Juan Francisco Barrié, Marcial Francisco del Adalid, Francisco Romeu, Manuel Sierra, Salvador Rivera, José e Bruno Herce, Jaime Dalmau e Martín de Torres Moreno son algúns dos empresarios escravistas coruñeses máis destacados na segunda e terceira década do século XIX. Francisco Félix Pla i Pullés destacaba entre os ferroláns.
Entre 1815 e 1820 un total de 37 expedicións financiadas por galegos mercaron e trasladaron a América dez mil escravos africanos, dos que uns mil morreron xa na propia travesía, deixando en todo caso un enorme beneficio económico a estes empresarios, que aínda estaba a aprender o seu 'oficio', que aínda acadou un maior pulo nos anos seguintes a pesar (ou posiblemente debido precisamente a iso) da súa prohibición.
En xullo de 1817 atracaba na Habana o bergantín San Juan cun cargamento de 258 escravizados que mercara nas costas de África a un mongo local. O buque partira da Coruña meses atrás e tiña rexistrado como propietario a Pablo Serra, un home de palla de Juan Francisco Barrié d’Abadie, comerciante coruñés de orixe francesa e un dos maiores traficantes de escravizados na Galicia
En xullo de 1817, e segundo declaraba o Diario del Gobierno de la Habana, atracaba no porto cubano o bergantín San Juan cun cargamento de 258 escravizados que mercara nas costas de África a un mongo local. O seu capitán, o veterano da trata José Vidal, tralos oportunos trámites na alfándega, descargou no Barracón a súa mercadoría humana para unha poxa posterior. O buque partira da Coruña meses atrás e tiña rexistrado como propietario a Pablo Serra, un home de palla de Juan Francisco Barrié d’Abadie, comerciante coruñés de orixe francesa e un dos maiores traficantes de escravizados na Galicia.
O propio Barrié aclarara un ano antes diante do auditor da Armada “que atendendo á situación deplorabel na que se acha o noso comercio [e] tendo noticia de que algunhas expedicións dirixidas á costa da Guinea por mor de conducir negros á Habana tiveran producido decentes resultados, en xuntanza e sociedade con algunhas casas respectables deste comercio [da Coruña] e da cidade de Santiago, formou o que declara o proxecto de mandar construír en Nantes algúns barcos propios para aquel comercio, [entre outros] o bergantín ao que se lle puxo de nome San Juan […] cun porte de cento oitenta toneladas pouco máis ou menos, e tívolle de custo douscentos mil reais, que aportou a casa do declarante en reunión coas do señor don Salvador Ribera e Fillo, don Jaime Dalmau e Cía, deste comercio, e a de don Andrés Ferro da cidade de Santiago, todos nunha compañía, e como principal e comisionado o declarante”.

Resulta interesante subliñar esta declaración, porque nos descubre algúns segredos ate agora ben agochados. En primeiro lugar, tratábase do primeiro recoñecemento explícito da implicación dos homes de negocios coruñeses, mais tamén doutros lugares de Galicia, na trata de escravizados
Resulta interesante subliñar esta declaración, porque nos descubre algúns segredos ate agora ben agochados. En primeiro lugar, tratábase do primeiro recoñecemento explícito da implicación dos homes de negocios coruñeses, mais tamén doutros lugares de Galicia, na trata de escravizados. Pero mesmo nos indica que o negocio resultaba moi rendíbel, pois producía o que eufemisticamente se chaman “decentes resultados” (e xa se supón o que son decentes resultados para un empresario). Finalmente, nos revela que o barco ao que alude construírase nuns estaleiros franceses especializados. Se seguíramos a revisar a declaración, poderíamos comprobar que o bergantín, de 195 toneladas, 78 pes de eslora e 22 de manga, estaba preparado para embarcar preto de 300 africanos e carrexaba un armamento revelador: 2 canóns de calibre 6 con abondosa munición, 30 fusís e outras tantas pistolas, 30 sables e “demais armas correspondentes”.
Mais ao mesmo tempo, o texto permite subliñar que os traficantes galegos aínda non coñecían ben o oficio, como acredita o feito de que gran parte da tripulación era de berce francesa
Mais ao mesmo tempo, o texto permite subliñar que os traficantes galegos aínda non coñecían ben o oficio, como acredita o feito de que gran parte da tripulación era de berce francesa, sobre todo a máis experimentada no tráfico, como eran o comisionado para negociar cos mongos –alcume dos europeos aveciñados en África, que adquirían primeiramente os escravizados–, o cirurxián –imprescindible nunha viaxe accidentada e preñada de ameazas de epidemia–, o condestable ou responsábel da artillaría, o garda, o armeiro e boa parte da mariñeiría. Á falla de habilidades e coñecementos técnicos, contratábanse expertos que levaban anos no oficio como eran todos estes veciños de Nantes, unha das capitais europeas da trata.

