O galeguismo político debería confirmar se un dos obxectivos do nacionalismo español é converter a capital de España nunha megalópole de vinte e tres millóns de habitantes. Na comunidade de Madrid viven agora sete millóns, cun PIB que suma o 20% do español. Os laboratorios de ideas traballarían nese proxecto, segundo tal información. Lamento non poder citar a fonte, lida e perdida sen que consiga atopala nin lembrala. En calquera caso serve para facer un bo exercicio hipotético.
Madrid sitúase no centro de Castela, rexión convertida nunha nada poboacional. Unha absorción económica e demográfica que se alicerzou no progresivo crecemento da cidade. Co novo proxecto intensificarase ese impulso e afectará a territorios máis distantes, como Galicia, multiplicando a intensidade da presión sobre as outras dúas nacións periféricas que forman parte do territorio do estado.
A instauración das administracións autonómicas nos anos oitenta fixo pensar que o centro político e xeográfico perdería poder, que se debilitaría. A transferencia de competencias era decisiva nesa estimación. A puxanza de Barcelona -de Cataluña, por tanto- durante os anos da transición e no par de decenios posteriores, parecía confirmar esa mingua da enerxía de Madrid, baseada até daquela no poder administrativo, político, por tanto social e por tanto cultural até certo punto. Despois, máis tarde, coa democracia consolidada, atraeu as industrias relacionadas cos medios de comunicación, coa televisión, a telefonía, a dixitalización; o capitalismo financeiro permaneceu na praza e asistiu alí ao seu extraordinario crecemento exponencial; entón fíxose evidente o novo ascenso.
Unha metrópole de vinte e tres millóns de habitantes -unha ambición de proporcións chinesas- significaría, de ter éxito, acadar unha preponderancia demográfica, económica e política insólitas. Un núcleo densísimo de poder, que marcaría as pautas en todos os ámbitos e que deprimiría o resto dos territorios da península, agás os núcleos máis dinámicos, de calquera xeito moi condicionados e afectados. Un polo hexemónico e triunfal que contaría, como sempre, co referendo entusiasmado dos seus habitantes, cidadáns orgullosos de ser madrileños e do que significa, sexan moradores antigos ou de nova veciñanza, nunha colectividade inmensa.
Subxace en todo isto o vello ideal da uniformización, se non está na mesma superficie. O dominio político, económico e social. Un núcleo tan numeroso, grande cidade do mundo, irradiaría roles con maior enerxía que na actualidade, como nunca, tendo en conta que nela estaría fixado o vértice da economía, das finanzas e da industria da comunicación.
O Madrid histórico
Unha recentralización que supera con moito a lectura restritiva e neocentralista da Constitución de 1978 que se quere facer agora mesmo. As posicións dos partidos da dereita pedindo a devolución de competencias para o Goberno central, pasarían a ser apreciadas como máis propias do sentido común, porque tal peso abondaría para acadar a hexemonía sobre o territorio, que actualmente non posúe o nacionalismo español, como resulta evidente observando o contencioso vasco e sobre todo a crise independentista catalá. Aparecería de novo á vista a concreción unitaria da nación española, con grande potencialidade para vencer, nun estado que agora é relativamente inestábel, por causa precisamente das dúas nacións periféricas, ricas e centrífugas.
Aceleraría tamén a decadencia dos diferencialismos nos outros territorios que diverxen do concepto patriótico ideal de nación española, aínda que o fagan con menos intensidade que Euskadi e Cataluña. A uniformización de Galicia, Baleares e Valencia estaría máis perto. A hipótese ten sentido. É como se a armadura de Felipe II se encarnase nos abdominais de José María Aznar.
