O tres de abril a policía desarticulou en Santiago unha rede de prostitución en Santiago, encabezada por un do PP. Importaban mulleres desde o Paraguai e escravizábanas en pisos, pagándolles até un euro por servizo. Os xornais informaron disto exactamente durante tres días. Non houbo máis novas, ningunha.
Como esas mulleres son moi pobres, debemos supoñer que non terán avogados propios e que só os fiscais defenderán os seus intereses no xuízo. Igualmente, que só as institucións da administración pública estarán a axudalas materialmente.
Isto é así porque as organizacións feministas son indiferentes, non consideran estas monstruosidades como asuntos propios. Se estiveren minimamente implicadas veríamos como a prensa se axitaba co asunto. Saberíamos que as numerosas avogadas militantes traballan nas causas e que as propias organizacións palían as necesidades das persoas. Pero non, porque este feminismo de por aquí é cousa de clases medias e están ao seu, e o seu por suposto que non é iso.