Modesto Antonio Brandón, o pai
O “señorío” dos Brandón que louvan os egrexios viaxeiros, constroise en Meaus no século XIX acompañando a derradeira fase existencial do Couto Misto
O “señorío” dos Brandón que louvan os egrexios viaxeiros, constroise en Meaus no século XIX acompañando a derradeira fase existencial do Couto Misto.
Non foi só unha casa poxante no sentido patrimonial; converteuse tamén nunha referencia prá vida local. A familia aparece asociada ao comercio, á botica, aos documentos notariais, ás concordias e ás relacións coa xente dos pobos veciños. O seu peso non se explica só pola súa posición, senón pola combinación de coñecemento, prestixio e capacidade pra mediar.
Os Brandón son representativos da millor versión do que o Couto Misto podía producir: persoas sen “grandes” orixes, pro con formación, recursos e sentido da responsabilidade; individuos capaces de ocuparen espazos de autoridade sen romperen co mundo común.
Foi o seu fundador Modesto Antonio Brandón, ou Brandão nos primeiros rexistros, quen deu os seus primeiros pasos niste mundo acollido e socorrido no orfelinato de Braga, sendo meniño de nai e pai descoñecidos. Debeu chegar ao Couto Misto de rapazolo, mais ignóranse as circunstancias. En calquera caso, no 1813 xa está documentada a súa presencia en Meaus. Polo exposto, dedúcese que Brandón foi apelido adoptado e non biolóxico.
A súa actividade como comerciante de xéneros e boticario titular converteuno nun home sobresaínte na economía local. A botica, o trato co público, o coñecemento dos produtos e a capacidade para resolver situacións faguían dile unha figura valiosa e respeitada. Asemade, era un home de prol, culto e informado, atento ás normas do Couto Misto e defensor do seu particular estatuto xurídico.
Os Brandón son representativos da millor versión do que o Couto Misto podía producir: persoas sen “grandes” orixes, pro con formación, recursos e sentido da responsabilidade; individuos capaces de ocuparen espazos de autoridade sen romperen co mundo común
Os escritos notariais nos que ile interven direutamente ou inspira, amosan esa preocupación por nomear ben as cousas e por inscreber cada caso nun cadro conforme coas concordias e os costumes, pois eran fonte de direito e referente obrigado prao coñecemento dos diversos casos, producindo de oficio os correspondentes efeutos legais. Era un intérprete da legalidade local e mantiña bos contactos cos notabeis e os funcionarios das vilas veciñas que interviñan nos asuntos do Couto Misto cando asín correspondía.
No meio dalgunhas liortas seitarias que tiveron lugar no seu Meaus de adopción, ocasionándolle desperfeutos nos seus bens, sempre axiu coma home de lei, levando os litixios pola vía civilizada e da concordia, na procura da harmonía e da paz social.
Foi destacado representante dos “homes do comercio” estabelecidos en Meaus e pola súa posición económica e o seu carisma persoal, debeu exercer unha forte autoridade moral entre os seus conveciños como o demostra o feito de que, ao longo da sua vida, apadriñou unha mancheia de meniños da freguesia.
Modesto Antonio non foi un heroi épico. Foi un home que soubo converter unha existencia incerta nunha traxeitoria sólida, sen rachar co seu tempo nen co seu espazo. A súa figura resume ben a enerxía do “mundo misto”. Noutros contextos mais irtos, unha orixe descoñecida sen nome certo, podería ter condenado o individuo a un papel irrelevante
Naquile mundo petrificado por unha estrutura clasista onde a mobilidade social estaba choída e as circunstancias persoais no intre da nascenza marcaban fatalmente ao individuo prao resto da vida, Modesto Antonio encarna unha das características máis sobranceiras da sociedade mista: a posibilidade de se faguer un espazo proprio a partir do traballo, da integración e do recoñecemento veciñal, en función das súas capacidades persoais. A súa condición de orfo de orixe incógnita, non impediu que medrase deica ocupar unha posición de notábel prestixio entre os seus.
A súa vida persoal tamén axuda a entender o seu contorno social. Dispóis de enviuvar da primeira muller, casou de novo con Ana Delfina Lopes Fernandes, tamén de casa portuguesa, e formou unha familia numerosa. A fértil Ana Delfina pariu non menos de seis nenos e tres nenas. O feito de que os xovens medrasen nun ambiente abastado e atinxisen logo boas posicións nas súas vidas indica que o Couto Misto, malia o seu carauter rural, ofrecía posibilidades reais de mobilidade social.
