A situación de Galicia
Non deberían ser desprezados os planos que se proxectan para impulsar o crecemento de Madrid até convertela nunha grande metrópole
Non deberían ser desprezados os planos que se proxectan desde os gabinetes de estudo e as instancias políticas, para impulsar o crecemento de Madrid até convertela nunha grande metrópole. O voluntarismo ten importancia, para alén do funcionamento máis ou menos espontáneo do mercado. Hai antecedentes que o demostran. Margaret Tatcher planificou que Londres renunciase á industria para concentrarse nos servizos, despois de decenios de crise. Drenar moeda do exterior a través da Bolsa, desgravar, anular comisións, incentivar a transición ao trading electrónico. Grandes multinacionais adquiriron sedes financeiras, a City converteuse nun enorme mercado e a metrópole mudou drasticamente, explica Dario Fabri no número 5/2019 de Limes.
O perigo é máis real para nós pois podemos converternos nun espazo de lecer para madrileños, unha campiña fantástica, case baleira, pura natureza
Na primeira parte deste escrito, publicado a semana pasada, analizábase situación de Euskadi e Cataluña ante o despegue de Madrid. Galicia ten outros ritmos, outro metabolismo. Únenos, iso si, a posibilidade de sermos engulidos nós pola megalópole e verse gravemente afectados eles. O perigo é máis real para nós pois podemos converternos nun espazo de lecer para madrileños, unha campiña fantástica, case baleira, pura natureza. Galicia ten para daquela un millón menos de habitantes e a maioría vive na franxa costeira occidental. É unha caricatura, por suposto, pero durante estes decenios non se elaborou ningún diagnóstico que modifique esa visión, e se o hai non se aplica na práctica política. Máis ben ao contrario, pois o que existe é unha demanda unánime para que chegue pronto o tren de alta velocidade procedente de Madrid. Unha liña radial cuxa función é articular o territorio xerarquicamente, con dependencia do centro. A mesma que tiveron as estradas radiais anteriores e as vías trazadas desde o reinado de Felipe V.
O´Donnel non comprendía que se puidese establecer outro medio que non fose o de unir por medio de radios a circunferencia co centro. Manifestaba esa incomprensión no debate da Lei xeral de ferrocarrís en 1855, tal como lembra Joaquim Coello Brufau (El País 17/5/2011). O ministro Arias Salgado declarou en 1997 que a política de infraestruturas tiña como obxectivo o fortalecemento do centro peninsular “e creo que o país nos últimos trinta anos foi desequilibrándose cara o Mediterráneo”. Aznar afirmaba cando era presidente que a alta velocidade situaría todas as capitais de provincia a menos de catro horas do centro.
O tren que vén de Madrid aumentará a dependencia do centro, estenderá o seu dominio e subordinará máis as funcións económicas de Galicia, sen falar xa do proceso imitativo
Os trens determinan a posición de poder e de subordinación, de dependencia, dentro dos territorios. Igual que os aeroportos e as estradas. O galeguismo non pode seguir tendo por guía o poema de Curros Enríquez titulado Chegada a Ourense da primeira locomotora. O tren que vén de Madrid aumentará a dependencia do centro, estenderá o seu dominio e subordinará máis as funcións económicas de Galicia, sen falar xa do proceso imitativo. Desculpen as mil imprecisións nun terreo para min tan inseguro, pero é mellor escribir que non facelo. A comparación máis sinxela indica que se as provincias do arredor de Madrid carecen de constantes vitais, os novos medios converterán ás distantes, entre elas as nosas, en espectros parecidos. Alguén dirá que iso mellor que nada, e que non se pode negar o progreso do camiño de ferro. Claro que non, calquera nega o que dicía Curros Enríquez.
Cantabria
O presidente de Cantabria fomenta as relacións con Euskadi e concentra as enerxías na conexión ferroviaria entre Santander e Bilbao “porque dependemos do País Vasco e despois de Europa"
Non somos Cataluña nin Euskadi. Non estamos a un paso dos núcleos de Europa, non temos a conciencia deles, non somos un país desenvolto. Isto debería servir para descabalgarse dalgúns mitos e para aprender a mirar con modestia, evitando discursos sacralizados.
Resulta que os cántabros teñen un plan. Xa sei, o marco mental non permite esta comparación. Pero como plan aquí non hai ningún, igual pode ser útil mirar para os cántabros. Cun presidente populista, de aparencia excesivamente volúbel, si, pero que precisamente por iso permite un comportamento político tan alleo á mentalidade colectiva da que foi até onte a provincia marítima de Castilla.
O presidente de Cantabria educouse en Bilbao, estudou economía en Sarriko, mergullouse no ambiente desa cidade e non ten antipatías polos vascos. Un azar. Fomenta as relacións con Euskadi e concentra as enerxías na conexión ferroviaria entre Santander e Bilbao “porque dependemos do País Vasco e despois de Europa, que é onde está a economía” comenta en Deia “e estaremos situados na UE, en Barcelona e tamén en Madrid”. “O grande hinterland de Cantabria é Bilbao”. En Laredo hai 100.000 vascos na fin de semana, a metade dos habitantes. Tamén en Castro Urdiales. Isto é fundamental para a relación do porto de Santander co de Bilbao. Reivindican ese tren entre as dúas cidades, igual que Ajuria Enea e o alcalde de Bilbao. Miguel Ángel Revilla afirma que pactaría o apoio ao goberno central con quen se comprometese a construílo, vinculando os dous portos. “Estamos moi agradecidos á puxanza do País Vasco, a que nos visiten e a que estean cómodos. É un orgullo”.
Como o concello de Castro Urdiales solicitou a apertura dun euskaltegi, o periódico pregúntanlle se o vería como unha ameaza “En absoluto, é lóxico que os vascos queiran conservar as súa raíces, a lingua propia, o maior patrimonio da persoa, pero que o paguen eles, non o imos pagar nós”. Remata dicindo que son un partido que cre na autonomía e na descentralización, que nunca pactarán con Vox, porque quere suprimir as autonomías.
A rexión norte de Portugal é o espazo económico complementario de Galicia e con el deberemos entendernos
A rexión norte de Portugal é o espazo económico complementario de Galicia e con el deberemos entendernos. Portugal resulta molesto, principalmente porque o sentimento español percibe ese vínculo como disgregador da nación española. E o galeguismo, nas súas variantes, carece dun criterio pensado que estea tecnicamente traballado e sexa aplicábel. Non nos entendemos, nin hai expectativa de que así sexa. O enlace ferroviario de Vigo co Porto faise dúas veces ao día, nun tren vello, con duración de grande viaxe. Desde Guixar non hai saída cara o sur e o comboio retrocede para Redondela para continuar a viaxe. Coruña e Compostela fican moi lonxe. Do Cantábrico mellor non falar. A ausencia de iniciativas é desoladora.
Eu non teño nin idea de todo isto, pero algo haberá que facer cos portos, coa Cornixa, co vínculo portugués, que sexa prosaico, frío, técnico, non versificábel.