Daba comezo así unha segunda fase no tráfico galego de escravizados, despois dos incertezas iniciais e da chegada dun período de paz e de seguranza en toda Europa trala derrota napoleónica. Se ben era certo que a Gran Bretaña estaba a poñer atrancos para dificultar a trata aos demais países aliados, tamén o era que non o conseguiu de maneira cumprida
Daba comezo así unha segunda fase no tráfico galego de escravizados, despois dos incertezas iniciais e da chegada dun período de paz e de seguranza en toda Europa trala derrota napoleónica. Se ben era certo que a Gran Bretaña estaba a poñer atrancos para dificultar a trata aos demais países aliados, tamén o era que non o conseguiu de maneira cumprida, malia a Declaración das potencias sobre o tráfico de escravizados de 1815, no contexto do Congreso de Viena. Os británicos só conseguiron que os países participantes proclamaron moi xenericamente que a trata era a “calamidade que tivera desolada África durante moito tempo”. Dese xeito e a falta dun acordo universal, os ingleses houberon de asinar concertos bilaterais cos estados implicados neste negocio aldraxante, como fixeron entre outros con Portugal en 1810, e con Francia e Holanda en 1814. Dinamarca e Suecia e os Estados Unidos xa manifestaran a súa prohibición en 1803 e 1808.
Nese mesmo sentido, Inglaterra asinou co reino de España o Tratado de 1817, polo que Fernando VII se comprometía a proscribilo na metrópole e nas súas colonias americanas e asiáticas, aguilloado pola prema inglesa de amparar aos insurrectos de América (e tamén pola suma de 400 mil libras esterlinas, en concepto de compensación por perdas, unha pequena fortuna que aceptou o rei de inmediato). Mais como nos acordos anteriores coas potencias europeas, existía tamén unha letra pequena no tratado ao quedaren excluídos da prohibición os territorios africanos ao sur da liña ecuatorial, onde se podían mercar libremente persoas escravizadas, e se adiaba ademais a súa aplicación ata finais de 1820.
Cal foi o comportamento dos comerciantes galegos diante desta regulamentación? A información da que dispomos sinala un crecemento significativo nas viaxes que se dirixían ao África desde portos do país, ata o punto de transformarse Galicia nunha pequena potencia no negocio escravista
Cal foi o comportamento dos comerciantes galegos diante desta regulamentación? A información da que dispomos sinala un crecemento significativo nas viaxes que se dirixían ao África desde portos do país, ata o punto de transformarse Galicia nunha pequena potencia no negocio escravista. Explícao de xeito xenérico a prolongada crise do comercio americano tralas continuas guerra de fins do século XVIII e comezos do XIX, como sinalaba o armador do bergantín San Juan. Pero resulta tanto ou máis relevante a propia firma do tratado que, sen pretendelo, deu notoriedade ao negocio e, sobre todo, seguridade xurídica aos comerciantes –aínda que limitada no tempo–, para acudiren aos portos ao sur do ecuador. Neles captaron a infraestrutura que deixaran os británicos, como factorías, navíos, contactos comerciais e, sobre todo, aprendizaxe técnico do que ata agora carecían na súa maioría.

En total, alcanzaron as 37 expedicións: dúas en 1815, catorce en 1816, nove en 1817, dúas en 1818, sete en 1819 e 3 en 1820. Entre todas recadaron máis de 10 mil persoas escravizadas, das que chegaron a América apenas 9 mil, porque as mortes na travesía eran moi elevadas
Ao constituír a trata unha actividade aínda tolerada, a información que nos permite reconstruír o relato –rexistros oficiais de compra de buques, contratos coas tripulacións ou adquisición de armamento– documenta un gran número de expedicións cara África saídas de portos galegos ou financiadas por empresarios do país. En total, alcanzaron as 37 expedicións: dúas en 1815, catorce en 1816, nove en 1817, dúas en 1818, sete en 1819 e 3 en 1820. Entre todas recadaron máis de 10 mil persoas escravizadas, das que chegaron a América apenas 9 mil, porque as mortes na travesía eran moi elevadas, debido as epidemias que se desataban durante a viaxe. Con todo, eran moitos os escravizados que chegaban a América, sobre todo se pensamos que os beneficios que deixaba unha travesía redonda –Europa-África-América– convertían nun gran potentado ao empresario que se arriscaba no negocio. E a isto había que engadirlle tamén os aproveitamentos da viaxe de volta á península con cargamento de coloniais, especialmente azucre, café e tabaco que distribuía en toda Europa.