Modesto Antonio non foi un heroi épico. Foi un home que soubo converter unha existencia incerta nunha traxeitoria sólida, sen rachar co seu tempo nen co seu espazo. A súa figura resume ben a enerxía do “mundo misto”. Noutros contextos mais irtos, unha orixe descoñecida sen nome certo, podería ter condenado o individuo a un papel irrelevante.
En Meaus, pola contra, converteuse nun referente. O Couto Misto posibilitoulle construír unha biografía a partir da ausencia. Ali ise fráxil ponto de partida podía ser compensado pola inserción nunha comunidade máis aberta e pola utilidade social que a persoa fose quen de oferecer. Modesto Antonio soubo faguelo. O seu éxito non se explica por regalía herdada, senón pola adaptación, esforzo e recoñecemento. Eis a grande leición da súa traxeitoria.
Modesto Antonio faleceu anos antes do seu fillo ter sido eleuto xuiz governativo, repousando o seu corpo en Meaus. Déronlle sepultura no interior da igrexa e o correspondente ritual seguiu as tradicións e foros dos mistos, nun momento en que os enterramentos dentro das igrexas xa non estaban vixentes na Península Ibérica.
Delfín Modesto Brandón, o fillo
Após a anexión, a súa vida entrou nunha nova dinámica. Relocalizouse profesionalmente demostrando que o antigo xuíz gobernativo non desaparecera co final do seu territorio, senón que procurou novos camiños de inserción nunha realidade nova e complexa
Foi o quinto fillo do casal formado por Antonio Modesto e Ana Delfina, isto é, membro da segunda xeración da saga Brandón.
Delfín Modesto nasceu xa dentro dun ámbito familiar asentado. A súa vida foi distinta da do pai, mais non menos intensa. Criouse en Meaus, aprendeu dende novo o manexo do comercio e medrou nun ambiente no que a fronteira non era un valo infranqueábel, senón un espazo de troca económica, cultural e humana. Tivo unha boa formación tendo estudado en centros de ensino portugueses, nomeadamente en Chaves.
Esas referencias poden explicar a capacidade de adaptación que demostrou ao longo da vida pra mexer con dilixencia entre distintos contextos e pra ser recoñecido coma un home de competencias sólidas.
A súa figura adequire especial relevancia porque coincide cun momento de mutación histórica. No 1863 accedeu ao goberno da comunidade e tivo que afrontar un tempo de presión política crescente, no que xa se adiviñaban as intencións dos dous estados veciños. O seu mandato foi unha defensa afouta do status quo do micro-estado, coma ile lle chamaba, e nun contexto no que a hostilidade medraba loitou pra manter as conquistas institucionais que xa se sentían ameazadas.
É alguén que sabe argumentar e descreber e nesa capacidade hai unha forma de visión histórica moi valiosa. Delfín Modesto non se limita a viver o proceso terminal do Couto Misto: tenta explicalo, gardalo e darlle sentido. Por iso o seu libro non é un simples exercicio intelectual, senón unha tentativa de gravar a ferro e lume o vivido no momento en que o seu mundo desaparecía.
Após a anexión, a súa vida entrou nunha nova dinámica. Relocalizouse profesionalmente demostrando que o antigo xuíz gobernativo non desaparecera co final do seu territorio, senón que procurou novos camiños de inserción nunha realidade nova e complexa.
Unha das dificultades principais pra reconstruír a súa biografía é a ausencia de documentos de nascemento fiabeis na liña do que Ferro Couselo, Fariña Couto e Cid Rumbao xa tiñan denunciado. Durante tempo circulou información errada encol do lugar e data de nascenza, o que obrigou á presente investigación a ter que interpretar partindo de información indireuta.
Efeutivamente, son varios os documentos consultados onde malia non se especificar o dia esauto da nascenza, porén fornecen información útil que permite inducir conclusións valiosas. De maneira que, sen perder a esperanza dalgún dia atopar nalgures ises arelados rexistros, procedeuse a un cálculo estimativo da data de nascemento da seguinte maneira:
No expediente tocante ao seu casamento, elaborado pola diócese de Ourense, consta que na data da asinatura dos documentos constituintes do proceso, 6 de Xuño do 1859, o interesado tiña 25 anos. Entón (moi probabelmente) nasceu entre o 7/Xuño/1833 e o 6/Xuño/1834.
