A estas alturas poñer en dúbida que en Galicia estase producindo, baixo a dirección da Xunta de Galicia (PP), un programado e minucioso desmantelamento da asistencia sanitaria pública resulta simplemente grotesco. Como antes sucedera nas comunidades de Madrid e Valencia tamén Galicia se sumou ao carro dos recortes e das privatizacións provocando que, do mesmo xeito que as comunidades citadas, Galicia pasara a converterse “nun parque temático sanitario” (M. Sanchez-Bayle, portavoz da FADSP).
O balance xeral deste proceso de recortes no gasto e privatización nos servizos presenta como resultado un recorte de medios (fundamentalmente redución de persoal e peche de camas que resulta ser o recurso mais empregado para a redución de custos) que favorece a deriva dos pacientes aos centros privados co conseguinte incremento dos concertos (que se especializan na atención ós pacientes con patoloxías mais rendibles dende o punto de vista económico). Hai tamén unha privatización de servizos (especialmente de aqueles de maior rendibilidade que solen coincidir, en moitos casos, cos de mais alta tecnoloxía) e un claro deterioro da asistencia sanitaria especialmente nos centros de Atención Primaria pero tamén nos de Atención Hospitalaria.
O recorte de medios, como por caso de camas (calcúlase que o SERGAS pechou xa mais de 750 camas), supón efectivamente unha peor atención aos pacientes. Mentres os responsables da Xunta intentan xustificar esta medida con criterios de suposta mellora da asistencia sanitaria (favorecería unha “hospitalización a domicilio” que seica resulta mais confortable para os pacientes que a ordinaria) as evidencias mostran que non so se trata dun recurso para reducir custos senón que ten graves consecuencias para os pacientes. Así, como podemos ver con demasiada frecuencia, non so se multiplican os casos de camas polos corredores hospitalarios, de pacientes graves encamados durante horas en camillas cando non oscultados nos propios corredores, senón que os Servizos de Urxencias dos Hospitais (SUH) vense superados pola saturación de pacientes –algo que calquera que teña que acudir a estes servizos pode comprobar- quen a súa vez teñen que permanecer mais tempo nese servizo en espera de ingresar por falta de camas hospitalarias. Como moi ben denuncian os profesionais sanitarios os recortes de camas producen o efecto boomerang especialmente nos pacientes con doenzas críticas. Efectos que se poden comprobar, a pesares do segredo con que se manexan, nas listas de espera que se incrementan tanto en número como en tempo de espera especialmente para intervencións cirúrxicas, evidencias que tratan de ocultarse con listas de espera maquilladas que sitúan a miles de pacientes no limbo e que, xa que logo, non se contabilizan. Nembargante as consecuencias poden ser aínda peores pois como demostran as experiencias en outros países europeos, por caso Gran Bretaña, o recorte de camas pode chegar a incrementar o número de mortes evitables nos centros hospitalarios.
Un fenómeno parecido sucede cos recortes de persoal –so nos hospitais elimináronse preto de 1.800 prazas-. Si se trata de persoal médico resulta indiscutible que si un servizo perde persoal médico –elimináronse mais de 500 prazas- ou, por caso, se substitúe a persoal fixo por temporal aquel non poderá atender ao mesmo número de pacientes nin facelo co mesmo nivel de calidade. Moito máis se esa asistencia sanitaria pública, como sucede coa galega, ten xa de seu un importante déficit de persoal médico: Galicia é a terceira comunidade autónoma con menos médicos/as por habitante. Cando os recortes son de persoal médico en formación afectan non so ao desenrolo formativo dos profesionais da sanidade senón tamén ao relevo xeracional e, de rebote, a calidade da asistencia sanitaria. O mesmo sucede coa redución de persoal de enfermería –ó redor de 200 prazas- algo que veñen denunciando fontes solventes do sector: as evidencias científicas mostran como a redución deste persoal non so afecta a atención aos pacientes senón que segundo estudios recentes estase demostrado que teñen un efecto impulsivo da mortalidade nos pacientes tal que por cada 10% de redución na dotación de persoal de enfermería incrementase a mortalidade nun 12%. Entre os incontables casos que evidencian as consecuencias deste grande déficit de persoal sanitario non podo deixar de citar, pola súa gravidade e paradigma, o que está a suceder no Centro Psiquiátrico de Conxo onde, como así denuncia un Informe do Valedor do Pobo, son tales as carencias de persoal que colocan aos pacientes nunha situación de clara vulneración dos seus dereitos como seres humanos.
