En febreiro de 2026, a Xunta arquivou o proxecto Gama-Greenfiber atribuíndo a decisión a un problema técnico coa subministración eléctrica. A realidade foi outra: decenas de miles de persoas nas rúas de Santiago, e miles máis en Pontevedra e A Pobra do Caramiñal, a resistencia popular tornou o proxecto en politicamente inviable a curto prazo
En febreiro de 2026, a Xunta de Galicia arquivou o proxecto Gama-Greenfiber atribuíndo a decisión a un problema técnico coa subministración eléctrica. A realidade foi outra: decenas de miles de persoas nas rúas de Santiago, e miles máis en Pontevedra e A Pobra do Caramiñal, a resistencia popular tornou o proxecto en politicamente inviable a curto prazo. Temos que analizar as ferramentas que puxo en marcha o poder , como operou e sobre todo, intentar comprender as razóns da Xunta par tomar decisións que claramente prexudican a cidadanía e ao medio natural do territorio. Aprender os mecanismos e o modo en que se toman as grandes decisións territoriais en Galicia, e tamén, aprender da resistencia, do pobo que busca reconciliar as tres dimensións fundamentais: a económica, a social e a medioambiental
Cando a Xunta e a empresa Greenfiber presentaron o proxecto da macrocelulosa en A Ulloa, a narrativa estaba pechada de antemán, tratase dunha zona rural en declive, sen futuro, e isto precisa unha intervención pública para incentivar a unha multinacional , un 'rescate' industrial externo. A Ulloa tiña, no momento en que chegou Altri, un ecosistema de economía social consolidado, baseado na gandaría ecolóxica, cooperativas leiteiras, a DOP Arzúa-Ulloa con recoñecemento internacional que funciona como un motor de fixación de poboación e de valor engadido no territorio, turismo vinculado ao Camiño de Santiago, redes de custodia do territorio e ecoagroturismo funcionando. O proxecto da macro celulosa destrozaba o ecosistema natural, tamén o social, non chegaba a salvar nada, chegaba a extraer. Estamos ante un choque entre un modelo de economía da vida, centrado na sustentabilidade e capacidades locais e un modelo de economía extractiva (exóxeno, contaminante e dependente de grandes axudas públicas.
Cando a Xunta e a empresa Greenfiber presentaron o proxecto da macrocelulosa en A Ulloa, a narrativa estaba pechada de antemán, tratase dunha zona rural en declive, sen futuro, e isto precisa unha intervención pública para incentivar a unha multinacional, un 'rescate' industrial externo
E para poder extraer, primeiro había que facer invisible o que existía, non era necesario mentir, abondaba con escoller que preguntas se formulaban. Os estudos de viabilidade de Greenfiber falaban dos empregos que crearía a fábrica, pero nunca calcularon os empregos que destruiría a fábrica por mor dos seus impactos, é dicir, os gandeiros que perderían mercado por contaminación do Ulla, mariscadores da ría de Arousa afectados polos vertidos, turismo rural incompatible cunha cheminea de 75 metros, produtores da DOP Arzúa-Ulloa que perderían a certificación, e nada disto era casual, era, na acepción que lle deu Michel Foucault, un dispositivo de poder.
O dispositivo: cando a técnica encobre a política
A instalación da fábrica non foi produto dun proceso participativo de debate público, foi a execución dun mecanismo que transforma un territorio con vida propia nun obxecto de intervención lexitimada por categorías* aparentemente neutras.
* Foucault : as categorías non só organizan o coñecemento: producen efectos de poder. "Zona en declive", "enfermo mental", "delincuente", "pobo atrasado" non son descricións neutras: son categorías que habilitan intervencións
A Ulloa tiña, no momento en que chegou Altri, un ecosistema de economía social consolidado, baseado na gandaría ecolóxica, cooperativas leiteiras, a DOP Arzúa-Ulloa con recoñecemento internacional, turismo vinculado ao Camiño de Santiago, redes de custodia do territorio e ecoagroturismo funcionando
Primeiro, crearon a categoría: os documentos promotores presentan A Ulloa como 'zona en declive' con 'dependencia excesiva do sector primario'. Non mencionan a DOP Arzúa-Ulloa, nin as cooperativas , nin o tecido asociativo. A categoría non describe, “habilita”. Un territorio que parece baleiro pode ser intervido. Un territorio que aparece como rico en activos propios require xustificacións moito máis incómodas _ A categoría constrúe a realidade, pois ao nomear A Ulloa como "zona en declive", non está describindo un feito obxectivo —está creando unha definición que habilita certas accións e bloquea outras, esta xustificando unha intervención externa altamente contaminante, onde o investimento industrial aparece como moi necesario, e avala as axudas publicas, por último, a Xunta pode acelerar tramitacións porque hai urxencia. Simultaneamente descarta as alternativas de desenvolvemento endóxeno e os activos existentes —DOP, cooperativas, turismo— quedan fóra do marco, quen se opoña ao proxecto aparece como quen se opón ao "progreso".
