Antivacinas

Hans Holbein. Danza Macabra, O Neno (1497). Dominio Público

Cando teñen unha urxencia piden que os ingresen nos hospitais e son en xeral tan acríticos cos procedementos científicos que lles aplican como os demais, sen pretender fiscalizar o labor médico nin o farmacéutico. Nestes casos non se meten onde non entenden, ou onde só entenden a medias.

Cando teñen unha urxencia piden que os ingresen nos hospitais e son en xeral tan acríticos cos procedementos científicos que lles aplican como os demais, sen pretender fiscalizar o labor médico nin o farmacéutico. Nestes casos non se meten onde non entenden, ou onde só entenden a medias

E cando teñen dor de cabeza recorren, como a maior parte dos mortais, a calquera variante evolucionada da aspirina, non tendo como preocupación principal que o tal composto fose testado pola Bayer nos peores campos de exterminio da historia da humanidade. Tamén así se elabora a ciencia.

Case ninguén pensa, cando o medican, no lucro deshumanizado da farmaindustria. Oxfam denunciou os beneficios de Pfizer, Moderna e BioNTech. Só as dúas estadounidenses tiveron 26.000 millóns de dólares de ganancia coas vacinas contra o coronavirus. Por outra banda as taxas fiscais que lles aplican son irrisorias, entre o 7 e 10 por cento e iso sen contar con que os investimentos para a investigación proveñen dos contribuíntes norteamericanos e europeos.

As institucións políticas están carcomidas polos intereses da farmaindustria, tanto que, inducidas por ela, chegan a negar o valor de saberes que aportarían avances significativos na saúde dos cidadáns. A medicina quiropráctica é un exemplo. Funciona nun limbo alegal inzado de impostores que suplantan aos especialistas.

Todo é verdade. E moito máis. Igual que son absolutas mentiras as conspiracións imaxinadas polos negacionistas da enfermidade e das vacinas. Desde o control da humanidade con chips metidos nas veas até a simple fraude nos produtos que nos inxectan.

Hans Holbein. Danza Macabra, O Neno (1497). Dominio Público

O maniático lareta aparece sempre nos momentos críticos que producen os grandes andazos. Xa que os máis capacitados non atopan solución ao problema, e posto que o corpo social se debilita por esa causa, o lareta detecta a fraxilidade e arrógase capacidades dialécticas, científicas, curandeiras ou milagreiras, para cuestionar os saberes coñecidos e divulgar trapalladas salvíficas, imaxinando solucións, buscando as causas do desastre en escuros intereses, en seitas demoníacas, iluminados, castigos divinos, ou na simple conspiración do poder para eliminar os vellos e os pobres.

O maniático lareta aparece sempre nos momentos críticos que producen os grandes andazos. Xa que os máis capacitados non atopan solución ao problema, e posto que o corpo social se debilita por esa causa, o lareta detecta a fraxilidade e arrógase capacidades dialécticas, científicas, curandeiras ou milagreiras, para cuestionar os saberes coñecidos e divulgar trapalladas salvíficas

Ao estenderse o medo sempre teñen parroquia. E posto que non hai garantías de que esas ameazas non poidan levarse a cabo nalgún momento, porque o poder non é un anxo compasivo, pois funciona a artimaña, sen o máis mínimo sustento demostrativo.

Umberto Eco lembra que no século XIV a poboación culpaba aos xudeus de propagar a peste. Asasinaban nenos e tiraban os cadáveres aos pozos para envelenar a auga. Así até hoxe, actualizando guións, supersticións e bodes expiatorios. Sen que a estupidez humana cambie no substancial.

Quizais a novidade sexa desta vez a apelación á liberdade dos cidadáns. Un argumento individualista e embrutecedor que nega o beneficio da inmensa maioría das normas sociais. Porque as sociedades son cada vez máis complexas, cada vez, en consecuencia, necesitan máis normas.

Durante a pandemia circulou o seguinte texto: “Hai 125 anos ninguén lle pedía permiso ao goberno para recoller auga, pescar, cazar, ter propiedade privada, comezar o teu propio negocio, reformar ou construír unha casa, ter ou conducir un vehículo, casar, posuír unha arma, vender algo, reunirse, vender as colleitas. Hoxe non podemos facer case nada sen o permiso do goberno. Se aínda cres que es libre estás enganándote cruelmente a ti mesmo. Vives nunha granxa fiscal”.

A liberdade individual non pasa por aí, como tampouco pasa por non enviar os fillos á escola, nin por evitar as expropiacións cando o concello quere construír un parque, nin por non pagar os impostos que corresponden. A liberdade é maior cantas máis normas que contribúan ao ben común se establezan.

Umberto Eco lembra que no século XIV a poboación culpaba aos xudeus de propagar a peste. Asasinaban nenos e tiraban os cadáveres aos pozos para envelenar a auga. Así até hoxe, actualizando guións, supersticións e bodes expiatorios. Sen que a estupidez humana cambie no substancial

E as medidas sanitarias, médicas e científicas nin son democráticas nin deixan de selo. Son consecuencia das necesidades e han de adoptarse coa maior eficiencia posíbel, procurando por suposto que sexan correctamente fiscalizadas.

