Cambios na economía-mundo capitalista: China hacia o liderado mundial

Porto de Shanghai © Torres&Torres

Hemeroteca

A economía-mundo capitalista está ás portas de experimentar grandes cambios que, sen pecar de esaxerados, poden ser históricos. Cambios marcados pola muda nos liderados derivada do imparable auxe dunha potencia (China), o non menos imparable declive doutra (Estados Unidos) e a procura dun lugar destacado por unhas terceiras potencias menores (Rusia, Brasil, India)

Durante o mes de maio tiveron lugar unha serie de encontros internacionais en Pekin (Xi Jinping-Donald Trump, Xi Jinping-Vladimir Putin) que puxeron en evidencia que a economía-mundo capitalista está ás portas de experimentar grandes cambios que, sen pecar de esaxerados, poden ser históricos. Cambios marcados pola muda nos liderados derivada do imparable auxe dunha potencia (China), o non menos imparable declive doutra (Estados Unidos) e a procura dun lugar destacado por unhas terceiras potencias menores (Rusia, Brasil, India). Cambios que si facemos memoria sobre mudanzas históricas anteriores na economía-mundo capitalista como foi, por caso, a perda de liderado de Gran Bretaña a prol dos Estados Unidos sabemos que nin foron rápidos nin tranquilos.
 

China ascende a potencia mundial

En relación ao auxe de China como potencia mundial moitas e incontestables son as evidencias. Un auxe que, compre subliñalo, non cuestiona o carácter capitalista da economía-mundo senón que colabora ao seu afortalamento.

China nunhas poucas décadas pasou de ser unha economía menos desenvolvida a sela gran fabrica do mundo como pon en evidencia a evolución do seu peso na produción mundial. Si nos albores do presente século XXI (ano 2.000) a economía China representaba o 3,9% do PIB mundial, dúas décadas despois (2020) esa porcentaxe ascendera ao 15,6% e as previsións para este ano 2026 a sitúan nun 20%: seguramente que na historia do capitalismo nunca se deu un caso parecido. O mesmo ven sucedendo co comercio xa que na actualidade China é o maior exportador mundial con unha taxa de cobertura comercial do 132,2%, por mor dunhas exportacións de mercadorías que pasaron de representar o 4,4% (2000) do comercio mundial ao 11% (2025). Datos ámbolos dous, produción e comercio, que sitúan a China como unha potencia económica mundial de primeiro orde e en ascenso. Un ascenso que se produce sobre unhas bases económicas moi sólidas como ningún outro pais no mundo. Solidez que se pon de manifesto, por caso, na potencia industrial, na soberanía enerxética, no desenrolo tecnolóxico, na autosuficiencia alimentaria, na fortaleza do sistema bancario e no volume das súas reservas. 
 

A grande fábrica do mundo

China é, hoxe por hoxe, a principal potencia manufactureira mundial grazas a saber cabalgar sobre a deslocalización empresarial que facilitou a mundialización neoliberal, a unha moi forte intervención pública, unha abundancia de man de obra e uns baixos custos de produción tal que lle levaron, nas últimas décadas, a acadar o maior desenrolo industrial da era contemporánea e quen de alcanzar un nivel similar, incluso superar, ao dos países mais avanzados como, por caso, Alamana e os Estados Unidos. Un desenrolo industrial impulsado por uns plans quinquenais que definen as grandes liñas de actuación e que fixan uns obxectivos que se esperan conseguir por mor dunha forte presencia pública en sectores estratéxicos, unha substitución das importacións de pezas e compoñentes, unha abundancia de solo industrial, uns baixos custos de capital, unha enerxía moi barata, unha dotación de materiais a custos competitivos, uns grandes investimentos públicos en infraestruturas (portos e aeroportos), un crecente peso dos produtos con alto valor engadido e intensivos en capital e unha aposta pública firme e decidida polo desenrolo tecnolóxico e o investimento en I+D. Con estas armas China conseguiu, nunhas poucas décadas, converterse no centro da cadea mundial de produción industrial, un paso decisivo para chegar a liderar a nova economía-mundo capitalista.
 