Plataformas como Ulloa Viva non se limitaron a dicir 'non', fixeron algo máis difícil, cuestionaron o propio marco, pois dixeron: 'o desenvolvemento que propoñedes destrúe o desenvolvemento que xa temos' e o cuestionaron no terreo onde o dispositivo é máis vulnerable, no saber técnico
En decembro de 2022, a Xunta outorga ao proxecto o estatus de 'proxecto industrial estratéxico'. Con iso acelera a tramitación, retira o control aos concellos directamente afectados e impón un marco de inviabilidade pois se é estratéxico para Galicia, opoñerse é opoñerse ao futuro de Galicia. O que era unha decisión política preséntase como necesidade técnica. Simultaneamente, Greenfiber organiza 'charlas informativas' nos municipios afectados. Non para debater se facer a fábrica, senón para explicar por que é boa. O saber técnico buscaba a validación dun marco xa pechado. Cando a veciñanza de Palas de Rei, Melide e Monterroso preguntou polo consumo de auga, polas cifras reais de emprego e polo risco para a ría de Arousa, a empresa suspendeu os actos alegando 'actitude agresiva' dos asistentes. As "charlas informativas" non eran un espazo de debate, eran un espazo de validación. O seu obxectivo declarado era informar aos veciños —é dicir, explicarlles por que o proxecto era bo—, non escoitalos nin negociar con eles. En marzo de 2025, a Xunta outorga a Declaración de Impacto Ambiental favorable, xa non é a empresa nin o goberno quen di que é bo, é a ciencia, pero as plataformas veciñais documentaran o que a declaración de impacto non contemplaba adecuadamente, estimaron que produciría 60 toneladas diarias de sulfatos vertidos ao río Ulla, 8.754 quilogramos de gases contaminantes ao día a través dunha cheminea de 75 metros, captación de 46 millóns de litros diarios de auga nun contexto de emerxencia hídrica, risco sistémico para os bancos marisqueiros da ría de Arousa. A caída do proxecto en febreiro de 2026, atribuída oficialmente a unha 'falta de conexión eléctrica', foi en realidade a derrota dun modelo fronte á resistencia da cidadanía. Ata o final, o dispositivo seguiu operando: mesmo ao pechar o proxecto, o poder non recoñeceu que foi derrotado pola cidadanía. Atribuíu o arquivo a un obstáculo técnico externo. A diferenza non é semántica: é política, o poder pode intentar poñelo en macha no futuro.
Plataformas como Ulloa Viva non se limitaron a dicir 'non', fixeron algo máis difícil, cuestionaron o propio marco, pois dixeron: 'o desenvolvemento que propoñedes destrúe o desenvolvemento que xa temos' e o cuestionaron no terreo onde o dispositivo é máis vulnerable, no saber técnico.
Ulloa Viva demostrou que as cifras de emprego eran contraditorias , que o impacto ambiental estaba sistematicamente subestimado, e que existían alternativas de desenvolvemento endóxeno reais. Cando o 'saber técnico' dos promotores perdeu a súa aparencia de neutralidade, o dispositivo quedou sen escudo.
O extractivismo territorial non se limita a explotar recursos materiais como a auga ou a madeira, tamén extrae autonomía. O caso da Ulloa demostra que a participación democrática non pode reducirse a 'charlas informativas' para validar decisións xa tomadas
A velocidade e a magnitude da mobilización —estiman os organizadores que participaron preto de cen mil persoas en Santiago, a maior manifestación en Galicia en décadas— non se explica sen o capital social acumulado durante anos na comarca: redes de confianza veciñal, cooperativas, asociacións culturais e iniciativas de eco-agroturismo. O mesmo capital social que a empresa ignorou ao presentar A Ulloa como 'zona en declive' foi, en última instancia, o que fixo posible a defensa do territorio.
O extractivismo territorial non se limita a explotar recursos materiais como a auga ou a madeira, tamén extrae autonomía. O caso da Ulloa demostra que a participación democrática non pode reducirse a 'charlas informativas' para validar decisións xa tomadas. Desde a perspectiva de Amartya Sen, o que está en xogo non é só o medio ambiente ou o emprego: é a liberdade real das comunidades para definir o seu propio desenvolvemento. O dispositivo extractivista non só extrae recursos: extrae o dereito a decidir o tipo de vida que queremos levar.