A liberdade cidadá non consiste en cuestionar o que debe funcionar e ademais funciona. Multiplícanse as normas, que se xeran nas máis variadas instancias e todos os cidadáns cumprimos miles cada día, moitísimas máis que un ser humano do neolítico, naturalmente. E só algunhas, esenciais para o funcionamento e controvertidas para a convivencia, se someten a polémica, debate e aprobación legal. A inmensa maioría non. A imposición de non descalzarse nos cafés, a convención de matricularse en setembro, son acordos que nunca foron nin serán nin poden ser sometidas a un proceso democrático de aprobación. Poden variar, iso si.

As consultas á colectividade sobre normas de tráfico, por poñer outro exemplo, son rarísimas en todo o mundo. Algúns dos hábitos de condución proceden xa de Roma, como o de circular pola dereita, e ante cada nova necesidade, que incorpora novos signos e obrigas, non se fai consulta, simplemente cavílanse e apróbanse. Pura técnica con consecuencias sociais grandes. Os suecos son a excepción porque fixeron nove ou dez referendos para intentar circular pola dereita. Os países lindantes facíano desde sempre e os coches que importaban traían o volante á esquerda. Pero a cidadanía non aceptaba a troca, resistíase, até que acabou aprobándose por decreto. Puido máis a necesidade e o sentido común que a conservación do sinal identitario. O cambio realizouse o 3 de setembro de 1967 e foi complexísimo. Todos os vehículos de motor cambiaron simultaneamente da esquerda para a dereita. O “Dagen H”, día do cambio, considérase o experimento urbano máis complexo e colosal da historia contemporánea de Occidente.

Laboratorio da Universidade de Vigo nun proxecto sobre o SARS-CoV-2 © UVigo

“Eu son un anarquista que respecta os semáforos”, dicía un filósofo non moi antigo. Os anarquistas históricos acostumaban a ser máis disciplinados e ríxidos do que agora se cre, até puritanos, comenta Eric Hobsbawm, preferentemente monógamos e castos, moi sobrios, polo menos antes do 68.

O grande misterio de todo isto, é por que tipos cultos, ben intencionados, solidarios, asumen tal idea, esa alquimia que mestura tan estrañamente estulticia con rebeldía elemental

Despois de iniciarse o coronavirus comín cun amigo anarquista que presionaba para que todos nos quitásemos a máscara, que xa é dicir. Negaba a enfermidade, máis ou menos. Outro ácrata presente non levaba ben o asunto. En realidade consideraba errada a postura do seu colega.

O grande misterio de todo isto, é por que tipos cultos, ben intencionados, solidarios, asumen tal idea, esa alquimia que mestura tan estrañamente estulticia con rebeldía elemental.

Patrick Franzoni, coordinador anticovid de Bolzano, en Italia, comenta que cando as tropas napoleónicas entraron alí, no Alto Adige, os cregos dicíanlle á xente que non aceptase a vacina contra a varíola que ofrecía o exército francés porque levaba a alma do inimigo. Agora que tamén rexeitaron maioritariamente vacinarse, di Franzoni, bótanlle a culpa ao chip de Bill Gates.

Atopei na rúa a unha amiga sanitaria que non exerce e díxome que mantivese a distancia porque estaba sen vacinar. “Virxe!”, proclamou á maneira de Madonna. Trátase sen dúbida dun toque distintivo, de exercer unha singularidade. “ E tamén pintas de verde as ventás exteriores do teu piso cando a comunidade decide que vaian de branco?” “Se estivese traballando vacinaríame” “Causas os mesmos problemas que se baixases á calzada e andases por ela en troca de seguir polo paseo, e todo porque che da a gaña. Só que con isto podes contribuír a extensión da enfermidade” Miroume con condescendencia de especialista, e despediuse dicindo que xa combinaríamos para discutilo con calma. Foise, polo paseo naturalmente, para non ser atropelada. Seguro que cando viaxa obedece tamén todas as raias durante centos de quilómetros, sen preguntarse por imposición ningunha.

Ter disciplina nas emerxencias sociais é unha obriga unánime. E tal disciplina pasa por contar unicamente co saber e o talento asumidos até ese momento

Outra cousa. Ter disciplina nas emerxencias sociais é unha obriga unánime. E tal disciplina pasa por contar unicamente co saber e o talento asumidos até ese momento. A ocorrencia ante a incerteza cando se produce unha alarma colectiva é unha gravísima falta.

Manuel Castells lembra que Thoman Kuhn formulou hai xa tempo o principio polo que seguimos rexéndonos: a ciencia é o que en cada momento considera como tal a comunidade científica. Non é satisfactorio, pero non é arbitrario. Pensando en probabilidades é máis probábel que o que pensa a maioría dos científicos se axuste á realidade que o que só é opinión.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.