Alfonso Rueda, coas vergoñas ao aire

Ana Pastor e Rosa Díez, na manifestación convocada pola asociación 'Galicia Bilingüe' o 8 de febreiro de 2009 CC-BY-SA Manuel Vilas

É imprescindible coñecer o idioma de Rosalía para traballar na CRTVG. É máis, eu diría que o nivel de coñecemento do idioma propio de Galicia debe ser alto, acorde coa responsabilidade que o traballador ten que asumir

Nacín no ano 1968, pasei a infancia nunha aldea galega baixo o xugo franquista, que chegaba a todas partes e por tanto era imposible librarse del, a non ser coa morte ou emigrando. Nese contexto aprendín a chamarlle grilo ao grilo, vacaloura á vacaloura e cómaro ao cómaro. Souben que o angazo era para angazar e o fouciño para rozar. Quen me impuxo ese idioma coma lingua materna? Ninguén, chegou a min por transmisión xeracional e pola inercia dos tempos, cunha forza que se forxara séculos atrás e que a ditadura, malia que o intentou, non puido parar. Na miña parroquia todos falaban galego. 

O 24 de xullo de 1985 comezou a emitir a TVG. O 25 de xullo emitiu a primeira película, a curtametraxe Mamasunción de Chano Piñeiro. Creouse en base á Lei 9/1984, de 11 de xullo, de Creación da Compañía da Radio-Televisión de Galicia, que no seu artigo 1.1. di o seguinte: “Atribúeselle á Compañía de Radio-Televisión de Galicia a misión de servizo público consistente na promoción, difusión e impulso da lingua galega, así como … “

Lido o anterior, dedúcese, sen que haxa erro ou posible mala interpretación, que é imprescindible coñecer o idioma de Rosalía para traballar no citado ente autonómico. É máis, eu diría que o nivel de coñecemento do idioma propio de Galicia debe ser alto, acorde coa responsabilidade que o traballador ten que asumir. 

A situación da lingua merece unha reflexión e unha posterior reacción social. Falen galego, fálenllelo aos nenos. Non sexan cómplices. Deixen a Rueda e aos seus sós, coas vergoñas ao aire

De Alfonso Rueda sabemos que lle gustou manifestarse xunto a Gloria Lago, presidenta e voceira da asociación Galicia Bilingüe, contra unha suposta imposición do galego. Esta tese basease nos argumentarios da Fundación FAES, que preside José María Aznar. Xa temos tres nomes, tres actores principais nesta trama que só perseguía, e persegue, que o galego sexa unha lingua de segunda, ausente da vida política, empresarial, universitaria e social: Aznar, Gloria Lago e Alfonso Rueda, sendo este último o cómplice necesario, membro daquela do goberno de Feijóo e presidente agora. Coma bo cómplice, como persoa obediente e ben mandada, deu agora un paso máis, exime do coñecemento do galego aos futuros traballadores da televisión pública galega. Despois, xa o sabemos, a culpa é dos que nos apropiamos do idioma e, en último caso, da sociedade, e se a sociedade non quere que lle ha facer el. Presentarase coma un home bo e xeneroso, inocente de toda culpa, vítima do fanatismo radical dos que pensamos que o idioma é o maior ben inmaterial que posuímos. 

A situación da lingua merece unha reflexión e unha posterior reacción social. Falen galego, fálenllelo aos nenos. Non sexan cómplices. Deixen a Rueda e aos seus sós, coas vergoñas ao aire.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.