Contra o consenso

Na lembranza de Roberto Vidal Bolaño

Xa o cantaron Hechos Contra el Decoro: “Cuando todo se puede decir, la forma de censura es el consenso”

Xa o cantaron Hechos Contra el Decoro: “Cuando todo se puede decir, la forma de censura es el consenso”. Tamén Chomsky ten insistido na fabricación do consenso como estratexia de dominación. O concepto marxiano de alienación alude ó consenso sobre a totalidade, no individual e no colectivo. Hexemonía e contrahexemonía, con Gramsci, arrodean tamén as formas de consenso e as de esnaquizalo. Moitos outros autores da esquerda de diversas tradicións tratan diferentes manifestacións do consenso: doxa, sentido común, control, pacto. A razón do mando expresada en consenso. A conciencia da subalternidade e a disensión son, daquela, un delirio inaceptable.

O maior triunfo das políticas lingüísticas destes últimos anos talvez non sexa a minorización ou desaparición do galego de certos ámbitos da esfera pública. Nin sequera a súa retirada progresiva do ensino público mediante un decreto que é pura medicina preventiva, substitución preventiva e acelerada. Mais ese acto de goberno en por si non explica na súa complexidade a situación social da lingua galega e a distancia que certos grupos de falantes toman respecto ó seu propio idioma. O decreto é apenas, e non é pouco, un indicio estarrecedor de que a política lingüística pública está disposta a armarse abertamente contra a lingua.

O gran triunfo da política lingüística oficial é a imposición do seu discurso mesmo na configuración do teórico contradiscurso das forzas normalizadoras de base

Mais o gran triunfo da política lingüística oficial é a imposición do seu discurso mesmo na configuración do teórico contradiscurso das forzas normalizadoras de base. A maior vitoria dese discurso negacionista, incluídas as accións de goberno, contrario a toda progresión para o galego, contrario a toda discriminación positiva, foi a reclusión do discurso normalizador nun mesquiño e ficticio espazo de seguridade. A asunción da derrota. A volta ó consenso como recuperación dun espazo que xa case que estamos empezando a idealizar. Pero nada foi nunca o que hoxe nos parece.

A lingua non é apenas un asunto cordial, aínda que a emoción e o afecto tamén participan do proceso de recuperación e de toma de conciencia. Non serve, pois, o tan recorrente autoodio como explicación universal

Todo proceso de normalización é un combate social que exhibe o antagonismo oculto entre os usuarios dunha lingua, socialmente marcados, e as forzas que lles impiden participar dun dereito fundamental como é o de desenvolver a totalidade da vida na lingua propia, algo tan normal pero tan inalcanzable para nós. Toda política lingüística normalizadora ten que comprender esta dimensión social e emboligarse nela ata luxarse. Xa non son suficientes explicacións psicoloxistas nin apelos ó sentimento. A lingua non é apenas un asunto cordial, aínda que a emoción e o afecto tamén participan do proceso de recuperación e de toma de conciencia. Non serve, pois, o tan recorrente autoodio como explicación universal, cómpre atendermos a unha base material que o condiciona todo, mesmo o abandono (doloroso) da lingua propia na comunicación cos fillos para que sobre estes non pese o estigma que un idioma convertido en símbolo de estatus arrastra consigo. A indeleble marca da subalternidade. Se as causas da situación lingüística son principalmente materiais, sobre elas terá que se debruzar toda política lingüística que procure empezar a inverter as tendencias de substitución.

