É a nosa responsabilidade colectiva evitarmos que a anunciada "renovación" do PXNLG sexa o preludio doutra lexislatura perdida para a recuperación de espazos e usos da nosa lingua propia
1. O pasado xoves 26 de decembro, a Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude facía público o comezo dos traballos de "renovación" do PXNLG, aprobado no seu día (setembro do 2004) por unanimidade no Parlamento Galego.
Foi, sen dúbida, a noticia do día. Por vez primeira vez desde que a comezos de outubro se coñeceran os tráxicos resultados da enquisa de uso do galego do IGE, a Xunta deixou de galdrumar con reunións e declaracións de intencións sobre o (presunto) Pacto pola Lingua, e comezou o desenvolvemento da súa proposta política de 11 páxinas, coa que pretende afrontar a grave tendencia de declínio do uso do galego.
Como somos un país de tribos, minifundios e tabernas, a maior parte das lecturas da noticia xiraron arredor da lexitimidade dos nomes escollidos polo dedo dos Dous da Estrada (que, ainda que o pareza, non é o nome artístico dun dúo de gaiteiros, senón do dúo de máximos responsábeis da política lingüística da Xunta) para afrontar o que San Caetano denomina "renovación" ou "actualización" do Plan do 2004.
Esta que denominarei semántica de técola F5 fora xa utilizada na nota de prensa do 28 de novembro, na que se anunciaba a creación de 11 comisións para "renovar" o PXNLG: "A súa actualización correspóndese coa necesidade de adaptar esas accións, que foron elaboradas a partir da realidade lingüística que tiña Galicia nese momento, á situación actual. Neste senso, tal e como destacou López Campos nas reunións, esa realidade social, demográfica e lingüística é diferente hoxe en día e por iso, puntualizou, “apostamos por unha renovación que teña en conta as necesidades actuais, que xa temos debidamente analizadas, e normalizar así o uso do galego en distintos ámbitos sociais, sectores profesionais, na ensinanza, entre as persoas chegadas de fóra e, en xeral, na vida cotiá".
Sen dúbida, todos os "coordinadores" das comisións son xente con traxectoria dabondo. Iso non se discute, nin merece a pena perder o tempo nesa lea. O aspecto central desta noticia (e do momento no que estamos) é outro.
A consigna conservadora lampedusiana de cambiar todo para que nada cambie, encontra na "renovación" do PXNLG a escusa perfecta para manternos ocupados durante un ano, sen afrontar cambio sustancial ningún
2. O máis relevante é que chegamos a este final do 2024 sen pacto ningún pola lingua. Non houbo ningún acordo. Con ninguén. É a Xunta a que marca unilateralmente o paso; como nos últimos 16 anos, é ela a que decide como e cando se vai facer política lingüística. Co nomeamento dos coordinadores asistimos así á acta de defuncion do pacto e á escenificación do simulacro que lle permita continuar outra lexislatura máis coa política de bilingüísmo pasivo iniciada no 2009. Unha política normalizadora inversa de indubidable éxito, que logrou converter a lingua minoritaria (o castelán) en maioritaria en Galicia.
A consigna conservadora lampedusiana de cambiar todo para que nada cambie, encontra na "renovación" do PXNLG a escusa perfecta para manternos ocupados durante un ano, sen afrontar cambio sustancial ningún da política que nos trouxo aquí, nin tampouco os verdadeiros problemas da súa planificación. Concretarei eses problemas en dous: a súa avaliación e o seu procedemento de mudanza.
A avaliación do PXNLG
3. A diagnose da semántica F5 é clara: parte da premisa ideolóxica de que, 20 anos despois, e tras a constatación estatística dos seus malos resultados, non é necesario elaborar un novo Plan: a situación do galego é excelente e, se acaso, o único que convén facer é "actualizalo" con máis medidas que se ocupen de cuestións emerxentes (como os inmigrantes, as redes sociais ou a intelixencia artificial).
Dito doutro xeito, a Xunta (o Partido Popular de Galicia) non está disposta a afrontar nin o escenario de regresión ao que levou a súa política, nin o que calquera planificación seria, lingüística ou doutra índole, exixe: a avaliación dos resultados da aplicación do PXNLG.