Podemos coñecer os pormenores dunha destas viaxes grazas a un protocolo notarial no que se describe polo miúdo a derrota que se lle asignaba á fragata Rita, anteriormente Flor de Mayo, propiedade do comerciante herculino Bartolomé de las Casas Díez
Podemos coñecer os pormenores dunha destas viaxes grazas a un protocolo notarial no que se describe polo miúdo a derrota que se lle asignaba á fragata Rita, anteriormente Flor de Mayo, propiedade do comerciante herculino Bartolomé de las Casas Díez. Segundo o devandito documento, “a fragata española nomeada Rita con 10 canóns de a oito, 30 fusís, 24 pistolas, 40 sables, chuzos, 10 quintais de pólvora, balas, metralla e outras miudezas propias do armamento do buque, con 55 individuos de tripulación entre oficiais e mariñeiros, mesmo o mestre don Juan José de Leguina e capitán don Juan Bautista de Arrarte, todos españois, próxima a saír do porto de Santander á carga de negros na costa de África para a Habana, fará a derrota rodeando a costa de España ata o cabo de Ortegal, e desde alí discorrer entre a Terceira e a Madeira, dende cuxa altura irán a parar 70 leguas ao oeste das illas de Cabo Verde para acadar a costa de África, que correrá 40 leguas dela ata a liña [do ecuador], desde onde tomarán o porto de Luango ou outro inmediato no que ache trata de negros. Verificado o cargamento, faranse á vela na devandita costa para a Habana, facendo a súa derrota en canto o permitan os tempos ata o paralelo de 25 graos e 44 minutos de latitude norte, e despois seguirá a súa navegación ao oeste para pasar pola canal vella da illa de Cuba ou de Providencia, ata a Habana”.

Os barcos acostumaban a saír de portos galegos, pero non sempre resultaba así, de modo que podían facelo tamén dende a Habana ou Santander, pero con armadores ou investidores do país
De que portos levantaban áncora os buques da trata financiada en Galicia? A resposta ten moitas lecturas, pois xunto aos empresarios que organizaban as viaxes, que podían facelo ou non dende ancoradoiros do país, figuraban tamén investidores de dentro ou de fora. Así, os barcos acostumaban a saír de portos galegos, pero non sempre resultaba así, de modo que podían facelo tamén dende a Habana ou Santander, pero con armadores ou investidores do país. As combinacións, pois, resultan múltiplas e polo mesmo desiguais os niveis de beneficio.
Nesta etapa que transcorre entre a firma do Tratado de Viena (1815) e a prohibición da trata (1820) para os súbditos españois destacaron dous grandes centros de investimento ao redor dos portos da Coruña e de Ferrol
Nesta etapa que transcorre entre a firma do Tratado de Viena (1815) e a prohibición da trata (1820) para os súbditos españois, tanto da península como das colonias, destacaron dous grandes centros de investimento ao redor dos portos da Coruña e de Ferrol. De momento non apareceron testemuñas precisas –só indicios– que nos permitan deducir que houbera un movemento semellante no porto de Vigo ou nos das Rías Baixas, o que pode ser debido á falta de evidencias, que aínda non se atoparon, ou que os negocios do peixe salgado que distribuían no Mediterráneo peninsular resultábanlles máis atractivos e rendíbeis que os da propia trata. Sobre isto, pois, hai moito que pescudar aínda.
Os escravistas coruñeses
A trata coruñesa, a máis significativa en termos cuantitativos, estivo encabezada polo comerciante de orixe francesa do que xa falamos, Juan Francisco Barrié
A trata coruñesa, a máis significativa en termos cuantitativos, estivo encabezada polo comerciante de orixe francesa do que xa falamos, Juan Francisco Barrié. Natural da Gascuña (suroeste de Francia), o coñecido home de negocios exiliárase en San Sebastián fuxindo da revolución e, máis adiante, na Coruña, prazas nas que continuou no exercicio da profesión. En 1809, trala retirada dos franceses de Galicia, foi desposuído dos seus bens e vendidos en poxa pola súa conivencia co exército invasor –firmara un contrato para abastecer as tropas inimigas en Galicia– e non regresou á cidade herculina ata 1814, tralo retorno de Fernando VII. Recuperou daquela gran parte do seu patrimonio e tornou aos seus negocios, en especial ao tráfico de escravizados “atendendo á prostración deplorábel na que se acha o noso comercio”, segundo as súas propias palabras que teño mencionadas. Mercou varios buques en poxas de barcos ingleses feitas en Liverpool, obrigados os seus donos a abandonar o negocio, e encargou outros catro en estaleiros de Nantes, a capital europea da trata trala caída dos portos británicos.