No territorio social, cómpre actuar en positivo co ollar posto na conquista de dereitos lingüísticos que o marco xurídico-político non está en condicións de garantir e que, por tanto, superan os marcos institucionais do posible

Hai anos que intuímos a necesidade dunha nova política lingüística. Nas institucións, é unha obviedade, pero tamén na base social e cultural máis ou menos organizada por núcleos de falantes conscientes. Así, no territorio social, cómpre actuar en positivo co ollar posto na conquista de dereitos lingüísticos que o marco xurídico-político non está en condicións de garantir e que, por tanto, superan os marcos institucionais do posible. A conciencia de que as leis non nos serán propicias mentres non constituamos un suxeito soberano e autónomo. Conciencia das necesidades e, por tanto, proxecto social de inversión de tendencias e normalización. A lingua ten futuro, e así o demostramos día a día, co orgullo da nosa posesión. O futuro escríbese no presente. A lingua necesitámola entre nós, non para que a usen outros. Toda lingua é internacional, pero xa pode vivir en plenitude noutras latitudes que se nunha comunidade se esvaece o que esa comunidade perde será irreparable.

A radicalidade do discurso negacionista e da práctica gobernamental, e talvez a súa potencia de difusión, obrigounos a ir moderando obxectivos ata a renuncia

O discurso normalizador de base será arredista en relación co negacionismo destes tempos. Eludirá calquera contacto. Desprezará as provocacións. Non podemos someternos á axenda do negacionismo, nin aínda que este ocupe espazos institucionais; ó contrario, será o negacionismo o que teña que responder á nosa axenda, se ten azos para facelo. Outramente, estariamos dándolle carta de natureza ó seu triunfo, a unha vitoria que en parte se foi facendo forte des que nos sentimos obrigados a esixir a volta ó consenso anterior. Pero aquel consenso é a asunción da renuncia á normalización plena. A radicalidade do discurso negacionista e da práctica gobernamental, e talvez a súa potencia de difusión, obrigounos a ir moderando obxectivos ata a renuncia.

Aquel vello Plan Xeral de Normalización, por exemplo, non pode converterse nun espazo arcádico de referencia, pois iso dá unha imaxe moi precisa do noso grao de debilidade colectiva

Aquel vello Plan Xeral de Normalización, por exemplo, non pode converterse nun espazo arcádico de referencia, pois iso dá unha imaxe moi precisa do noso grao de debilidade colectiva. Nese espazo nunca encontraremos nada máis ca a tranquilidade do pacto e a implacable continuidade da substitución. E un pacto entre elites, coma aquel, é incapaz de resolver en positivo as contradicións expresadas por unhas relacións sociais de dominio e subalternidade que están gravadas desde sempre no conflito lingüístico. O noso conflito non é nacional, aínda que a subalternidade nacional exista e inflúa; é social. Non somos unha nación lingüisticamente ocupada por colonos estranxeiros senón unha clase social diversa e complexa, popular, dominada material e simbolicamente por outra.

O conflito non se resolverá, por tanto, mediante pacto entre elites e representantes

O conflito non se resolverá, por tanto, mediante pacto entre elites e representantes, moito menos nunha fase histórica en que as vellas formas de representación burguesa están en proceso de descomposición e abertamente discutidas polas multitudes. Como tampouco se aliviará nun retorno ó decreto anterior promulgado polo goberno bipartito. Porque se o decreto actual é substitución preventiva, aquel non era máis ca unha especie de coidado paliativo. A escola ten que empezar a non ser un factor de desgaleguización.

O discurso normalizador de base debe recuperar compromiso creativo coa extensión social do galego, co fortalecemento común e solidario entre grupos expansivos de falantes, co reforzo da lealdade lingüística e da transmisión

O discurso normalizador de base debe recuperar compromiso creativo coa extensión social do galego, co fortalecemento común e solidario entre grupos expansivos de falantes, co reforzo da lealdade lingüística e da transmisión, coa conquista efectiva de dereitos lingüísticos que nos vaian encamiñando a facer real a posibilidade de desenvolvermos a totalidade da nosa vida na lingua que nos é propia. E todo iso implica un proxecto alternativo que poderá conquistar pequenos territorios mediante pactos concretos pero que non poderá fundamentarse en ningunha clase de consenso con aqueles sectores sociais e políticos que só entenden os acordos como maneira de impoñer sen sobresaltos os ritmos da desaparición.

E nós non lles daremos ese pracer.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.