Copago, medicamentazo e outras "correccións” pouco sociais

CC-BY-SA Praza Pública

Non se nos esquece que temos máis de catrocentos medicamentos que desapareceron da listaxe dos financiados pola sanidade pública? Porque o verdadeiro cambio non foi só o copago. O verdadeiro cambio foi acostumarnos pouco a pouco a pagar cada vez máis polo feito de enfermar e asumilo como normal ou inevitable

Para entender o debate actual, cómpre lembrar como era o sistema farmacéutico antes da reforma de 2012. Máis que nada para saber o que fomos perdendo polo camiño do roubo do público.

O Goberno presenta a reforma do copago farmacéutico como unha medida social destinada a protexer ás rendas máis baixas e ás persoas con tratamentos crónicos. Novos tramos, límites mensuais e unha suposta maior xustiza no reparto do gasto farmacéutico.

E seguramente moitas persoas notarán algún alivio.

Pero hai unha pregunta incómoda que apenas aparece no debate público:

Non se nos esquece que temos máis de catrocentos medicamentos que desapareceron da listaxe dos financiados pola sanidade pública?

Porque o verdadeiro cambio non foi só o copago.

O verdadeiro cambio foi acostumarnos pouco a pouco a pagar cada vez máis polo feito de enfermar e asumilo como normal ou inevitable.

En 2012, co Goberno de Mariano Rajoy, da man da ministra Ana Mato, implantouse unha reforma que modificou profundamente o modelo farmacéutico público. Os pensionistas, que ata daquela non pagaban polos medicamentos financiados, pasaron a facelo segundo renda

En 2012, co Goberno de Mariano Rajoy, da man da ministra Ana Mato, implantouse unha reforma que modificou profundamente o modelo farmacéutico público. Os pensionistas, que ata daquela non pagaban polos medicamentos financiados, pasaron a facelo segundo renda. Cousa que, ata certo punto, ten a súa razón de ser. Pero Ao mesmo tempo iniciouse o chamado “medicamentazo”: a exclusión progresiva de centos de medicamentos da financiación pública.

E digo progresiva porque non meteron o coitelo dunha vez.

Primeiro foron uns poucos medicamentos. Logo ampliáronse listaxes, revisáronse coberturas e fóronse normalizando novas exclusións. Sempre presentadas como “axustes técnicos”, “medicamentos menores” ou tratamentos de “baixo valor terapéutico”.

Pero para moitas persoas maiores e enfermas crónicas aqueles medicamentos non eran “axustes técnicos”. Máis ben eran imprescindibles para mellorar a súa calidade de vida.

Eran parte da súa vida diaria.

Protectores gástricos, tratamentos para a artrose, problemas circulatorios, laxantes terapéuticos, mucolíticos ou determinados tratamentos oftalmolóxicos pasaron a pagarse integramente de peto.

Lembro uns dos casos que levantaron polémica no seu día: 

Os tratamentos para a artrose, especialmente os SYSADOA, como o condroitín sulfato ou a glucosamina. O Ministerio de Sanidade chegou a propoñer a súa “desfinanciación” (mandacarallo co eufemismo) debido ás dúbidas sobre a súa eficacia clínica. Porén, a presión de asociacións médicas e de pacientes conseguiu frear a medida e manter estes tratamentos dentro da prestación farmacéutica pública.

Pois é aí unha das trampas máis invisibles do sistema.

O copago ten límites.
O medicamentazo non.

Cando un medicamento está financiado, o paciente paga unha porcentaxe e existen topes mensuais para evitar determinados excesos. E sobre iso vai a nova Ley sobre a “medida social” para axudar aos que menos, teñen, pero cando un fármaco deixa de estar cuberto pola sanidade pública, desaparece tamén esa protección. Xa non se paga un 10%, un 40% ou un 50%. Págase o 100%.

Nestes días comprobei algo que me parece especialmente revelador: parte da medicación necesaria, despois dunha operación de cataratas, non estaba cuberta pola sanidade pública. O gasto rondou os 40 euros.

Pode parecer pouco para determinados salarios. Pero non é pouco para todas as economías.

E ademais o problema non termina nos medicamentos.

Que pasa coas próteses dentais, cos audífonos ou coas lentes? Son artigos de luxo? Ou son elementos imprescindibles para que unha persoa con limitacións de audición, vista ou dental, poida comer, escoitar, ler, relacionarse cos demais ou, simplemente, manter autonomía?

A privatización da sanidade non só chega vendendo hospitais. O roubo perpétrase día tras día e camuflado tras medidas supostamente sociais e populares

Miles de persoas retrasan durante anos cambiar unhas lentes, mercar uns audífonos ou arranxar a dentadura porque non poden asumir o gasto.

E mentres tanto seguimos asistindo a unha sucesión constante de anuncios, porcentaxes e titulares presentados como grandes conquistas sociais.

Quizais o debate real debería ser outro.

Quizais deberiamos preguntarnos ata que punto unha sociedade pode seguir considerándose xusta socialmente mentres traslada pouco a pouco os custos de vivir enfermo cara ás familias, no caso de tela e que esta axude, ou terminemos vivindo nun país que nos venden como xusto pero que deixa que os que realmente o necesiten teñan unha calidade de vida a que lle falta moito para ser a desexable.

Porque a privatización da sanidade non só chega vendendo hospitais. O roubo perpétrase día tras día e camuflado tras medidas supostamente sociais e populares.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.