Cambiar o sistema; si, pero como?

Campos de arroz en Timor Leste CC-BY-SA Perspective

Os berros están a facerse cada vez máis fortes e proveñen dunha inusual combinación de xente non particularmente dada a xogar o papel de Casandra [1] . Doutores, máximos representantes da ONU, colexiais e 11.258 científicos de 153 países están a corear o que todos deberiamos saber: a pesar de corenta anos de cumes mundiais do clima, as cousas seguen como sempre. Puntos de inflexión irreversibles, efectos fervenza, desxeo, crecentes niveis de CO2, CH4 e N2O, acidificación dos océanos, aumento de temperaturas, incendios, extinción masiva de especies e moito máis, levaron a salientar que a catástrofe non só refire ao derretemento de glaciares e temperaturas mortais, senón que se trata dun problema político e social. Piden un “cambio transformador, con xustiza social e económica para todos”.

Philip Alston, relator especial da ONU en pobreza extrema e dereitos humanos, avisou que os impactos do quecemento global ameazaban dereitos como a vida, a auga, a comida e a vivenda para centos de millóns de persoas, así como a democracia e o estado de dereito

En xuño, Philip Alston, relator especial da ONU en pobreza extrema e dereitos humanos, avisou que os impactos do quecemento global ameazaban dereitos como a vida, a auga, a comida e a vivenda para centos de millóns de persoas, así como a democracia e o estado de dereito. O xefe de redacción de The Lancet, pola súa banda, apoiando a Extinction Rebellion, urxiu aos profesionais sanitarios a participar na protesta social non violenta, pois “a medicina trata da protección e fortalecemento das especies humanas”. Alumnos de escola, avanzando onde os adultos fallaron, entenden moi ben que a crise non vai só de salvar osos polares. Eles tamén están a chamar a un cambio social.

A crise climática amosou que o capitalismo é incompatible coa saúde do planeta e que é esencial apartarse do crecemento do PIB. Con todo, en lugar de atender ás alarmas, os gobernos están a volver á violencia contra as manifestacións e, como o Príncipe de Salina no Gatopardo, están a optar polo gatopardismo («as cousas deberán cambiar se queremos que nada cambie»), preferindo protexer o statu quo antes que cambiar un sistema que destrúe o planeta. Esta situación é un terreo fértil para grupos de extrema dereita que, explotando os medos da xente, están a regresar a gobernos de estilo fascista nos cales os dereitos humanos son cada vez máis ameazados.

Nunha recente entrevista, Srećko Horvat, do Movemento Democracia en Europa 2025 (DiEM25), exhorta á “cooperación internacional, pois aqueles contra os que loitamos traballan transnacionalmente”. No seu Green Strategy, Marc Brodine escribe: “Necesítase un movemento masivo, de alcance mundial, para emprender batallas defensivas contra a degradación ambiental e o desenvolvemento explotador”. Alexia Ocasio-Cortez e Bernie Sanders recoñecen a necesidade de reformas revolucionarias. Pero un feito esencial é que case non existen no seu discurso. A crise climática é unha crise de dereitos humanos e os máis afectados son os cidadáns dos países máis pobres do mundo, quen fixo menos en contribuír a este desastre.

Necesitamos cooperación transnacional, pero a metade das persoas do mundo non poden participar porque se atopan loitando literalmente por sobrevivir

Onde están os mecanismos para levar a cabo esas reformas? Si, necesitamos cooperación transnacional, pero a metade das persoas do mundo non poden participar porque se atopan loitando literalmente por sobrevivir. Como se pode abrir esta cooperación a todos? Os “dereitos humanos” son unha narrativa política universal, pero, en ausencia de dereitos básicos, a xente non pode operar politicamente xa que non existe socialmente. E a Declaración Universal de Dereitos Humanos estivo morta desde o primeiro día, en especial porque non veu con mecanismos para realizar eses dereitos proclamados, nin sequera os máis básicos deles, os da existencia material. O único instrumento que coñecemos que podería garantir de maneira viable este dereito a escala global é unha renda básica incondicional universal por encima do limiar da pobreza (de calquera lugar en que se introduza). E trátase de algo máis que un instrumento. En si mesmo, é un dereito que pode ser rastrexado ata os principios dos bens comúns. Se queremos un cambio no sistema e sociedades máis fortes e sas para combater a crise do cambio climático, entón garantir este dereito básico universal será seguramente un primeiro paso decente e radical.