A procura da soberanía enerxética

Un desenrolo industrial que se acompaña da procura na soberanía enerxética: a produción e o consumo de enerxía en China tivo unha transformación sen precedentes tal que a situou a cabeza mundial. Si nos inicios as bases foron o carbón (China conta coa mais grande empresa de carbón no mundo: China Energy) e o petróleo (50% de orixe nacional, 50% de importación) que permitiron un baixos custos de produción, nos últimos anos a aposta enerxética se trasladou as renovables: en 2025 China instalou o 63% de tódalas renovables novas no planeta o que levou a que estas representen, hoxe en día, o 60,1% da capacidade total instalada (47% solar e eólica) e o 43,8% de tódala infraestrutura de xeración renovable operativa no planeta. A pesar diso as necesidades da industria son tan elevadas (64% do consumo eléctrico total) que China segue utilizando o carbón (50% mundial). A prol desta forte aposta polas enerxía renovables está a supremacía china na produción e procesamento de materiais críticos (terras raras, litio, cobalto, grafito) imprescindibles para a construción das infraestruturas eléctricas nas que China ven realizando grandes investimentos co gallo de mellorar e ampliar a rede eléctrica.
 

Un desenrolo tecnolóxico acelerado

Seguramente sexa no campo tecnolóxico, pola súa incidencia no futuro, onde aparece mais visible o avance chino. En contra do que esperaban as elites estadounidenses as presións e sancións aceleraron o desenrolo tecnolóxico chino tal que, hoxe por hoxe, está en condicións de competir, incluso de gañar a competición. Fronte a ofensiva estadounidense a prol de impedir que China puidera acceder, por caso, aos chips mais avanzados para así deixala fora da carreira pola IA China construíu rutas tecnolóxicas alternativas que lle están permitindo desenvolver modelos mais avanzados e a custos moito mais baixos. Así fronte a postura imperialista estadounidense China grazas a independencia tecnolóxica conseguida está en condicións de ofrecerlle aos países do Sur global rutas tecnolóxicas -por caso, sistemas de código aberto- mais baratas e menos dependentes. Un exemplo final desta evolución china no campo tecnolóxico: si no ano 2020 importaba semicondutores por valor de case 400.000 millóns de dólares anuais, en 2025 as exportacións rondaron os 50.00 millóns de dólares.

 

A difícil autosuficiencia alimentaria

“A única maneira de que China quede libre das consecuencias da escaseza mundial de alimentos e do aumento dos prezos e que manteña firmemente a súa autosuficiencia alimentaria”. Un obxectivo das autoridades chinas que non parece fácil de conseguir xa que si en 1965 a autosuficiencia era do 95% en 2022 baixara ao 76% i é que China ten un grave problema: debe alimentar ao 20% da poboación mundial con apenas o 7% das terras cultivables do planeta. Unha relación que se deteriora ano a ano xa que perde terra de cultivo a unha velocidade acelerada e as importacións superan amplamente (15 veces) as exportacións. Entre as medidas postas en marcha polo goberno chino cabe destacar a supresión dos impostos aos grans, os subsidios as sementes e os fertilizantes, un forte investimento público en desenrolo rural así como en tecnoloxía, infraestrutura e I+D agrícola, cotas e impostos as exportacións e unha política de substitución de importacións estratéxicas (millo, solla...). Paralelamente a escaseza de terra cultivable se intenta superar por dúas vías: mediante un plan nacional (Modern, Facilities, Agriculture Development Plan 2023-2030) que promove a potenciación da agricultura urbana intensiva (horticultura, porcino e avicultura) con torres e plantas automáticas en instalacións verticais robotizadas onde se combina IA con automatización e deseño eficiente do espazo e mediante o desenrolo dunha estratexia que consiste en grandes investimentos en países do Sur global -especialmente en Africa- destinados a potenciar novas áreas de produción de cultivos para a exportación de alimentos a China: recentemente este pais ven de asinar un acordo co goberno de Tanzania para a construción dunha finca a gran escala de 50.000 hectáreas especificamente para a produción de solla e millo con destino China. Esta estratexia cada vez mais estendida e que se presenta baixo o eufemismo de cooperación bilateral ou axuda ao desenrolo pero que está provocando disturbios en non poucos pobos de Africa polo seu carácter colonialista -supón a expulsión, vía militar, dos campesiños autóctonos das súas terras como pasou recentemente no Val do Omo en Etiopía-.

O decisivo papel da banca

A pandemia da COVID.19 puxo en evidencia tanto a fortaleza do sistema bancario chino como o seu decisivo papel para que China fora a primeira economía mundial en recuperarse. Un sistema bancario que ten un papel serodio no desenrolo da economía china ao tempo que constitúe a principal ferramenta utilizada polas autoridades para executar as súas políticas públicas.