Na folla de servizos da Administración de Aguadilla, infórmase que na data na que foi redixida, 20 de Marzo do 1883, o interesado tiña 48 anos. Dedúcese que podería ter nado entre o 21/Marzo/1834 e o 20/Marzo /1835. Da conxunción dos intervalos, resulta que o nascemento teria sido, con alta probabilidade, entre o 21/Marzo e o 6/Xuño do ano 1834.
Cando asumiu o posto de xuiz gobernativo en xaneiro do ano 1863, viña sendo un baril xoven duns 28 anos e, por conseguinte, non se lle debía mitar moito ao petrucio idoso da estatua que se exibe no adro da igrexa de Santiago de Rubiás. É unha conceución escultórica ben desatinada que cicais podería ser reciclada adicándolla ao coleitivo dos xuices do Couto Misto, en xenérico
Xa que logo, cando asumiu o posto de xuiz gobernativo en xaneiro do ano 1863, viña sendo un baril xoven duns 28 anos e, por conseguinte, non se lle debía mitar moito ao petrucio idoso da estatua que se exibe no adro da igrexa de Santiago de Rubiás. É unha conceución escultórica ben desatinada que cicais podería ser reciclada adicándolla ao coleitivo dos xuices do Couto Misto, en xenérico. Nunca é tarde de mais pra endireitar un torto.
Compre esclarecer que nunha ficha da Wikipedia a ile adicada, mantense que nasceu en Turei no ano 1835, mais hoxe sábese que non foi asín. Esas grallas foron inducidas pola “folla de servizos” de cando traballou na Administración de Correios en Aguadilla a cal é recollida literalmente. Tratarase esta cuestión mais adiante.
Noutras fontes solventes, su responsabilidade da diócese de Ourense, certifícase sen ambiguidade que “D. Delfín Modesto Brandón é natural e veciño de S. Salvador de Tosende“. Isto é, a freguesia matriz á cal pertence Meaus. O mesmo ca os demais irmaos e irmás, nasceu nesa localidade onde a súa familia se constituira con casa propria. Non é por acaso que o propio Delfín Modesto na súa “Historieta” reférese a Meaus coma “o meu pobo”.
Malia as moitas sombras darredor da sua vida, fóronse arrecadando retrincos valiosos da súa biografía e continúan as pescudas coa esperanza de xuntar mais pezas que axuden a recompor o decurso vital de quen foi un persoeiro crucial na história do Couto Misto.
A primeira fonte de información que dile temos é o libro xa citado “Historieta del Coto Mixto” dunhas 50 páxinas que nos deixou escrito, en español, língoa imposta pola “doma e castración”. Logo foron aparescendo novas fontes de información que complementan aspeutos da súa vida. Saliéntase entre elas a devandita “folla de servizos dos Correios de Aguadilla, Porto Rico” (consultábel na Wikipedia) e mais outros escritos de diversa índole (notariais, rexistrais, xornais, etc.) que se foron axuntando.
Froito das pescudas, conseguiuse restabelecer feitos relevantes atinentes á súa vida. Eis:
(Ano 1851) Como xa dito, o seu pai faleceu. A viuva Ana Delfina, muller de forte resolución, seguiu levando as rédeas dos negocios familiares e participou en todo tipo de operacións de índole financeira (vendas, empréstimos, etc.). Continuou co comercio de xéneros e traspasou a botica pra alguén do seu redor. Tamén decidiu darlle millora a unha filla que nascera eivada dun brazo.
A suliñar que lle outorgou poder notarial xeral a Delfín Modesto, mesmo non sendo ile o vinculeiro, pra xeriren entre os dous o patrimonio familiar. Polo exposto, dedúcese que Delfín Modesto dende novo tiña cualidades inatas praos negocios, nomeadamente no seitor textil do que a ile lle gosta falar.
(Ano 1857 - 59) Estadías frecuentes en Chaves. Sendo misto de casa portuguesa, alí formouse e aperfeizoou a língoa na variante portuguesa, a cal falaba coma nativo.
(Ano 1859) Casamento con Camila Losada, orixinaria do concello de Xinzo de Limia, e filla dunha família con intereses comerciais no Couto Misto. Andaban na vintena. Tiveron dúas nenas (Elisa, Elvira) e un neno (Enrique) quen, xunto cos numerosos curmaos e curmás, formaron a terceira xeración da saga Brandón.
