Nesta época de redes sociais e e internet, ben podíamos ter falado por calquera servizo de mensaxería instantánea, pero preferiches epistolar en xornais, que pode ser un medio algo lento para debater, pero sen problema
Boas, Siro
Verás, o sábado 19 de setembro publicaches unha columna nun diario coruñés na que dicías que eu quería que meu pai estivera representado na praza do Humor, e que vos acusaba a Paco Vázquez e mais a ti, dun veto á presenza de Chichi en tan emblemático espazo urbano.
Primeiro de todo, ese texto foi publicado nunha páxina de Facebook: Chichi Campos, arquivo vivo, que non levo eu, senón un rapaz coruñés chamado Anxo Cuba, unha auténtica enciclopedia do cómic que quixo facer esta páxina en homenaxe ao meu señor pai. Unha homenaxe que lle agradezo moitísimo e pola que creo que está a facer unha gran labor de divulgación. Tanto llo agradezo que non estou enriba del a ver que publica ou deixa de publicar, porque á xente apaixonada polas cousas, hai que deixarlles ser libres e non cortarlles as ás. Pero se algo do que dixo nunha desas publicacións te ofendeu, creo que podo falar polos dous en que te pedimos as nosas máis sinceras desculpas, nada máis lonxe da nosa intención que crear aínda máis polémicas nunhas redes sociais cada vez máis polarizadas.
Que se nos faría ilusión que incluíras a Chichi entre as figuras da praza? Por suposto, pero como dis na túa columna: “Non é a praza do Humor Galego, senón unha homenaxe aos grandes humoristas do mundo”. E tes toda a razón, Siro, aínda que se me fai un pouco estraño se en vez de a Uderzo e a Goscinny, aparecen Astérix e Obélix, ou en vez de Quino, aparece Mafalda.
Podería unha praza como esta deleitar e instruír poñendo a figuras menos coñecidas e que usasen o humor para loitar contra o poder? Non sería moi bonito ver á rapazada coruñesa xogando enriba de Bluff e Carceller? Non serviría para que a xente coñecera máis a historia de ‘La Traca’? Ti mesmo puxeches o exemplo e paréceme ideal.
Quero rematar cunhas preguntar para a reflexión. Debería unha praza coruñesa homenaxear a un gran artista coruñés? Debería a praza do Humor homenaxear a humoristas de Galicia? Sería adecuado ter uns criterios máis establecidos nese espazo urbán?
Pero entendo cando dis: “Non está na praza do Humor porque non caben todos os que deberían estar” e sempre son unha pena as limitacións de espazo, tempo e orzamento. É unha mágoa non ter sitio para O Carrabouxo, Carlos Casares, Pepe Carreiro e Chichi, pero si que teña sitio un concepto tan concreto e abstracto a un tempo como “Disneylandia”.
Verás Siro, hai uns anos fixemos unha exposición sobre Chichi na coruñesa Fundación Luís Seoane e catalogamos unhas cantas das cousas, non todas, que fixo nos seus trinta e nove anos e dous meses de vida. Eran uns mil debuxos, uns douscentos artigos de prensa e uns noventa guións de televisión, ademais de algunha colaboración en radio e un traballo como deseñador máis que notorio. Dis que non citas a caricaturistas nos teus escritos, pero a un pioneiro dos fanzines en galego, que foi parte fundamental da cultura de Galicia dos anos setenta e oitenta e está no imaxinario popular por xuntar a Manquiña e Morris como dúo cómico nos primeiros anos da TVG, creo que non deberías circunscribilo a un adxectivo tan concreto, Siro.
Nesta época de redes sociais e e internet, ben podíamos ter falado por calquera servizo de mensaxería instantánea, pero preferiches epistolar en xornais, que pode ser un medio algo lento para debater, pero sen problema. Grazas a Praza Pública por permitirme contestarte.
E quero rematar cunhas preguntar para a reflexión. Debería unha praza coruñesa homenaxear a un gran artista coruñés? Debería a praza do Humor homenaxear a humoristas de Galicia? Sería adecuado ter uns criterios máis establecidos nese espazo urbano?
Non sei, total eu son de Santiago.
Nico Campos
Fillo dun humorista