As razóns da nova marcha da APDR

Unha marcha anterior contra ENCE, nunha imaxe de arquivo © APDR

Hoxe, igual que daquela, o goberno corrupto da Xunta, opta por potenciar un modelo económico depredador dos recursos naturais, do medio ambiente, a saúde e a calidade de vida das persoas, en beneficio duns poucos

Cando en 1958 o goberno franquista decidía instalar unha celulosa en Galiza, pousou os seus ollos en Pontecesures por consideralo o lugar idóneo. A oposición dos pescadores do Ulla e da Ría de Arousa, a suposta menor riqueza marisqueira da nosa Ría, e -sobre todo- a inexistencia de lexislación ambiental para os vertidos ao mar, fixo mudar o seu emprazamento para Lourizán; e non é pouca a xente que xustifica aquela aberrante decisión por se tratar dun goberno autoritario e falto de sensibilidade ambiental; hoxe, din, ningún goberno sería quen de facelo.

Pois ben, o tempo deixou ver o errado daquela afirmación; hoxe, igual que daquela, o goberno corrupto da Xunta de Galicia, opta por potenciar un modelo económico depredador dos recursos naturais, do medio ambiente, a saúde e a calidade de vida das persoas, en beneficio duns poucos, vendendo o patrimonio cultural, ambiental e paisaxístico do pobo galego a quen máis ofreza.

Hoxe, a Xunta de Galicia apoia submisamente a absurda e ilegal permanencia de ENCE na Ría, e mesmo auspicia a ampliación das súas instalacións, o aumento da produción, do consumo de auga e materias primas e, consecuentemente, o dos vertidos e emisións á atmosfera, dos cheiros e ruídos e, en definitiva, o dos danos ambientais e as molestias á veciñanza, que vai sufrir - ademais- o aumento do impacto visual e paisaxístico da fábrica.

Nesta ocasión é unha MARCHA CONTRA AS CELULOSAS, porque na APDR non somos alleos á loita contra a instalación de ALTRI no corazón de Galiza; sabemos que esa loita e a que mantemos pola saída de ENCE da Ría, fan parte da loita polo obxectivo común dun futuro digno e sustentábel para as persoas

Hoxe, a Xunta de Galicia, apoia e promove tamén o proxecto de celulosa que a portuguesa ALTRI quere instalar en Palas de Rei, unha fábrica que -máis aló da incidencia ambiental no encoro de Portodemouros, no río Ulla e na Ría de Arousa- vai afectar coas emisións atmosféricas, cheiros e ruído á saúde das persoas e á calidade de vida da comarca, unha comarca que ten na agricultura e na gandería ecolóxicas e no turismo ligado ao camiño de Santiago, o seu medio de vida.

Así pois, sobran as razóns para esta nova Marcha, unha marcha que terá lugar este DOMINGO 16 ás 12 da mañá e que adquire unha dimensión maior que en anos anteriores; nesta ocasión é unha MARCHA CONTRA AS CELULOSAS, porque na APDR non somos alleos á loita contra a instalación de ALTRI no corazón de Galiza; sabemos que esa loita e a que mantemos pola saída de ENCE da Ría, fan parte da loita polo obxectivo común dun futuro digno e sustentábel para as persoas, un futuro baseado na explotación racional dos nosos recursos e incompatíbel co modelo que defende a Xunta de Galicia. Por iso, a elección do noso lema: NIN ENCE NA RÍA, NIN ALTRI NA ULLOA… CELULOSAS FÓRA! Porque este domingo, con máis forza que nunca, e xunto á veciñanza da Ulloa imos berrar CELULOSAS FÓRA DA GALIZA!

Pontevedra, 13 de xuño de 2024

Cartel da marcha © APDR

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.