Agás durante dúas lexislaturas, o Partido Popular desenvolveu sempre a política lingüística da Xunta de Galicia. Ten por tanto unha prolongada experiencia. Tal actuación baséase, ao meu entender, en tres eixos que a continuación describo.
O cotián no PP é un discurso amábel, pouco definido, lábil, transmitido por cargos institucionais que poderíamos definir como “pombas”. Porque o obxectivo principal consiste en converter as institucións creadas para dinamizar a lingua galega en órganos sen acción dinamizadora
O primeiro é a ideoloxía lingüística do partido, herdeiro do franquismo e que engloba unha dereita profundamente centralista e uniformizadora, columna vertebral da organización. Os dirixentes de Galicia non son unha excepción, aínda que no pasado houbese sectores, como o ourensán, os boinas, ou a Fundación Alfredo Brañas (modesta abastecedora de ideas durante os gobernos de Fraga Iribarne), dispostos talvez a ensaiar lixeiros avances. Cando Xosé María Aznar afirma agora que España está en descomposición, apela ao cerne ideolóxico conxunto. Fronte a ese principio, o combate en favor das linguas cooficiais, é un molesto atranco para a consolidación da España uniforme.
O segundo eixo que determina a política lingüística é a propia robustez do PP de Galicia, pois é o grande hexemonizador social e electoral. Retén permanentemente unha importante maioría e sabe sintonizar con ela. No que atinxe á política lingüística, comprende e asume a existencia dun amplo estrato colectivo, xenericamente favorábel á lingua galega, a usala e prestixiala. Un amplísimo sector que non pode ser abaneado con posturas drásticas, como a do abandono manifesto do idioma, e menos aínda con outras, hostís ou despectivas. Para gañar e para permanecer no poder en Galicia cómpre concordar con iso.
O PP pesca en moitos caladoiros e fai os equilibrios necesarios para contentar diversas tendencias, que van desde a ultradereita, militante ou só votante, até un galeguismo de sensibilidade variábel, mesmo ás veces con trazas de centroesquerda, que se sente cómodo, quer dentro da organización, quer como clientela externa. Dito doutro xeito: é un grande partido hexemónico.
Polas razóns anteditas, unha sacudida como a do candidato Feijó en 2009, opoñéndose ao decreto da lingua no ensino, do Goberno Bipartito, mobilizando o partido na rúa e rompendo o acordo do Plan Xeral de Normalización Lingüística (que o propio partido aprobara), pode facerse excepcionalmente, pero non habitualmente. O PP acusa de “imposición” só en momentos decisivos e busca ese rédito electoral cando detecta nos seus antagonistas posicións das que a maioría da súa base social non participa, ou só participa levemente. Para poder tensar as costuras como en 2009 é imprescindíbel observar unha debilidade táctica importante no adversario.
O mesmo aconteceu no debate televisivo das últimas eleccións autonómicas, en febreiro de 2024. O candidato popular, Afonso Rueda, creu albiscar outra vez a mesma eiva. A aspirante do BNG anunciou como medida principal a derrogación do vixente decreto de ensino, que substituíu o do Bipartito, e Rueda meteuse con absoluta confianza no rudo, como o seu antecesor, intuíndo os beneficios.
Mais o cotián no PP é un discurso amábel, pouco definido, lábil, transmitido por cargos institucionais que poderíamos definir como “pombas”. Porque o obxectivo principal, o terceiro eixo, consiste en converter as institucións creadas para dinamizar a lingua galega en órganos sen acción dinamizadora.