Na maioría dos casos, como sucede actualmente en Galicia, a política de concertos coa atención sanitaria privada, que na práctica provocan un debilitamento financeiro e operativo do sistema público, non está debidamente xustificada dende unha perspectiva pública quedándose nunha crecente transferencia de recursos públicos a empresas privadas cuxos propietarios, en moitos casos, nada teñen que ver coa asistencia sanitaria como por caso sucede cos fondos de capital risco –“fondos voitres”- tal que o CVC Capital Partners presente en Galicia. Se dende o lado do público os concertos non solen estar debidamente xustificados si teñen xustificación dende o lado privado xa que resultan seren o negocio mais rendible dos centros sanitarios privados, a parte mais lucrativa do seu negocio. Supoñen un enfeblecemento do sistema público xa que a practica dos concertos condiciona o desenrolo do mesmo como sucedeu durante moitos anos na área de Vigo onde o concerto co centro de POVISA estivo condicionando o desenrolo do sistema sanitario público na zona ao tempo que facilitaba a consolidación dun proxecto privado que ten no SERGAS o seu principal cliente. Situación que se mantén hoxe en día a pesar da construción do CHUVI. Por outra parte e como denuncian continuamente os órganos públicos de control –como, por caso, o Consello de Contas- falta nos concertos un control axeitado das facturacións, tarifas e mesmo actividades tal que non é posible coñecer a evolución real dos custos da actividade concertada que se rematan fixando en base a estimacións. Escurantismo que xustifica a crecente desconfianza que, por caso, existe entre os pacientes galegos asignados a POVISA que descoñecen as condicións de asistencia sanitaria deste centro así como as razóns que existen desta asignación que leva a que, como ben denuncia a AGDSP, queden encadeados a un centro privado que ten menos recursos e servizos que os centros públicos.
Na maioría das veces a privatización de servizos faise tamén dun xeito escurantista e sen a obrigada publicidade e transparencia esixible por tratarse de fondos públicos. En Galicia temos multitude de exemplos como denunciaba non fai moito o informe do Consello de Contas de Galicia sobre a privatización dos servizos de limpeza dos hospitais e centros de saúde galegos. Unha practica escurantista nunhas adxudicacións (laboratorios, investigación, alta tecnoloxía, historiais clínicos, loxística, mantemento, etc.) que na maioría dos casos supoñen, ademais, unha perda de calidade e de eficiencia. De feito son crecentes os informes do Consello de Contas que confirman como a privatización dos servizos empeoran os mesmos sen que haxa evidencia de que supoñan aforros significativos. Por si isto no fora suficiente para cuestionar a política de privatización de servizos que a Xunta de Galicia está impoñendo hai que engadir as sospeitas que levanta tal política polas indiscutibles conivencias que existen entre o Partido Popular –o partido mais corrupto de Europa- e as empresas adxudicatarias de tales servizos.
Pero o máis criticable de todas estas políticas é o impacto enormemente negativo que teñen sobre a asistencia sanitaria pública. Unha asistencia que era modélica, cuxo real desmantelamento repercute moi negativamente na atención aos pacientes e, xa que logo, nos seus niveis de saúde. Moi especialmente na de aqueles/as galegos/as de rendas medias e baixas, clases populares, que por razóns obvias non poden acudir a asistencia privada. Un impacto que evidentemente é aínda maior nas poboacións das áreas rurais e periféricas de Galicia moi afectadas tanto pola redución das áreas sanitarias como polo peche de determinados servizos e especialidades. Un impacto que, nembargante, incrementará o negocio das industrias farmacéuticas para quen a boa saúde non é rendible.
So cabe agardar, e desexar, que as mareas brancas paren este despropósito e revertan a situación. Por caso non se pode permitir que morran pacientes pola negativa do SERGAS a aprobar os tratamentos que os médicos prescriben como pasou con doentes de hepatite C.
Publicidade