(Ano 1863) O 1 de Xaneiro foi eleuto “xuiz presidente”, seguindo o procedemento democrático comunal. Foi un mandato complexo pois no horizonte xa se albiscaban as avesas intencións dos políticos dos dous reinos pra liquidaren o Couto Misto. Nise contexto pelexou infatigabelmente polos direitos lexítimos dos mistos, nomeadamente contra as autoridades locais de Montalegre que daquela se extralimitaban nas súas funcións. Cando o proceso de anexión estaba avantado e ile decatouse da irreversibilidade do mesmo, demitiu do seu posto pra non ser cómplice daquela falcatruada. Esa amostra de dignidade, hónrao.
Dispois dile inda houbo un outro xuiz, mais esa persoa desposuída xa das xenuínas funcións do seu cargo, limitouse a acompañar as formalidades do dito processo de anexión.
(Ano 1864) Asinatura do Tratado de Límites, consumando a extinción e anexión do Couto Misto.
Exerceu de xuiz gobernativo parte dise ano, deica a sua renuncia definitiva. Logo, durante un tempo, seguiuse ocupando en Meaus da economia familiar.
(Ano 1868, 23 de Xuño) Entrada en vigor do Tratado. Fin do Couto Misto, de morte matada.
(Década dos 1870) Asentamento de Delfín Modesto en Verin pra varios anos.
Coa conseguinte desestruturación que trouxo a extinción do Couto Misto, os “homes do comercio” esparexéronse na procura dun novo futuro profesional. Delfín Modesto estabeleceuse en Verín onde continuou co negocio de xéneros, diversificándose pra outros sectores con bo rendemento. Nomeadamente, foi representante nesa bisbarra dunha prestixiosa marca de chocolates
Coa conseguinte desestruturación que trouxo a extinción do Couto Misto, os “homes do comercio” esparexéronse na procura dun novo futuro profesional. Delfín Modesto estabeleceuse en Verín onde continuou co negocio de xéneros, diversificándose pra outros sectores con bo rendemento. Nomeadamente, foi representante nesa bisbarra dunha prestixiosa marca de chocolates.
(Anos 1881 - 1884) Oficial de primeira na Administración de Correios en Aguadilla.
Non acougou Delfin Modesto na procura de novas oportunidades profesionais. Nesa angueira apareceulle a oportunidade de acceder á función pública na Oficina de Correios de Aguadilla, en Porto Rico, colonia de ultramar deica o ano 1898. Tamén debeu ser unha enriquecedora experiencia persoal, permitíndolle coñecer o continente americano e faguer varias viaxes transoceánicas de ida e volta.
Sendo home de fronteira e dispondo de preparación e experiencia, Delfín Modesto era un excelente candidato pra un posto calificado na adeministración pública, nun porto marítimo.
De partida, un entrabe que podia prexudicar pra acceder a un posto na adeministracion pública era o seu pasado “misto”, pois após a abolición do Couto Misto os seus habitantes pasaron a ser unha especie de cidadáns en situación anómala. Prá vida rotineira non plantexaba grande dificultade pois na raia inzaban persoas en situacións xurídicas particulares. Ora ben, prao corpo de funcionarios, as exixencias son rigorosas e os orixinarios do Couto Misto poderían ter impedimentos.
Mais nas situacións adversas, a cotío xorden mecanismos de solidariedade e, nun mundo onde o estado social ainda non se desenrolara, houbo xente boa ou entidades coma, entre outras, a francmasonaría, moi activa naquiles tempos, que axudaron a refaguer as vidas.
Praos mistos, o feito de seren orixinarios dun ente político non recoñecido diplomaticamente inda que na práctica participase de atributos dun micro-estado, poido ser unha pexa de cara a normalización das súas vidas no novo contexto socio-político imposto. Nomeadamente, os seus estudos realizados mormente en Portugal, ou a carencia de servizo militar, podían supor pexas adeministrativas que exixían fórmulas creativas pra acomodalas.
Foi se cadra nise contexto que na famosa “folla de servizo” do devandito “Expediente persoal, Correios de Aguadilla”, que sen dúbida foi redixida polo propio Delfín Modesto ou con base na súa declaración persoal, podería ter habido ocultación forzada de certas referencias da sua personalidade. É o caso do lugar de nascenza, figurando Turei no canto de Meaus. Na realidade, en Turei nascera a sua nai.
O certo é que Delfin Modesto, aproveitou a oportunidade pra desempeñar funcións alén mar durante tres anos. Logo, infelizmente, o seu posto foi suprimido e tivo de retornar definitivamente. Estrañamente, na súa “Historieta” onde narra outros episodios da sua vida, non fai mención nengunha a tan interesante experiencia trasatlántica.
