Cara a unha regulación da xestación subrogada

Unha das razóns pola que as diferentes posicións con respecto á xestación subrogada distan tanto entre si é, sen dúbida, que defensoras e detractoras non estamos a falar sobre o mesmo, por iso creo necesario explicar cal é o modelo de xestación subrogada que defendemos desde as asociacións Por La Gestación Subrogada en España e Son Nuestros Hijos:

En primeiro lugar, avogamos por un modelo de regulación que só acepte como xestantes a aquelas persoas que teñan un nivel socioeconómico estable, o que será suficiente para evitar que alguén poida ofrecerse a xestar os fillos ou as fillas doutras persoas por atoparse nunha situación de necesidade económica.

En segundo lugar, todas aquelas persoas que decidan xestar para outras terán que ter pasado con anterioridade polo embarazo e parto da súa propia descendencia tendo completado o seu modelo de familia. Isto por dúas razóns: para que elas mesmas saiban o que supón un embarazo e un parto e para que o equipo médico poida ter información sobre como responde o corpo desa persoa a estes procesos. Obviamente, alguén que tivese tido embarazos ou partos complicados non podería ser candidata a xestar para outras persoas, porque ningunha das necesarias partes participantes nesta técnica, e moito menos os e as profesionais da medicina, quere poñer en risco a ninguén.

Se trasladásemos o enfrontamento que se está producindo no debate sobre este tema ao momento en que en España se traballaba para regular a doazón de órganos, aínda estaríamos enredados entre a proposta de regulación dunha parte e os temores da outra, que non faría mais que invocar constantemente á compravenda de órganos nos países do terceiro mundo. Afortunadamente isto non aconteceu e temos unha lei de transplantes exemplar que ten servido coma referencia para moitos países da nosa contorna. Unha lei que foi elaborada sen saber se habería doadores nin como ía funcionar, simplemente buscando un modelo ético que o tempo demostrou que funciona e que evita as malas prácticas que, aínda hoxe, se producen noutros estados.

Entendemos os temores dos que se opoñen á regulación, non obstante non os podemos compartir porque ninguén nas dúas asociacións que mencionei quere importar a España modelos de regulación deficientes que non garanten o respecto por todos os dereitos das persoas que participan nos procesos de xestación subrogada. Todas propoñemos un modelo de regulación que vele pola autonomía das xestantes durante todo o tempo que dura o embarazo e o parto, e pola súa liberdade, vontade, voluntariedade e capacidade á hora de decidir xestar a descendencia de outras persoas.

A xestación subrogada, en países máis próximos a España fisicamente e/ou no modelo político e no respecto aos dereitos da súa cidadanía, non é máis que un acordo libre e voluntario entre dúas partes no que unha persoa con capacidade de xestar consente en levar adiante o embarazo do embrión doutra familia para que este poida converterse en feto e posteriormente nun neno ou nena. É unha forma de colaboración social, como tamén o é a doazón de gametos, de sangue e de órganos, ou a participación en experimentos con medicamentos en investigación. Todos os mencionados son procesos regulados de forma segura que son realizados baixo rigorosa supervisión médica para evitar calquera tipo de risco.

A experiencia deses moitos outros países, como, por exemplo, o Reino Unido, Bélxica, Canadá, demostra que é posible regular de forma absolutamente ética, garantindo ó máximo os dereitos de todas as partes implicadas, e sobre todo, os dos nenos e as nenas e os das mulleres xestantes.

Ademais, temos a favor da regulación as sentenzas de moitos tribunais, xa sexan españois, europeos ou americanos, que non teñen sinalada ningunha obxección a estes procedementos; tamén o traballo da Conferencia da Haia de Dereito Internacional Privado, que leva varios anos estudando as diferentes lexislacións e buscando unha solución para protexer o dereito superior do menor evitando conflitos entre elas; a resolución do Parlamento Europeo do 5 de xullo de 2016, e o informe da súa Comisión de Dereitos da Muller e Igualdade de Xénero, do 2 de novembro de 2016, que condenan, exclusivamente, a "maternidade subrogada forzosa"; e o Consello de Europa, que se manifestou en contra da prohibición de calquera tipo de xestación subrogada en votación celebrada o pasado 23 de decembro.

Regular é a vía que realmente defende os dereitos de todas e que evita que se poida danar a alguén. Esa é a realidade que están atopando os países que estudan sen prexuízo este asunto e é a razón pola cal a regulación avanza en Europa e no mundo: Portugal aprobou a xestación subrogada en 2016. Irlanda presentará a súa proposta este verán. Islandia xa está estudando a súa lei de xestación subrogada. Reino Unido e Holanda veñen de presentar propostas para mellorar a súa lexislación vixente despois de décadas de uso desta técnica. Australia vén de darlle un prazo de doce meses ao seu Fiscal Xeral para que presente o seu proxecto de lei. O Parlamento sueco ten presentado varias mocións instando o goberno a regular...

Aclarado todo isto e garantido o respecto aos dereitos de todas as partes, e moi especialmente os daquelas persoas que queren compartir a súa capacidade de xestar, sería difícil comprender que algunhas compañeiras feministas puideran posicionarse en contra de regular impoñéndonos ao resto das mulleres os seus prexuízos e os seus temores, que poderán constituírse lexitimamente nos seus propios límites pero nunca nos das demais. As mulleres somos responsables e capaces de decidir se queremos xestar para outras persoas ou non, e a tarefa deste noso movemento non pode ir alén de garantir que cada unha de nós poidamos decidir libre e conscientemente en todo o que afecta exclusivamente a vida e o corpo dunha mesma. Calquera outra interferencia na forma na que unhas e outras queremos vivir as nosas vidas obvia a gran diversidade existente dentro do conxunto das mulleres e resulta, ironicamente, nunha actitude bastante machista. Nin necesitamos nin debemos consentir tutelas de ninguén que crea e/ou diga saber o que nos convén. Van moitos anos de loita feminista buscando acadar a nosa autonomía á hora de tomar as nosas decisións para que agora vaiamos recortala, precisamente, no nome do feminismo, porque non poderemos empoderarnos, é dicir, “gañar confianza en nós mesmas, ser asertivas, lograr autoridade para tomar decisións, actuar como suxeitos de dereito non sometidas a control nin limitadas polos roles que calquera pretenda impoñernos” (sic), sen autonomía, nin sen liberdade, nin sen independencia.

E, por se chegados a este punto, alguén está pensando no ultimamente traído e levado "mito de la libre elección", que desde o meu punto de vista representa unha manifesta infantilización da muller, permítaseme alertar do perigo subxacente tras este argumento. Non vaia ser que este suposto mito lles sirva a outros de escusa para recortarnos máis liberdades e, ante a dúbida de que poidamos estar imbuídas polos estereotipos sexistas e se nos considere incapaces, vexamos cuestionado o matrimonio, as relacións heterosexuais, os embarazos, a lactación, os coidados intrafamiliares... E, por suposto, calquera cousa relacionada coa moda, a xoiería, a perruquería e a e estética. Así que, moito ollo coas armas de dobre fío...

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.