Madrid foi creada ex novo, coa misión única de ser a cabeza do poder imperial. Felipe II animouse a fundar alí, despois de medir a distancia entre o bosque do Pardo e os centros habitados pola nobreza, que eran un contrapeso non desexado. O emperador tamén arelaba cazar e non había ningún espazo cinexético de maior calidade na Iberia. Os modernos centros económicos e comerciais da época, Sevilla, Lisboa e por suposto Barcelona e Valencia, necesitaron no sucesivo do nihil obstat civil de Madrid. Mándase desde alí e mándase moito.
Unha capital estraña, en Europa e no mundo. Os aparellos das administracións estatais sempre funcionan en urbes onde se desenvolven outras funcións vitais da colectividade, ou moi perto: as comerciais, industriais, formando un vínculo case indisociábel. Por esa razón as capitais dos estados sitúanse na beira do mar, prudentemente resgardados, ou en ríos navegábeis, aínda que co paso dos séculos deixen de ser practicábeis, debido ao aumento da tonelaxe.
Madrid nace ex novo, distanciada dos centros económicos, aos que subordina. Fica fóra dos fluxos innovadores, que nunca recebe de primeira man, senón indirectamente, filtrados por cortesáns, administradores e rendeiros. Madrid foi e segue a ser unha cidade en alerta ante a novidade, reactiva ás iniciativas que suscitan cambios. É unha característica provinciana, por tanto, tan evidente como paradoxal. Produce a sensación, que moitos escritores percibiron e expresaron, de sentirse nunha urbe grande con alma vilega.
O Madrid rebelde é un mito histórico forxado no asedio fascista da Guerra Civil, debido á resistencia heroica dos seus combatentes, pero que apenas posúe máis profundidade temporal. A abnegación previa dos súbditos contra o francés é unha mostra impresionante de coraxe, de rexeitamento do invasor, pero sen relación ningunha coas liberdades nin con calidades cidadás, completamente inexistentes naquela época na capital.
Barcelona non é así. Romero-Maura di que nos anos noventa do S. XIX podía vivirse en Barcelona como en calquera capital de Europa. Culturalmente era tributaria de París, Londres e Berlín, non de Madrid. Esta psicoloxía de gran capital contribuíu a dar corpo aos sentimentos rexionalistas cataláns. Os barceloneses topaban co sistema centralizado español, sediado no centro xeográfico, que os colocaba nunha relación de dependencia igual que a das capitais de provincia de 15.000 habitantes.
O impulso actual
Arestora todo cambiou. É verdade que o nacionalismo español repite mantras, que se esgota en dogmas reiterados. No plano teórico é verdade, pero a capital amosa vigor, moita potencialidade e adquiriu, polo que parece, armas novas e extraordinariamente efectivas.
É especialmente interesante esta reflexión de Enric Juliana: “Aprobada a operación Chamartín. Peza fundamental do turbo-desenvolvemento de Madrid segundo o modelo que despega nos noventa, unha vez que fica desbordado o urbanismo da transición.”
Efectivamente, a operación Chamartín é a maior operación urbanística de Europa. O sector inmobiliario de todo o planeta está pendente dela. Proxecta dez mil cincocentas vivendas, principalmente de alta condición, tres millóns de metros cadrados edificábeis e un distrito financeiro de trescentas cincuenta oficinas. Unha panca que loxicamente non remata na propia iniciativa, senón que precipitará a atracción de investimentos para actividades e iniciativas posteriores. Entrarán fondos de investimento, bancos, construtoras.
Para collerlle a medida á macro operación convén esquecer nesta análise, ou gardar para máis tarde, igual que nas receitas de cociña, as posíbeis derivacións, tales como corrupcións políticas, cálculos especulativos e outras. Convén fixar toda a atención nos datos principais: en que foi aprobada por unanimidade, en que por tanto estaban todas as forzas políticas, animadas sen dúbida por todos os poderes económicos, en que era alcaldesa Manuela Carmena, en que o seu equipo era de esquerdas e en que tal aprobación deixa ver un xeito de concibir a fortaleza da cidade, de repregarse sobre o interese común que teñen como madrileños para facer un grande Madrid. Esa articulación perde de vista polo camiño o palidecido federalismo, citado con pouca gana, e só cando toca, para desembocar, con maior ou menor consciencia, na construción dunha poderosísima arma da España unitaria e uniforme. Aí están.