Os cambios nos réximes políticos non afectaron para nada os seus negocios, de modo que participou en subscricións de débeda pública, tanto durante o Trienio liberal (1820-1823), como tralo regreso de Fernando VII, e asinou mesmo en 1825 un manifesto de agradecemento ao xeneral francés Tissot, que sitiara a cidade herculina para restablecer o absolutismo, algo que ningún outro membro do estamento mercantil se atrevera a secundar. Barrié casou cunha filla dos Marchesi, unha das familias da elite liberal coruñesa, coa que tivo un descendente, Pedro María Barrié y Marchesi, quen pola súa parte enlazou con outra muller da liñaxe dos Pastor, dos que terei ocasión de falar máis adiante. Finalmente foille concedida a Légion d'Honneur francesa e condecorado cabaleiro da Orde de Carlos III.
Outro ilustre traficante de escravizados foi o coruñés Marcial Francisco del Adalid, patriarca dunha dinastía de gran incidencia social na cidade
Outro ilustre traficante de escravizados foi o coruñés Marcial Francisco del Adalid, patriarca dunha dinastía de gran incidencia social na cidade. Biscaíño orixinario de Lanestosa na bisbarra das Encartacións, é coñecido sobre todo por ser o avó do distinguido compositor e musicólogo Marcial del Adalid, con rúa conmemorativa na cidade. O seu fillo, Francisco Adalid y Loredo, desposou cunha Gurrea, tamén da elite herculina e, como o seu pai, desempeñou os cargos de prior do Consulado, de capitular no Concello –con certas preocupacións sociais: impulsou o ensino e a sanidade pública– e resultou un hábil político durante o Trienio. Todos os Adalid formaran parte dun clan comercial-familiar cuxa actividade máis significativa tiña sido a trata de escravizados.
Ao grupo social que constituía esta oligarquía hai que engadir outros apelidos ilustres, como os de Francisco Romeu, Manuel Sierra, Salvador Rivera, José e Bruno Herce –vencellados familiarmente estes dous irmáns á sociedade habanera de Lombillo-Suárez Argudín, o maior importador de escravizados na década de 1820–, Jaime Dalmau e Martín de Torres Moreno. Francisco Romeu era un natural de Vilanova i la Geltrú e emigrara a Galicia atraído polas oportunidades que tiñan brindado os Correos marítimos en décadas anteriores. Compaxinaba os negocios da trata, para o que dispuña de varios navíos, coa xestión de patrimonios, como os do coñecido político Pedro de Llano. Como moitos dos integrantes desta oligarquía comercial, estivo moi vinculado ao Concello constitucional durante o Trienio, que soubo empregar como trampolín para as súas actividades mercantís. Pola súa banda, os Torres Moreno eran nacidos en Ortigosa de los Cameros e mantiveron unha rede internacional familiar cuxos centros situábanse na Coruña (Manuel e Martín), en Londres (Andrés e Benito) e na Habana (Eugenio). Martín contraera matrimonio cunha filla de Marcial del Adalid, tivera participado en operacións relacionadas co Concello e o Consulado e diversificado os seus investimentos cara a compra de bens desamortizados, accións do Banco de San Fernando, o crédito e, mesmamente, a máis lucrativa de todas, o tráfico de escravizados.
Hai que engadir outros apelidos ilustres, como os de Francisco Romeu, Manuel Sierra, Salvador Rivera, José e Bruno Herce, Jaime Dalmau e Martín de Torres Moreno
Como temos visto, a maioría dos integrantes deste grupo social comulgaban, paradoxalmente, co ideario liberal e contrarios ao absolutismo de Fernando VII. Máis era só una aparente contradición, pois eran liberais só nos planos financeiro, industrial e comercial e se opuñan ás limitacións por parte do Estado a ese peculiar concepto de liberdade, pero nunca no plano moral.