A chave de bóveda consiste, por tanto, en disimular a falta de acción destinada a mellorar actitudes e ampliar usos. Para que o simulacro funcione, proceden a un transvase de funcións de reparto, desde a Dirección Xeral de Cultura, onde deberían estar, para a Secretaría da Lingua. Desde alí son subvencionados os clientes
O sistema político español articulou un molde legal e institucional para a denominada normalización lingüística. Foi unha demanda dos cataláns e dos vascos durante a Reforma Política dos anos setenta. Ese marco consolidouse, está aí, e excede por todas as partes os postulados ideolóxicos do PP. Mais o propio molde crea rutinas burocráticas, accións institucionais e desenvolvementos que o PP necesita administrar, loxicamente, só que o fai tendendo sempre á quietude e ao adormecemento. Fíxense por exemplo na campaña da Xunta, case invisible, perdida por algún valado, animando a falar en galego, facer que se fai. E atendan, ao mesmo tempo, ao discurso que despregan desde os despachos oficiais, sempre amábel co galego.
Logran algo así como unha entente. A xesticulación positiva satisfai en certa medida aos votantes e clientes favorábeis á lingua, mentres que o núcleo duro comprende esa xesticulación como unha necesidade, ou simplemente observa que nunca cumprirá os obxectivos marcados nas leis lingüísticas de Galicia. Unhas leis que, por certo, foron aprobadas por unanimidade, co PP en modo xesticulación.
A chave de bóveda consiste, por tanto, en disimular a falta de acción destinada a mellorar actitudes e ampliar usos. Para que o simulacro funcione, proceden a un transvase de funcións de reparto, desde a Dirección Xeral de Cultura, onde deberían estar, para a Secretaría da Lingua. Desde alí son subvencionados os clientes que demandan axudas para libros, investigacións literarias, concursos, magostos e castañas, conferencias, cursos, redaccións, estudos teóricos sobre o galego, revistas, estudos de todo tipo, inquéritos sobre a saúde do galego, mantemento de institucións lingüísticas. Unha oferta moi ampla que conforma unha rede clientelar potente e sofisticada. Por suposto que iso tamén é política lingüística, pois trocar a “incitación á xeneralización do uso da lingua” (como din os quebequeses) polo adormecemento, tamén é política. Lingüística, claro.
A política lingüística do PP de Galicia foi perfeccionada durante decenios e está ben orientada para os fins que persegue. É sólida, responde aos intereses clientelares partidarios e ten grande aceptación. Só excepcionalmente é agresiva, xeralmente é cordial, normalmente lábil, cunha requintada pasividade. Ademais é o único modelo elaborado de Galicia
A substitución faise con comodidade, porque en Galicia é de “sentido común” que os responsables da lingua axuden a todo o que se faga en galego, así, xenericamente. Para conservar a preponderancia, o PP só ten que apuntalar ese “sentido común”, arrombando de paso o combate para a ampliación dos usos do galego. Un “sentido común” do que participan, de facto, non de vontade, os organismos opositores. As persoas e colectivos galeguistas e nacionalistas apenas cuestionan esa política clientelar. E desa maneira non pode nacer o outro “sentido común”, o da promoción viva, a única política lingüística que se parecería aos desexos dos opositores do Partido Popular.
Quen mellor o explica é o sociolingüista Anxo M. Lorenzo. Trátase de “unha política de mantemento”, “de baixa intensidade”, “non dirixida a procurar un cambio”, “sen densidade planificadora”. “Con limitacións inherentes ás ideoloxías lingüísticas dos gobernantes”. Despois de facer estas análises, Anxo M. Lorenzo foi alto cargo do Goberno Bipartito e asesor e ideólogo de Núñez Feixóo. Tamén ten dito, isto xa sendo Secretario Xeral de Política Lingüística do PP, que a maioría da poboación está a favor do galego, pero que non quere chegar a tanto como a galeguizar o ensino.
A política lingüística do PP de Galicia foi perfeccionada durante decenios e está ben orientada para os fins que persegue. É sólida, responde aos intereses clientelares partidarios e ten grande aceptación. Só excepcionalmente é agresiva, xeralmente é cordial, normalmente lábil, cunha requintada pasividade. Ademais é o único modelo elaborado de Galicia. O complexo organizativo UPG-BNG e os diversos galeguismos apenas posúen coordenadas para orientarse dentro do labirinto. Mais diso falaremos en artigos sucesivos.