É outro momento
O desenvolvemento económico xa non necesita tanto de portos de mar para expandirse e esconxurar o raquitismo; a proximidade aos outros centros de poder mundiais tampouco depende como antes dos vellos obstáculos orográficos, pois a circulación da tecnoloxía e das finanzas non camiñan por vías tanxíbeis. Aínda así, o plan da alta velocidade, un deles, debuxa o paso da alta velocidade mediterránea por... Madrid. É verdade que tanto Cataluña como Valencia articularon unha alianza moi diversa para que se trace o camiño de ferro, o corredor mediterráneo por onde se atopa realmente o Mediterráneo, que é no mar do seu mesmo nome, como xa se sabe. E Barajas tamén manda, claro. E todos os trazados radiais dos camiños de ferro, que saen de alí.
Pódese observar a preocupación catalá. La Vanguardia informaba este 28 de outubro que Madrid xera o duplo de emprego mellor remunerado que Cataluña, e que destaca tamén por ter aumentado o número de ocupacións con soldos máis altos entre 2002 e 2017, cerca de trescentos mil, fronte aos cento cincuenta mil de Cataluña. Igualmente, o incremento de empregos con soldos baixos é maior no mercado catalán.
O Consello Xeral de Economistas informaba a semana pasada que o “triángulo competitivo” conformado por Madrid, Cataluña e Euskadi corre o risco de romper, ao desprazarse o investimento estranxeiro cara a capital e cara a Navarra; a competitividade empeora no País Vasco e descende máis en Cataluña, cun gasto exterior que cae e que podería enquistarse.
Mais Euskadi é diferente. Ten un PIB per cápita que supera nun 21 % a media do da Unión Europea. Na UE só hai sete países que se sitúen por riba. Por debaixo están Bélxica, Reino Unido, Francia e España. Aínda así non é necesario explicar as dificultades para respirar que tería Euskadi dentro dun estado nación en cuxo centro se sitúe unha metrópole capital de vinte e tres millóns de habitantes. Non é un problema de PIB, nin de nivel de vida e benestar, senón de dimensión demográfica, territorial , de peso económico e de densidade cultural.
É verdade que os lugares xeográficos que ocupan Cataluña e Euskadi, favorecen a tendencia centrífuga, esa que unha parte dos cataláns agudizan neste momento. Ambas limitan con Francia e están fisicamente próximas aos centros económicos da UE. Euskadi comunica coa rexión de Burdeos, relaciónase coa Gran Bretaña e está moi aberta cara ao norte. Cataluña emparenta territorialmente cos outros tres motores de Europa, así chamados xunto coa propia Cataluña, que son as rexións de Lyon, Milán e Stuttgart, e coa rexión de Toulouse e Marsella, e coa Italia do Norte, sen esquecer a intensa relación con Alemaña e Israel.
Avalían a potencialidade propia e ven posíbel, realista,cómodo, seren estados independentes dentro da UE. Fronte a unha integración, como comunidades autónomas dentro do territorio español, que as constrinxe. Isto fai aumentar a forza centrífuga e o desapego. Aínda así a principal forza política de Euskadi, o PNV, amósase prudente, porque coñece a historia de España e a do País Vasco; é un partido antigo e ten presente que hai poderosísimos factores que converten a política independentista catalá destes anos nunha temeridade que pode arruinar todo, inclusive o estatus de nación case independente, de facto, que ten hoxe Euskadi.
Continuará a próxima semana.
(Nota: o título deste escrito copia unha substanciosa frase de Joám Lopes Facal, aparecida en “Desprender-se da côdea provinciana, projectar o futuro possível”, un artigo publicado Praza Pública o 29 de outubro deste 2019).