Dicir que os socialistas galegos están na encrucillada no seu próximo congreso é unha obviedade. Todos os congresos son iso, mais este ten unha especial importancia pola grave crise social que padece o noso país. Este XII Congreso Nacional enmárcase nun momento de ruptura social onde a dereita fai aflorar a loita de clases de cheo, rachando co pacto produto da Transición española materializada na reforma laboral que pretende retrotraernos ás relacións laborais de 1945.
Máis que nunca son necesarias políticas expansivas no gasto e non hai que esquecer que o actual déficit público vén dado pola usura da Banca e dos especuladores do ladrillo, que traspasaron aos cidadáns o custe dos seus desvaríos. E nunca tanto como hoxe a política e a economía confúndense. Calquera mal estudante de economía sabe que en crise a austeridade leva á recesión e esta á destrución de emprego e á perda do tecido empresarial. É dicir, son necesarios máis investimentos, máis gasto social, máis Estado e máis democracia.
As xerais do 20 de novembro de 2011 deixaron o partido socialista con catro millóns e medio de votos menos, a maioría perdidos pola esquerda
As xerais do 20 de novembro de 2011 deixaron o partido socialista con catro millóns e medio de votos menos, a maioría perdidos pola esquerda (á marxe de que algo máis dun millón deles fosen para o PP, CiU e a nova dereita de UPyD). Xa previamente nas últimas municipais os alcaldes e grupos municipais socialistas – mención aparte merece a situación ferrolá – foron castigados polos recortes iniciados a partir de maio de 2010, simplemente por non alzar a súa voz na defensa da súa base social máis próxima. Isto xunto coa crise do nacionalismo, indica unha ruptura das tradicións políticas existentes ata agora. Fronte o acontecido á saída da ditadura, onde o gran beneficiado da memoria histórica, á marxe do apoio da socialdemocracia alemá, foi o PSOE.
Finalmente, hai tamén unha ruptura do consenso autonómico, onde a dereita pretende unha re-centralización de España, xunto co apoio de determinados sectores do propio PSOE. E quizais, co agravante de que aquí o PP galego dende a Xunta de Galicia, anda na tarefa de demoler as nosas sinais de identidade nacional, agora tamén coa escusa da crise económica.
O socialismo galego aínda non fixo a análise da derrota nas pasadas autonómicas
En todo caso, o socialismo galego aínda non fixo a análise da derrota nas pasadas Autonómicas. Quizais, porque puido tapar os malos resultados na Galicia territorial co voto da emigración. Resultando a perda no noso país o dobre da perda nacionalista. Sería bo empezar a recoñecer que a chegada de Touriño á presidencia da Xunta veu máis da contestación social personalizada por “Nunca Máis” que a través de méritos dos propios socialistas. Así como recoñecer que foi un erro de vulto crer que simplemente cunha mellor xestión abondaba para reforzar ao bipartito fronte á dereita; a carreira boba entre os dous socios de goberno a ver quen facía a mellor foto con xentes como José Luís Méndez (exdirectivo da extinta Caixa Galicia) ou Roberto Tojeiro (promotor de Reganosa) foron eivas que cuestionaron o carácter progresista do goberno e, ademais, evidenciaban as influenzas no goberno autonómico das empresas, fronte á soberanía popular.
Que facer, entón neste tempo de crise social? Desertar da hexemonía cultural do neoliberalismo, da falsa competitividade e da doutrina constitucional do déficit cero. Confrontarse co proxecto da dereita e a súa “segunda transición” que propón a desaparición do estado de benestar e da sociedade civil. Construír unha alternativa crible en base á liberdade, a igualdade e a solidariedade efectiva. Dar sentido a un amplo movemento onde os socialistas galegos saian da súa permanente precariedade, apostando pola súa centralidade política como partido nacional galego; e construíndo unha alternativa que debe contar co conxunto da esquerda política, sindical e social fronte a un PP radicalizado. Por último, perseverar no proxecto alternativo. Recoñézome influenciado pola lectura do libro do actual vice-primeiro secretario do PSC de Barcelona, Ferrán Pedret, Quan succeix l'inesperat. El 15M i l'esquerra.
Dar sentido a un amplo movemento onde os socialistas galegos saian da súa permanente precariedade, apostando pola súa centralidade política como partido nacional galego
Son dos que pensa que a partir de agora, rotas as chantaxes do voto útil e as vellas tradicións políticas no conxunto da esquerda galega, se ben aínda non naceron alternativas políticas viables enmarcadas do que puidéramos chamar da “nova esquerda”, no socialismo galego, máis que nunca o futuro escribirase fundamentalmente co seu propio esforzo e de decisións propias da maioría de idade. De aí que sexan acertadas as palabras de Pepe Blanco, de que o importante é “un proxecto político capaz de dar resposta ás inquietudes e as preocupacións do galegos, que cada día son máis”. Un proxecto coherente e consecuente, que entronque cos principios fundacionais do socialismo democrático.