(Ano 1890) Localízase en Lisboa por mor de ocupacións comerciais, como ile mesmo conta. Isto demostra que nunca deixou de ter presenza en Portugal, país do que só di cousas boas, malia as liortas que tivera co xuiz de Montalegre, o seu pesadelo.
(Ano 1901) Falecemento da súa muller, Camila.
Causa perplexidade que tendo en conta a cultura requintada da época en materia de ritual mortuorio, con longas necrolóxicas nos meios de comunicación onde se honra a memoria do defunto, nomeando os seus achegados, e fornecendo os pormenores atinentes aos funerais que han ter lugar, porén, a única nota aparecida nun xornal pra comunicar a morte da muller de Delfín Modesto foi secamente (traducido do espanol) :
“Faleceu en Ourense, dona Camila Losada, de Brandón“
Nen ren mais. Moi intrigante… Ou premonitorio ?
(Ano 1904) Escrebeu en Celanova o seu libro “Historieta del Coto Mixto”, segundo consta no libro mesmo. En Celanova asentárase parte da diáspora, caso dunha súa irmá.
Non é un libro de memorias no sentido estrito, nen pretende ofrecer unha exposición erudita e sistemática. O seu interese reside en ser un texto híbrido, entre a lembranza, a reflexión e a súa visión da “cousa política”.
Grazas a iste texto, comprendemos millor por qué a figura de Delfín Modesto acabou sendo lembrada coma a dun cabaleiro. Non só por cortesía social, senón polo feitio con que se posicionou perante os acontecementos, cunha combinación de orgullo, discreción e defensa dos direitos do seu pobo
A obra componse de dúas partes ben diferenciadas. A primeira de tipo histórico narrativo, céntrase en feitos acontecidos durante o período do seu mandato. A segunda parte desprázase pra umha “digresión político-social-relixiosa”, consistente em reflexións persoais arredor da convulsa historia do Estado Espanhol durante o século XIX. Esta “digresión”, cun ar espontáneo, constitui un elemento interesante pra se coñeceren certos aspeutos do tecido social da época e tamén pra se achegar á personalidade do autor.
Malia a fasquía (moi) humilde coa que ile apresenta o seu libro, o certo é que de xeito sinxelo e un chisco críptico, contén pistas encol de vivencias e do pensamento do autor, sendo unha obra esencial no labor de recompor algunhas pasaxes do seu decurso vital como tamén o coñecemento da historia do Couto Misto na súa fase terminal.
En efeuto, por unha banda, oferece datos e observacións sobor do funcionamento interno do Couto Misto que doutro xeito teríanse perdido ou ficarían en testemuñas de transmisión oral. E, por outra, permite escoitar a voz do propio autor, a súa maneira de sentir o derrube do mundo no que vivira. A obra non está escrita para agradar ao leutor moderno, nen procura a elegancia literaria como prioridade. Con todo, deixa ver unha personalidade fiucega, convencida e, con certeza, ferida pola inxustiza que viveu en primeira persoa.
Grazas a iste texto, comprendemos millor por qué a figura de Delfín Modesto acabou sendo lembrada coma a dun cabaleiro. Non só por cortesía social, senón polo feitio con que se posicionou perante os acontecementos, cunha combinación de orgullo, discreción e defensa dos direitos do seu pobo. A ”Historieta” convértese así nunha ferramente de primeira orde pra reconstruír o conmovente final do Couto Misto e pra comprender o tipo de conciencia histórica que se xerou naquela fronteira.
Formar parte dun partido político relevante, de tendencia progresista, permitíalle se relacionar coa élite profesional e intelectual mais ilustrada da cidade
Cómpre engadir que o libro tamén axuda a desmontar erros e simplificacións. Moitas veces a historia do Couto Misto foi contada dende fóra, con prexuizos e exageracións encol de bandidos e contrabandistas, froito do descoñecemento que o mundo urbano ten do mundo rural onde, a miúdo, só ve paisaxe e pouco mais.
O texto de Delfín Modesto permite corrixir esa ollada externa e pór no centro a súa dimensión política e social. O Couto Misto non foi unha curiosidade; foi unha comunidade con historia, leis e dignidade.
A obra posúe tamén un valor literario modesto pro real. A súa mestura de lembranza, crónica e opinión fai dela unha peza que non é doado clasificar. Ise caráuter heteroxéneo converte a “Historieta” nun testemuño especialmente útil prao pescudador ou prao leutor curioso. É un libro que sen ambicións intelectuais, acaba producindo interpretación. E, pra ben entrar nos feitos históricos, esa é unha porta certa.