Os tratantes ferroláns
En Ferrol érguese a figura de Francisco Félix Pla i Pullés, propietario do bergantín Jesús, María y José, un dos máis activos do porto, con fillos que se converterían na década de 1830 en axentes significativos do tráfico habaneiro. Emparellou na mesma cidade con Ramona Monge Amboage
Fronte o éxito obtido polos escravistas herculinos, que sabemos dos ferroláns? A fonte de información máis habitual, a base de datos Slave Voyages, non rexistra ningún da mencionada procedencia, pero outra vez as escrituras notariais sinalan neste momento a certos homes de negocios da cidade comprometidos coa trata. Entre eles érguese a figura do propietario do bergantín Jesús, María y José, un dos máis activos do porto, con fillos que se converterían na década de 1830 en axentes significativos do tráfico habaneiro. Estou a amentar aos Pla ferroláns. O patriarca, Francisco Félix Pla i Pullés, procedía de Vilanova i la Geltrú e estableceuse en Ferrol na procura, como tantos outros, de oportunidades na industria da salga cara finais do século XVIII. Nun dos censos municipais figuraba como mercador de viños do país e de Málaga e como deputado do Concello en 1834 e 1835.
Emparellou na mesma cidade con Ramona Monge Amboage, filla dun dos maiores comerciantes locais, Pedro Monge, natural de Barcelona e tamén emigrado. A conxuntura peninsular e europea non lle tiñan sido favorables debido ás guerras de fin de século e á invasión francesa posterior, que paralizaran o tráfico naval. Máis tralo regreso de Fernando VII en 1814, o vello Pla principiou o seu agresivo proxecto de compra de naves para ocupalas na trata. En abril dese ano obtivo en poxa a metade dunha balandra inglesa que matriculou como Isabel y Josefa. A outra metade pertencía ao coruñés José Alfonso. Poucos días máis tarde adquiriu o bergantín Antoñeta, alias El Ferrolano, en sociedade co comerciante cubano Tomás Vázquez y Pla, probabelmente emparentado con el, quen aportou as dúas terceiras partes da inversión. Un mes máis tarde, obtivo tamén en poxa pública o bergantín El Venturoso xunto co mesmo Tomás Vázquez e solicitou de inmediato a patente de corso e mercadoría, trámite obrigatorio para destinar o navío ás costas africanas. As alianzas con outros mercadores para diversificar o investimento indícanos a prudencia empresarial de Pla diante dun oficio aínda pouco coñecido.
Cando a finais de 1820 entre en vigor a prohibición da trata que o reino de España asinara coa Gran Bretaña, os traficantes galegos estaban xa preparados para competir en coñecementos e sabedoría con comerciantes doutras procedencias. Pois, como veremos nun próximo capítulo, o negocio non rematou co rexeitamento legal, antes ben, acadou precisamente maior pulo pola existencia da propia prohibición
En 1816 rexistrou o referido bergantín Jesús, María y José e no contrato coa tripulación figura marcadamente o destino do barco, do que se di “próximo a facer viaxe as costas de África”. Porén, o que resulta de maior interese é a modalidade de empresa que establece, a máis habitual naqueles momentos de aprendizaxe. A firma estaba conformada por tres socios: José María Pintado, o capitán –que actuaba en nome da sociedade habanera Manuel Entralgo y Cía–, Julián Vicente Rivero, do comercio de Ferrol, e o noso Francisco Félix Pla. Os socios “tiñan determinado facer e emprender por terzas partes iguais a negociación, expedición e especulación a devandita costa de África para a compra, troco e comercio de negros, e conducir estes por conta e a beneficio da sociedade na referida cidade da Habana”. O capital investido ascendía a 276.525 reais, unha cifra máis ben reducida, dos que Pla aportou o 28%, Rivero o 38 e Pintado o 33. A estas cantidades habería que engadirlle o valor do navío [que podía oscilar entre 100 mil e 200 mil reais] e uns 90 mil máis “en diñeiro, efectos, xéneros, provisións e todo o preciso para a devandita expedición e comercio”. As ganancias da operación teríanse que repartir de forma proporcional ao investimento realizado por cadanseu dos socios, “téndose capitulado entre todos tres pola devandita escritura que as utilidades ou perdas que resultaran da negociación haberían de dividirse con proporción e a pro rata dos capitais expresados e o seu resultado”.
Cando a finais de 1820 entre en vigor a prohibición da trata que o reino de España asinara coa Gran Bretaña, os traficantes galegos estaban xa preparados para competir en coñecementos e sabedoría con comerciantes doutras procedencias. Pois, como veremos nun próximo capítulo, o negocio non rematou co rexeitamento legal, antes ben, acadou precisamente maior pulo pola existencia da propia prohibición. A agricultura de plantación nas colonias españolas do Caribe precisaba con urxencia de máis forza de traballo escravizada e ningunha prohibición podía poñer couto as necesidades do mercado, aínda que o xeito de procuralo estivera fora da moralidade dominante.