Esa teima de non avaliar as súas políticas lingüísticas –velaí o incumprimento reiterado da obriga de avaliar os resultados de aplicación do Decreto 79/2010, para o plurilingüismo no ensino non universitario– é unha liña política vermella para o Partido Popular de Galicia. Niso consiste o seu traballo político e de goberno nos últimos 16 anos: negar a realidade, usar o goberno como unha parte máis da súa maquinaria de combate político-electoral, e esperar que os problemas reais sexan resoltos (?) polas dinámicas “libres” da propia sociedade.
E acontece, sen embargo, que a superación desa deformación ideolóxica da política lingüística é absolutamente necesaria para asentar calquera idea de pacto ou consenso nesta materia sobre unha base real, empírica. Só pode construirse un consenso sobre unhas bases fácticas comúns, que diagnostiquen o escenario de regresión do uso do galego, especialmente na xente moza. Cumpre termos presente, aliás, que a avaliación das normas é un principio básico de boa regulación que hoxe figura no artigo 130 da Lei 39/2015, de procedemento administrativo común das Administracións Públicas, e reitera para as políticas públicas autonómicas o artigo 23 da Lei 1/2015, de garantía da calidade do servizos públicos e da boa administración. Por que non comezar o camiño cara un verdadeiro pacto, por exemplo, anunciando a avaliación obrigatoria prevista desde hai quince anos na disposición adicional quinta do Decreto 79/2010?
O procedemento de elaboración da planificación lingüística
4. O segundo problema reside na falta de normas sobre a natureza e efectos da planificación lingüística do país. O PXNLG é un plan en busca de normativa que determine a súa natureza xurídica e o seu procedemento de elaboración, avaliación e revisión periódica.
Desde a entrada en vigor da nosa Lei 3/1983, de normalización lingüística, levamos xa corenta e un anos sen normas legais sobre planificación lingüística. É unha eiva colectiva tráxica. A LNL, por desgraza, entregoulle á Xunta "a dirección técnica e o seguimento do proceso de normalización da lingua galega", sen prever ou regular a planificación lingüística do proceso de normalización do galego. Este singular trazo de noso afástanos da construción das políticas lingüísticas basca e catalana, que sí a regulan con rango legal (disposición adicional segunda da LNL basca de 1983, artigo 39 da Lei catalana de Política Lingüística de 1998).
Porén, mentras o lexislador galego non corrixa esta eiva histórica, hai un dato xurídico certo, obxectivo, que convén subliñar: o actual PXNLG foi aprobado no 2004 (por unanimidade) polo Parlamento galego. En consecuencia, a súa revisión ou actualización, como modificación do seu contido, debe aprobarse tamén polo Parlamento. Do punto de vista do principio democrático, o coherente coa idea de pacto pola lingua sería a creación dunha comisión especial non permanente no propio Parlamento, que afronte os traballos relativos a este documento –sexa de renovación, anovación, actualización, transformación, adaptación, ou o que sexa– coa luz e taquígrafos propios do funcionamento da cámara de representación da vontade popular dos galegos e galegas.
A declaración institucional da Real Academia Galega do 13 de decembro do 2024 debe ser o punto de partida do pacto polo galego que mereza tal nome
Ausente unha proposta que respecte esa avaliación e este procedemento parlamentar, o anunciado "pacto pola lingua" convértese, tristemente, na confirmación do enésimo simulacro popular co que xustificar a perpetuación do rebus sic stantibus do galego e, con ela, o seu declínio. O Partido Popular de Galicia decidiu xa facer un Plan Renove á súa medida e en cómodos prazos para que os demáis o asinen, ou se coloquen fora do seu presunto “consenso” apandando coas culpas políticas da situación. Daí a teima con identificar ao BNG como os malvados da película “La imposición del gallego Remix”.
Cumpre denuncialo e reaxir en consecuencia. Así non. Non cola. A teima de confundir a maioría absoluta coa maioría absolutista non vai facer desaparecer a fonda preocupación polo galego existente en moitas institucións, colectivos e asociacións do noso país. Ao contrario, vai agravala.
É a nosa responsabilidade colectiva evitarmos que a anunciada "renovación" do PXNLG sexa o preludio doutra lexislatura perdida para a recuperación de espazos e usos da nosa lingua propia. Non podemos nin debemos permitilo. A declaración institucional da Real Academia Galega do 13 de decembro do 2024 debe ser o punto de partida do pacto polo galego que mereza tal nome.