(Ano 1904) Membro da Xunta Provincial do Partido Republicano de Ourense. Outro fito salientábel na sua traxectoria persoal o cal non é surprendente pois Delfín Modesto era un republicano convencido. Nada mais lóxico e coerente pra alguén que exercera o cargo de xefe de goberno dunha proto-república, eleuto por democracia direuta de base comunal. A pouco que se lexan algúns comentarios do seu libro, ou se analisen os personaxes nile mencionados, dedúcese que o republicanismo zumégalle por todos os poros da pele.
Formar parte dun partido político relevante, de tendencia progresista, permitíalle se relacionar coa élite profesional e intelectual mais ilustrada da cidade. De feito, entre a vintena de membros desa xunta provincial, cóntanse profesionais liberais (médicos, farmacéuticos, mestres, abogados, etc.) e mesmo prominentes homes políticos. Il figura coma comerciante.
Coidaríase que dispois dunha existencia marcada pola rexa loita e onde sofreu duras adversidades (desfeita do Couto Misto coa conseguinte diáspora, supresión do seu posto de traballo en Aguadilla), Delfín Modesto por fin tiña atopado o camiño pra tomar folgo e recuperar un recoñecemento social que lle permitise encarar o final da súa vida con acougo.
(Ano 1907) Publicación da “Historieta” n’ A Corunha, no prelo da Imprenta Galega, segundo consta no libro mesmo. Foi un intre de realización intelectual e un digno “albaroque” prá súa sobranceira traxeitoria político-social.
No lado mais perturbador e sombrizo cómpre salientar que esta noticia é a derradeira que se tén de Delfín Modesto, vivo. A partir desa data un silencio xordo imponse.
(Ano 1910) Disolución do Partido Republicano.
Ignórase o paradoiro de Delfín Modesto nise periodo, nen a súa situación persoal. Noustante, sendo un firme militante republicano e laico, moi crítico coa monarquía e o Vaticano, é de supor que a desaparición do partido que se axustaba ás súas convicións profundas e constituía o seu círculo de socialización na cidade de Ourense, non debeu ser unha nova agradábel.
No lado positivo, a proclamación da república en Portugal, no 10 de Outubro do mesmo ano, debeuno encher de ledicia… acolá onde estivese. Nen todo ían ser disgrazas na vida !!!
- (Ano 1913, 17 de Maio) Morte en Ourense.
O que levou ao honorábel cabaleiro Don Delfin Modesto Brandón, a figura mais senlleira na historia do Couto Misto, a padecer un final tan tráxico constitúe outra abraiante sombra. O que o empurrou a deambular por portas e camiños coa mao esticada pra, en cabo, morrer abandonado de todo e por todos, mesmo agochando a súa orixe da que ile tanto se orgullaba, non se sabe. E cicais endexamais se chegue a saber
De súpeto, coma un alustro na noite fire nos ollos o achádego, nun vello arquivo, do seu tráxico pasamento. No apontamento (en español) do rexistro da defunción, ficou anotado de lacónicamente que a súa derradeira ocupación tiña sido “pordiosero”. Isto é, un pobre de solenidade, levando vida vagamunda, subsistindo das esmolas da xente e socorrido pola beneficencia.
A maiores, certas incoerencias tocante os datos persoais que ile transmitiu no final dos seus dias, fan pensar que dende había xa algún tempo a súa saúde mental poidese estar afeutada por algún síndrome neurolóxico.
Foi enterrado en Ourense, por unha entidade caritativa, no mais lóbrego anonimato e amarga soidade.
O que levou ao honorábel cabaleiro Don Delfin Modesto Brandón, a figura mais senlleira na historia do Couto Misto, a padecer un final tan tráxico constitúe outra abraiante sombra. O que o empurrou a deambular por portas e camiños coa mao esticada pra, en cabo, morrer abandonado de todo e por todos, mesmo agochando a súa orixe da que ile tanto se orgullaba, non se sabe. E cicais endexamais se chegue a saber.
Nise intre dispuña dunha ampla familia composta por irmaos, fillos e sobrinhos, en boa situación.
Non se pode deixar de estabelecer un fatídico e paradoxal paralelismo entre os decursos vitais dos Brandón, pai e fillo. Emprincipiou o pai a pelegrinaxe por iste mundo nun orfanato de Braga, na soidade, pro con absoluta determinación de sair pra adiante na vida, e conseguiuno con moito empeño deica atinxir un estatus relevante naquela época e contexto.
