cos que non pensen como os poderes dominantes.
2 Os instrumentos de manipulación, “domesticación” e alienación son diversos e complexos. No mundial de fútbol de Arxentina 1978, moi cerca de algúns estadios a ditadura política daquela época mantiña os maiores centros de tortura da América Latina. No mundial de fútbol de 2010 celebrado en Sudáfrica o son das “vuvuzelas” ocultou os conflitos mineiros que se apropiaban de terras indíxenas. A organización do mundial chegou a anular dúas sedes por causa deses conflitos invisibilizados. No próximo febreiro de 2026 o presidente arxentino Milei vai modificar a lei de glaciares (reservas de auga doce) para favorecer a explotación mineira indiscriminada.
3 Ver: https://www.rtve.es/noticias/20251214/miles-personas-protestan-santiago-contra-macroplanta-celulosa-altri-defensa-del-futuro-galicia/16858005.shtml Nesta reportaxe de TVE un dos manifestantes comenta: “E temos moito de que vivir sen apoiar ese tipo de basuras”.
4 Ver: https://www.economiadigital.es/galicia/empresas/la-inflacion-tumba-el-plan-estrategico-del-mayor-rival-de-altri-en-la-fabricacion-de-lyocell.html
5 Ver: https://www.economiadigital.es/galicia/empresas/altri-desvela-qdesarrollo-textil-motivo-inversion-galicia.html
6 Hai exemplos en B.C. (2025) cun texto oculto tras esas iniciais e repetido en xornais como La Voz de Galicia (ver: https://www.farodevigo.es/escaparate/2025/10/31/proyecto-gama-oportunidad-galicia-prescindir-123183870.html) ou Faro de Vigo (ver: https://www.farodevigo.es/escaparate/2025/10/31/proyecto-gama-oportunidad-galicia-prescindir-123183870.html ).
7 Ver por exemplo: https://www.farodevigo.es/escaparate/2025/10/31/proyecto-gama-oportunidad-galicia-prescindir-123183870.html
8 Ver por exemplo o mapa mundial de C02: https://www.carbonmap.org/?lang=es#intro e tamén: https://globalcarbonatlas.org/ Neles países como Alemaña ou Italia están no ranking dos 20 máis contaminantes do mundo.
9 O Textile & Fashion Cluster (COINTEGA) reúne máis de 85 empresas galegas do sector téxtil e da moda, desde fabricación ata servizos auxiliares e I+D+i. Non hai declaracións públicas claras deste clúster que apoien ou rexeitan expresamente o proxecto de Altri en Palas de Rei. Ningún comunicado oficial do cluster foi atopado nos medios reforzando unha postura concreta sobre “Altri / Proyecto Gama”. Ver camiños alternativos seguidos por Inditex: Infinited Fiber Company compañía finlandesa dedicada a fibras recicladas na que Inditex participa financeiramente. Ver o proxecto Pack4Good de Inditex.
10 Para os días de hoxe ver por exemplo a tese doutoral do Prof. Dr. Juan Miguel Rafet Soriano (2025): Los movimentos sociales en defensa del territorio. Estudio de dos casos en el Vall de Pop (Marina Alta-Alicante 2006-2024). Valencia: Universitat de Valencia. Online en: https://roderic.uv.es/items/c47a082b-be8d-4fa4-b424-cee95d78b309
11 En 1974 a empresa “Celulosass de Guipúscoa” proxectou unha celulosa en Pantín (Valdoviño) que tivo unha resposta social en contra moi forte.´Ver: https://costaartabra.blogspot.com/2025/12/1974-altri-non-1452-sinaturas.html A mediados dos anos 1970 a proposta de instalación dunha celulosa no município pontevedrês de Ponteareas, por empresários bascos de “Celulosas de Guipúscoa”, levou a unha mobilización masiva en contra do proxecto que uniu a galegos e tamén portugueses contra o que representaria a “morte química” do río Tea e do rio Miño (ver Copena, 2025 en: https://www.gciencia.com/retro/do-condado-a-ulloa-a-loita-do-pobo-galego-contra-as-celulosas-dende-hai-50-anos/ ).
