As mensaxes do centenario do PCCh

Imaxe do XIX Congreso Nacional do PCCh © xinhuanet

Na China celebrouse por todo o alto –como cabía esperar- o primeiro centenario da fundación do Partido Comunista (PCCh). Na praza de Tiananmen, a cerimonia conmemorativa serviu para exaltar o papel do PCCh na transformación do país

Na China celebrouse por todo o alto –como cabía esperar- o primeiro centenario da fundación do Partido Comunista (PCCh). Na praza de Tiananmen, a cerimonia conmemorativa serviu para exaltar o papel do PCCh na transformación do país. A coreografía, o simbolismo, a estética e ata a previsión da participación das masas evocou nalgúns a memoria de episodios semellantes vividos durante a Revolución Cultural. Salvando as distancias, o PCCh quixo escenificar non só a capitalización sen complexos dos méritos da mutación daquel país pobre e desfeito que era China en 1949 no que hoxe é, a segunda potencia económica do mundo, senón tamén reafirmar a fidelidade ás súas orixes, o non abandono dos seus ideais primeiros. Por iso, en certo sentido, o 1 de xullo veu a culminar a longa campaña interna iniciada en maio de 2019 que levou aos seus 95 millóns de membros a renovar o seu compromiso coa “misión fundadora”. 

Nunha lectura máis fina, sorprendía a presenza na tribuna do ex primeiro ministro Wen Jiabao, quen en abril, no Macau Herald, publicaba unha carta dirixida á súa nai que deixaba entrever posicións desconformes con algúns aspectos da traxectoria recente do liderado de Xi Jinping. Non obstante a presenza, o seu nome non era citado na información oficial final. Aludindo a razóns de idade (máis de noventa), tampouco asistiron outras figuras relevantes como Jiang Zemin ou Zhu Rongji, feito interpretado por algúns como expresión dun distanciamento que podería ter outras manifestacións máis adiante, nos meses previos ao próximo congreso.

Unha segunda mensaxe importante cabe salientar do discurso de Xi Jinping: Occidente non pode xa deter o avance da China

Unha segunda mensaxe importante cabe salientar do discurso de Xi Jinping: Occidente non pode xa deter o avance da China. Por máis que dispoñan guerras e presións do tipo que sexa, o actual proceso non ten volta atrás e a China está hoxe en disposición de preservar a súa soberanía, da que o PCCh se reivindica como garante e depositario. Xi pasaba páxina así ao século de humillación imposto polas potencias imperialistas de Occidente e o Xapón que esgazaran o país, asegurando que ese tempo pasou. O firme ton de Xi foi interpretado como unha especie de “Nunca máis” chinés. China non ten ánimo de vinganza, dixo, pero non se deixará intimidar por ninguén. Un claro aviso a Washington, Tokio, Bruxelas (OTAN) e ata para o tatabexante QUAD…

Outro feito destacable do contexto destas celebracións é a nova narrativa (explicitada, entre outros, por Zhuang Rongwen, un próximo a Xi) sobre a historia do PCCh, asomando algúns intentos de revisitar experiencias traumáticas –como a Revolución Cultural- que se deran por pechadas a cal e canto en 1981, no inicio do denguismo. Coincide este debate coa expectativa sobre os efectos da supresión das regras que estabilizaran e institucionalizaran o proceso de sucesión e renovación do liderado político (os dous mandatos, observación de idades de xubilación, designacións cruzadas, etc.) A elevación de Mao e a mingua de Deng completaríase coa exaltación de Xi ata o punto de aflorar certo culto á personalidade. Este proceso podería culminar pronto coa abreviación do concepto “pensamento de Xi Jinping sobre o socialismo con peculiaridades chinesas da nova era”, que pasaría a abreviarse no “pensamento de Xi Jinping”, equiparándose así á denominación formal da teoría política de Mao Zedong. Esta mudanza entronizaría a Xi á beira de Mao, con carácter mesmo preferente a Deng. De darse esta circunstancia no pleno que o Comité Central do PCCh debe celebrar no outono, Xi tería case todo gañado de cara o XX Congreso que debe celebrarse o ano que ven e sobre o que planean algunhas incertezas. 

A elevación de Mao e a mingua de Deng completaríase coa exaltación de Xi ata o punto de aflorar certo culto á personalidade

Tamén deixou claro Xi que o PCCh nunca renunciará á recuperación de Taiwán, a “illa rebelde” que hoxe gobernan xa non os nacionalistas do vello rival, o Kuomintang, que aló fuxiran ao perderen a guerra en 1949, senón os soberanistas do Minjindang, claramente partidarios de pasar do actual Estado de feito a Estado de pleno dereito. A mensaxe enviada por Xi a Taipéi, Tokio e Washington é rotunda: significará a guerra. Pero o acontecido en Hong Kong agranda inda máis o foso no Estreito e dificulta a implementación da política de “un país, dous sistemas”, cunha poboación a cada paso máis distante. Na interpretación continental, o problema de Taiwán asóciase co século de humillación, cando se viu na obriga de ceder a illa a Xapón polo tratado de Shimonoseki. O rexurdir da China non estará completo sen pechar esa ferida, pensan en Beijing. Aínda privilexiando a reunificación pacífica, cabe agardar un persistente esforzo para a expansión da súa capacidade en defensa, especialmente no eido da disuasión nuclear. 

Tamén deixou claro Xi que o PCCh nunca renunciará á recuperación de Taiwán, a “illa rebelde”

O centenario serviu a Xi Jinping para afianzar inda máis o seu liderado no PCCh. Ábrese agora un horizonte especialmente relevante para que o seu xiísmo non resulte nun afrouxamento da unidade interna ante a reacción dos descontentos co abandono daquelas políticas do denguismo que fixeron a China máis previsible e airearon unha atmosfera interna na que hoxe predomina a exaltación da lealdade e a prohibición das “discusións indebidas”. A consigna segue a ser blindarse e fincar forzas para resistir os duros embates que están por vir. Tamén a expectativa de encaixar as profundas mutacións sociais e económicas que compre afrontar nun marco de cambio de paradigma industrial e tecnolóxico e quizais tamén de hexemonía a nivel global.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.