E logo, o fillo quen nado xa nun ambiente abastado e dispois de ter efectuado un decurso vital cheio de realizacións salientabeis, rematou os seus días nunha institución caritativa pra desamparados, coma o pai tiña comezado os seus en Braga.
E tampouco se pode deixar de faguer unha comparanza entre ises periplos existenciais coa propria historia do Couto Misto. Pra ambos os dous, coma prao Couto Misto, a roda do tempo completou umha reviravolta implacábel e cruel.
A casa dos Brandón, xa que logo, non se debe ler coma unha simple saga doméstica. É un fío que permite seguir a transformación dunha sociedade inteira na fase terminal. Na súa traxectoria pódense ver as posibilidades abertas pola estrutura mista, a confianza nun mundo veciñal igualitario e, máis tarde, o impacto frontal da agresión estatal
Encarnan dúas xeiras opostas da mesma historia. O pai representa o ascenso dun home de orixe descoñecida que consegue integrarse e prosperar no meio local. O fillo representa a maduración dise proxeuto, o apoxeo político e, finalmente, a crise que seguiu á desaparición do Couto Misto. Visto en conxunto, o ciclo familiar adequire unha forza novelística: orixe humilde, ascenso social, plenitude e caída.
A casa dos Brandón, xa que logo, non se debe ler coma unha simple saga doméstica. É un fío que permite seguir a transformación dunha sociedade inteira na fase terminal. Na súa traxectoria pódense ver as posibilidades abertas pola estrutura mista, a confianza nun mundo veciñal igualitario e, máis tarde, o impacto frontal da agresión estatal. O nome de Brandón deixa de ser só un distintivo familiar pra se converter nun símbolo da memoria do territorio.
A relevancia dos Brandón tamén radica en que souberon manter unha posición sen se converteren en caste pechada. A súa casa funcionaba coma un centro de referencia, mais non coma unha fortaleza social impermeábel. Polo contrario, a súa forza baseábase na forte interacción coa comunidade.
Pro o mais insólito e preocupante do relato que nos deixou Alfredo Cid Rumbao, é a desaparición dos “cuadernillos” nos libros parroquiais. Nise sentido, cómpre esclarecer que dada a solvencia intelectual dos tres eruditos, ao servizo da cultura galega, o seu testemunho en primeira persoa é absolutamente fiábel.
Por qué, cómo, pra quen, pra qué, cando, quen arrincou a mantenta follas de libros tan esenciais ?
Estas e outras perguntas xorden perante a inédita realidade verificada. Lémbrese que ises libros son producidos e custodiados direutamente polos cregos.
Por sorte, aos poucos, conséguense “desenterrar” novos escritos que van deitando luz encol dalgunhas “sombras”. Coma vagalumes, as faiscas da verdade coruscan na noite.
Declinio do señorío
A velocidade vertixinosa coa que se sucederon os acontecementos no microcosmos do Couto Misto no seguimento da anexión, produciu un cataclismo social que se callar deica agora inda non se teña analisado na sua amplitude
A velocidade vertixinosa coa que se sucederon os acontecementos no microcosmos do Couto Misto no seguimento da anexión, produciu un cataclismo social que se callar deica agora inda non se teña analisado na sua amplitude.
Ise proceso explica que poucas décadas despois houbese unha paisaxe case sen vestixios. Nos libros parroquiais faltaban follas, o cemiterio ofrecía pouco ou nada, e a tradición oral aparecía fragmentada e difusa. É o efeuto combinado da precariedade, da intencionalidade e da mudanza de réxime. Nunha comunidade rural pequena, cando se rompe o cadro institucional que artellaba a vida, a documentación e a lembranza vólvense axiña vulnerábeis.
Un episodio dramático moi ilustrativo do terríbel trauma padecido pola poboación, é o caso do primeiro mozo do Couto Misto que, dispois da anexión, tivo que cumprir o servizo militar no exército español. Cando o soldado voltou da “mili”, tiña perdido a fala.
O esbarrullamento do sistema económico e a desfeita social resultante produciron unha crise sen precedentes, un cambio de paradigma que trouxo unha decadencia xeral e a ruina do florecente sector comercial. As familias vencelladas ao comercio marcharon pra mais nunca retornaren. A comunidade espallouse pola xeografia galega e portuguesa na procura dun novo futuro, rompendo a cadea de transmisión da memoria. Procuraron novas formas de subsistencia e, ao facelo, deixaron atrás o universo simbólico no que se recoñecían. A vella rede de relacións esmoreceu, e con ela esvaeceu tamén o tesouro da identidade coleutiva.