12 Nunha enquisa aos socios da Asociación Florestal de Galicia feita en 2024 e presentada no mes de abril dese ano deu estes resultados: “De todos los encuestados, el 52,4% ve con buenos ojos la puesta en marcha de una nueva industria de transformación del eucalipto en Galicia, mientras que el 40% está en contra y el 7,6% restante manifiesta que no tiene una opinión lo suficientemente formada. Más de la mitad de los propietarios forestales encuestados apoya el proyecto de Altri a través de Greenfiber, pero la cifra ya se reduce si hablamos de la ubicación: de todas las personas encuestadas, a cuatro de cada diez (o sea el 41%) no les parece idónea la localización de Palas de Rei, mientras que el 34,2% sí se decanta por esta ubicación y un porcentaje bastante alto, el 24,8%, no se pronuncia.” (fonte: Faro de Vigo, 30-04-2024, ver: https://www.farodevigo.es/deza-tabeiros-montes/2024/04/30/asociacion-forestal-galicia-altri-52-101731624.html
Dous anos despois podemos afirmar que a maioria da sociedade galega está en contra do proxecto de macrocelulosa de ALTRI en Palas de Rei, ver o meu texto titulado “Altrilandia e a tecnocracia da Xunta de Galicia”: https://praza.gal/opinion/altrilandia-e-a-tecnocracia-da-xunta-de-galicia
Referencias citadas
ALFAMA I GUILLEM, Eva et al. (2007): Per una nova cultura del territori? Mobilitzacions i conflictes territorials. Barcelona: Icaria.
B.C. (2025): “Proyecto Gama, una oportunidad de la que Galicia no puede prescindir”, en Faro de Vigo, venres, 31 de outubro de 2025, p. 39. Online en: https://www.farodevigo.es/escaparate/2025/10/31/proyecto-gama-oportunidad-galicia-prescindir-123183870.html
CASTEL, Robert (1981). La gestion des risques. De l’anti-psychiatrie à l’après-psychanalyse. Paris: Les Éditions de Minuit.
CASTEL, Robert (1998, or. 1995). As metamorfoses da questão social: uma crônica do salário. Petrópolis: Vozes.
CASTEL, Robert (2005, or. 2003). A insegurança social: o que é estar protegido?
Petrópolis: Vozes.
COPENA, Damián (2025): “Do Condado á Ulloa: a loita do pobo galego contra as celulosas dende hai 50 anos”, en GCiencia, 18-12-2025, online en: https://www.gciencia.com/retro/do-condado-a-ulloa-a-loita-do-pobo-galego-contra-as-celulosas-dende-hai-50-anos/
COTA, Rodrigo (2025): “Lo de Altri”, en Diario de Pontevedra, 31 de marzo de 2025, p. 32. Opinión- Estoy Pensando. Online en: https://www.diariodepontevedra.es/blog/rodrigo-cota-estoy-pensando/lo-de-altri/202503301743121383926.html
FENNELL, David A. & MALLOY, David C. (2001). Codes of ethics in tourism: Practice, theory, synthesis, en Annals of Tourism Research, 28(1), p. 133.
MARTÍNEZ COUSELO, José (1976): Las celulosas. Santiago de Compostela: El Correo Gallego.
NIETZSCHE, Friedrich (2000, or. 1878): Humano, demasiado humano: um livro para espíritos livres. Livro I. São Paulo: Companhia das Letras.
REBOREDO, Arturo (2024): “Olga López, directora de RRHH de Altri: "En la selección de candidatos primará su actitud", en El Progreso, 21-07-2024. Online en: https://www.elprogreso.es/articulo/comarca-lugo/olga-lopez-directora-rrhh-altri-que-primara-seleccion-candidatos-sera-actitud/202407211057351774060.html
Agradecementos
-O Centro em Rede de Investigação em Antropologia (CRIA) é uma unidade interuniversitária que existe desde 2007 como unidade de I&D da FCT e foi classificada com Muito Bom nas avaliações internacionais de Unidades de I&D de 2007, 2013 e 2017. Em 2025 obteve a máxima classificação em avaliação internacional FCT de “Excelente”. Desde 2021, é um Laboratório Associado do Estado através da sua participação no consórcio IN2PAST - Laboratório Associado para a Investigação e Inovação em Património, Artes, Sustentabilidade e Território. Financiado pela FCT, I. P. (UIDB/04038/2020 e UIDP/04038/2020). / The Anthropology Research Network Center (CRIA) is an inter-university unit that has existed since 2007 as an R&D unit of the FCT and was classified as Very Good in the international evaluations of R&D Units in 2007, 2013 and 2017. Also, in 2025 was classified as “Excellent”. Since 2021, it has been a Associated State Laboratory through its participation in the IN2PAST consortium - Associated Laboratory for Research and Innovation in Heritage, Arts, Sustainability and Territory. Funded by FCT, I. P. (UIDB/04038/2020 and UIDP/04038/2020), (UID/4038/2025).