Sen un foco nos pobres, os desposuídos daqueles recursos naturais que foron apresados polo norte global ao que lle importa un carallo o desenfreo destrutivo do seu “progreso”, non pode haber un cambio real do sistema. Os pobres nos países en desenvolvemento están a pagar o prezo dun 75-80% dos custos da catástrofe climática. Tenden a vivir en áreas expostas a desastres, en casas menos resistentes e adoitan perder todo o que posúen; teñen menos recursos para mitigar eses efectos; reciben menos apoio dos sistemas sociais para recuperarse do impacto; teñen medios de vida precarios; e atópanse vulnerables fronte á enfermidade, malas colleitas, aumento de prezos de alimentos, morte e discapacidade. As respostas á catástrofe ligada ao clima teñen a miúdo a forma de intervención humanitaria cínica ex post. Por exemplo, tras o ciclón Idai, o FMI acordou un préstamo de emerxencia sen intereses de 118,2 millóns de dólares para Mozambique –o sexto país máis pobre do mundo, onde o habitante medio é responsable de 55 veces menos emisións de carbono que o cidadán medio estadounidense– pero descartou o alivio do pago dos préstamos preexistentes. Adiviña quen se beneficia. O cambio sistémico require medidas ex ante e unha renda básica sería esencial entre elas, en canto distribución de recursos para potenciar cambios da poboación en orde de aplicar o coñecemento local apropiado para combater o cambio climático antes dos desastres. Isto permitiría, por exemplo, ás mulleres agricultoras en países pobres ter mellores ferramentas. Os científicos calculan que entón poderían cultivar un 20-30% máis de comida na mesma terra e así evitar dous mil millóns de toneladas de emisións para 2050. Só isto parecería ser un bo argumento para a renda básica.

O cambio de sistema precisa de pensamento sistémico, especialmente sobre decrecemento, que non é alleo á redistribución. A renda básica representa obviamente unha forma de redistribución

Agora ben, a renda básica significa bastante para non poucas persoas. Un ingrediente interesante dentro de (pero nas marxes de) a presente conxuntura de chamamentos ao cambio de sistema é a candidatura de Andrew Yang para a presidencia de EE.UU., prometendo unha renda básica de 1.000$/mes para todo estadounidense maior de dezaoito anos. Con todo, o seu investimento para facer fronte ao cambio climático é só un cuarto da que Bernie Sanders propón. O enfoque de Yang é máis tecnocrático que preocupado pola pobreza. Favorece a enerxía nuclear e dubidosas solucións geo-inxenierís como espellos espaciais, dispersión estratosférica de dióxido sulfúrico e plantar plancto no océano. Yang é un claro exemplo das divisións no debate da renda básica, onde algúns entusiastas son realmente de dereitas. A renda básica á que nos referimos nós é só unha medida no dominio da política económica. Para ser efectivo necesítase de fortes políticas públicas en saúde, vivenda, educación, transporte, etc. Por que diaños non inclúe Bernie a renda básica na súa campaña?

O cambio de sistema precisa de pensamento sistémico, especialmente sobre decrecemento, que non é alleo á redistribución. A renda básica representa obviamente unha forma de redistribución, e en termos de Gini tamén, xa que pode financiarse con impostos progresivos facilmente. O pensamento sistémico esixe tomar en conta a saúde de todo o sistema, tal e como certas culturas indíxenas han sabido facer desde hai moito tempo. A concienciación desde este punto de vista non só fomentaría a redución do consumo, senón que tamén incorporaría un elemento de respecto aos pobos indíxenas do mundo pendente, quen foi vistos, desde a época do imperialismo, como un obstáculo para ser desprazado do camiño da explotación dos recursos.

Así que, como podería unha renda básica favorecer un cambio sistémico? Xa que os pobres deben ser o foco, daremos uns cuantos exemplos dun detallado estudo que fixemos en 2010 sobre os efectos hipotéticos dunha renda básica en Timor Oriental. Atopamos que un ingreso básico parcialmente financiado por ingresos do petróleo e gas permitiría a distribución inmediata dunha micro-renda (en oposición a micro-crédito), recibida cada mes sen interferencias externas. Unha renda básica sobre a liña da pobreza (alá entón de 20$/mes por persoa), para toda a poboación, significaría que unha familia con seis persoas ao seu cargo recibiría un ingreso mensual garantido de 160$/mes. Nunha aldea de vinte familias similares a cantidade sería de 3.200$/mes ou 38.400$/ano.