Os camponeses, que complementaban as suas economias de autoconsumo vendendo produtos da terra ao abeiro do estatuto do Couto Misto, empobrecéronse drasticamente e tiveron de se adaptar como poideron pra subsistiren no meio do minifundismo endémico
Os camponeses, que complementaban as suas economias de autoconsumo vendendo produtos da terra ao abeiro do estatuto do Couto Misto, empobrecéronse drasticamente e tiveron de se adaptar como poideron pra subsistiren no meio do minifundismo endémico.
O trauma inducido pola anexión non se debe medir só en termos institucionais. Houbo tamén un forte impacto emocional, unha sensación de desarraigamento e a creba da simbiose co espazo existencial. As persoas non perderon só un réxime xurídico; perderon un xeito de se nomearen e de se recoñeceren. Cando un sistema cai, o que se derruba non é só a súa legalidade, senón a lingoaxe inteira dunha comunidade.
Ise baleiro transformouse no coñecido síndrome transxeneracional e explica o silencio que se impuxo nas xeracións seguintes. Semellantes traxedias humanas con alto grau de sofrimento individual e coleutivo, non deixan de producir en moitas persoas as conseguintes secuelas psicolóxicas ao non dixeriren os traumáticos acontecementos. A anguria e ansiedade transmítense inconscientemente no seio das familias, onde a cotío o mutismo instálase e calquera mención ao pasado é acalada.
Como se explica, se non, que conforme verificaron os ilustres viaxeiros xa non ficase naquelas terras nengunha lembranza de tan notábel familia, fundadora dun señorio, na expresión do cronista ?
Porén, tense ben documentado que pola formación recibida e os casamentos, os membros da segunda xeración desta familia, isto é, os fillos de Modesto Antonio e Ana Delfina, entre iles o xuiz governativo, desfrutaron dunha posición socio-económica desafogada na diáspora á que se viron forzados. O seu esforzo e bo faguer axudoulles a se reporen, polo menos no material, da traxedia que os asulagou cando o Couto Misto foi extincto. Isto fai inda mais enigmático o funesto final que o destino gardou pra Delfín Modesto.
Logo, veu unha numerosa terceira xeración que se podería chamar trunfante, pois nela sobranceian profesionais liberais e artistas de sona en especial no mundo da música e do canto. Mesmo houbo destacados políticos e poetas. E ninguén, ninguén diles, fixo endexamais nen nos seus “lurciños” nen nas súas “farangullas”, a mais mínima mención do Couto Misto manténdose completamente alleios á súa orixe e historia. O mesmo ca o soldado retornado da “mili”, tamén enmudeceron. Coa agravante de que, inda que xa na diáspora, a mor parte dos membros desa terceira xeración eran naturais de Meaus !!!
No que ao Couto Misto atinxe, a saga dos Brandón morreu pra sempre en xamais un 17 de Maio do ano 1913, xustamente 50 anos despois de que Rosalía de Castro acendese un dos fachos que alumearon as letras galegas na longa noite de pedra
E despois, sen contauto co Couto Misto, seguiron a cuarta e quinta xeracións, mingoantes, onde entre outros representantes detéctanse mediocres falanxistas servindo no bando fascista sublevado na guerra do 1936-39. E seguiron esquecendo a súa orixe…
Porén, se algo pretende amosar o presente traballo é que a memoria histórica non é un exercicio banal, senón un acto de xustiza. Recuperar as vivencias do Couto Misto e dos seus protagonistas é devolverlles azos ás comunidades que ficaron fóra das crônicas feitas dende o poder. E recuperar a Delfín Modesto Brandón é recoñecer nun home da raia seca non só un persoeiro interesante, senón unha das pezas chaves dun proxecto ilusionante.
Dito o cal, esgarabellar na intimidade de clans familiares dos que inda hoxe hai descendentes vivos, é un exercicio que requere suma delicadeza. Amais, iso xa sería outra historia.
No que ao Couto Misto atinxe, a saga dos Brandón morreu pra sempre en xamais un 17 de Maio do ano 1913, xustamente 50 anos despois de que Rosalía de Castro acendese un dos fachos que alumearon as letras galegas na longa noite de pedra.