Adeus a Araceli Herrero Figueroa

Araceli Herrero Figueroa CC-BY-SA Eduardo Castro Bal

Xa teño un novo motivo para sentir horror e pánico por este Covid 19 que nos acosa e mata. Matou unha amiga, escritora, que paseaba o seu sorriso por Lugo, cidade onde nacera, traballaba e vivía, Araceli Herrero Figueroa. Tiña só 72 anos.

Era discípula e seguidora de don Ricardo Carballo Calero, e foi morrer neste ano da Celebración sen celebración. Ano de mortas sen despedida. Ano de distancias, sen apertas, bicos e contactos.

Estudara Filosofía e Letras e despois, Filoloxía Galego- Portuguesa. Impartía aulas no Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela, na Formación do Profesorado. Era directora do Departamento de Didáctica da Lingua e da Literatura de dita Universidade. 

Como investigadora, teñen gran interese os estudos do poeta lucense Pimentel, así como os de Cunqueiro e Carballo Calero. 

Foi tamén estudosa de Emilia Pardo Bazán. 

Publicou en obras colectivas. Artigos seus podemos ler en múltiples revistas galegas.

Había tempo que non coincidíamos. Galicia é pequena, pero hoxe en día as distancias tómanse polos medios de comunicación. Vigo e Lugo parece que están nas antípodas. É unha cidade que me gusta, quero e teño boas amigas, pero de difícil acceso e comunicación. 

Despídome aquí de Araceli e agradézolle o seu traballo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.