O que isto podería representar en termos de soberanía alimentaria está ilustrado por un proxecto de cultivo de arroz con búfalos na área devastada de Uatulari, cunha poboación dunhas 20.000 persoas

O que isto podería representar en termos de soberanía alimentaria está ilustrado por un proxecto de cultivo de arroz con búfalos na área devastada de Uatulari, cunha poboación dunhas 20.000 persoas. Traballando cunha ONG timorense, o goberno catalán financiou o proxecto por valor duns 142.680$ nos anos 2000-2003 (47.560$ por ano), ou aproximadamente 2,38$/ano por persoa. A zona logrou a autosuficiencia en cultivo de arroz antes de que o período acabase, e foi capaz de fornecer sementes para as zonas próximas. Os búfalos foron a “maquinaria” para preparar os campos de arroz abandonados (pisando o chan para compactalo antes de plantar as sementes) e tamén produciron esterco, leite, carne e peles, á vez que reforzaban as relacións sociais, xa que estes animais son tradicionalmente propiedade común. Con todo, co cambio de goberno en Cataluña, o financiamento cesou e o proxecto nunca foi máis aló dunha exitosa fase piloto do proxecto. Unha renda básica de 20$/mes por persoa achegaría 4,8 millóns de dólares garantidos a Uatulari cada ano, unhas cen veces o que o goberno catalán concedeu. O impacto dunha fonte estable de ingresos sería notable en termos de desenvolvemento local.

Unha estratexia de desenvolvemento agrícola que consolide a produción local co desenvolvemento xeneralizado das redes comerciais resulta moito máis beneficiosa que unha política de monocultivo orientada ás exportacións

En termos de dereitos humanos, unha estratexia de desenvolvemento agrícola que consolide a produción local co desenvolvemento xeneralizado das redes comerciais resulta moito máis beneficiosa que unha política de monocultivo orientada ás exportacións, concentración de latifundios e desigualdade sistémica, por non mencionar os efectos ambientais negativos. Os pequenos cultivos non só contribúen ao mercado local, senón que tamén fortalecen a seguridade social e alimentaria e ofrecen unha maior difusión dos medios produtivos, ademais de ser mellor para a xestión ambiental. Así mesmo, a migración masiva á capital timorense, Dili, creou un problema permanente de desequilibrio demográfico, con grandes cifras de desemprego e descontento xuvenil, con grandes capacidades destrutivas. Evidentemente, non poden ser reintegrados en comunidades rurais que non existen pola carencia dunha base produtiva. O incluílos nun esquema de renda básica sería un gran avance na súa reintegración como cidadáns e no establecemento dunha coexistencia pacífica.

De novo, as familias máis pobres tenden a ter un maior número de fillos. A taxa de fertilidade de 2019 foi de 5,5 nacementos por muller, unha das máis altas do mundo. Independentemente da ausencia de servizos de planificación familiar e educación sanitaria básica, o ter máis fillos adoita ser visto como unha forma de substituír aos irmáns que morren na infancia, e como unha especie de plan de seguro social para os pais. Que a saúde da nai véxase gravemente prexudicada por tantos embarazos é unha consideración menor en circunstancias desesperadas. Unha forma garantida de cobertura social como a renda básica diminuiría a taxa de nacementos a longo prazo, corrixiría o rumbo contra os mozos, membros dependentes da sociedade, melloraría a saúde das nais e os nenos e levaría máis nenos ás escolas.

O noso modelo de renda básica é exportable e con algúns axustes pode ser aplicado en calquera lugar do mundo

Unha renda universal non solucionaría todos os problemas de Timor Oriental, pero supoñería moitas máis oportunidades no terreo produtivo, cohesión e inclusión social en comunidades locais reforzadas, maior participación política e unha gran redución da pobreza e dos problemas relacionados con ela. As boas noticias son que o noso modelo de renda básica é exportable e con algúns axustes pode ser aplicado en calquera lugar do mundo. E debería ser aplicado se realmente preocúpannos os dereitos humanos e queremos un cambio sistémico, especialmente cando se trata de combater a crise climática e os seus efectos sobre os habitantes máis pobres do planeta.

 

Nota:

[1] Na mitoloxía grega, Casandra foi unha muller á que Apolo outorgou o poder de adiviñar o futuro a cambio de sexo. Ao non cumprir esta o pacto, Apolo condenouna coa incredulidade dos mortais. [ N. do T.]

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.