Segundo The Banker na actualidade a banca china acapara un terzo dos beneficios globais da banca mundial. Un resultado espectacular si temos en conta que no ano 2020 apenas superaba o 4%. Uns resultados que fan que tres bancos chinos (Banco Comercial e Industrial de China, China Construcción Bank e Bank of China) estean no cumio dos 100 bancos mais rendibles do mundo e con maior volume de activos.

Varias son as razóns que explican estes resultados. Un control maioritariamente público dos bancos que permite frear as actividades especulativas: a Comercial Banking Law fixou que estes bancos son exclusivamente comerciais e como tales responsables da xestión das súas propias operacións pero deben controlar os seus riscos de acordo coa regulamentación nacional do sistema bancario. Un control público que posibilita controlalo apalancamento financeiro, frear o tamaño da “banca na sombra” e centrar as operacións bancarias tanto no financiamento da produción e consumo interno de fogares e empresas (que absorben o 50% da actividade financeira bancaria) como na axuda financeira as grandes empresas públicas e os proxectos gobernamentais en infraestruturas aliñados con os Plans Quinquenais de Desenrolo.

Un elemento a maiores a destacar do sistema bancario chino é a súa capacidade de innovación que lle permite a economía china, por caso, sela de maior penetración dos pagos dixitais. 
 

As reservas como fortaleza e como debilidade

As reservas de divisas de China acadaron en maio deste ano 2026 a cifra de 3,442 billóns de dólares, o nivel mais alto da década e a tripla das reservas do segundo pais maior tenedor (Xapón: 1,3 billóns). Ao mesmo tempo o Banco Popular de China aumentou as súas reservas en ouro hasta os 75 millóns de onzas. Un volume tan elevado de reservas que deriva do dobre superávit chino por conta corrente e por conta de capital.

A decisión de Estados Unidos (2022) de conxelar as reservas de divisas de Rusia levou as autoridades chinas a revisar a seguridade das súas propias reservas diante da desconfianza en que aqueles fixeran o mesmo coas reservas chinas o que reportaría grandes perdas a economía china xa que, por caso, os bonos do Tesouro estadounidense representan o 32% dos activos exteriores de China.

Unha desconfianza que convenceu as autoridades chinas de ir reducindo as tenencias de bonos do Tesouro estadounidense e ir aumento as reservas de ouro. Resulta lóxico pensar que a marcha da economía estadounidense e as improvisacións da administración Trump fan que medren as dúbidas sobre a seguridade das reservas chinas pois non se debe perder de vista que estas dependen tanto de si Estados Unidos cumpre ou non os seus compromisos de servizos da débeda como da capacidade de China de obrigarlle se aquel non o fai. Non esquezamos que como dixo Keynes, “si lle debes 100 libras ao teu banco, tes un problema. Pero si lle debes un millón é o banco quen ten un problema”.

Velaí que na actualidade as autoridades chinas estean analizando tódolos escenarios posibles.
 

Non será unha ruta de seda

Ainda que as bases son sólidas o camiño de China a o liderado da nova economía-mundo capitalista non vai ser unha “ruta de seda” pois aparecen no horizonte unha serie de nubes que deben ser tidas en conta. En primeiro lugar a conxuntura mundial por que, si facemos caso a OMS, a humanidade está ao borde de sufrir unha pandemia aínda mais daniña ca COVID-19: “o mundo non é mais seguro”. Unha inseguridade tamén alimentada polo risco dunha nova guerra mundial dada a natureza dos conflitos bélicos actuais -Ucraína, Oriente Medio, Africa..- que poden ampliar o seu radio de acción.

Non menos incógnitas levanta o propio modelo de crecemento económico de China xa que agocha relevantes puntos negros: a demografía, o medio ambiente, a alimentación e o propio sistema político -unha ditadura-. Tampouco debemos ignorar que o ascenso de China ao liderado da nova economía-mundo capitalista camiña paralelo ao declive do imperio estadounidense: os propios lideres estadounidenses son conscientes desta realidade e están facendo todo posible por evitar a caída e non sabemos hasta onde están dispostos a chegar o que dado o seu enorme potencial militar non augura nada bo. Tampouco debemos perder de vista que neste escenario mundial emerxen unha serie de países (Brasil, India, Rusia...) con un protagonismo internacional cada vez maior e cuxo posicionamento (BRICS) será moi importante a hora de debuxar o novo escenario mundial. Finalmente un recordatorio da historia: os cambios de liderado na economía-mundo capitalista (Holanda, Gran Bretaña, Estados Unidos) nunca foron rápidos, pacíficos e lineais. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.