Dietario da IA 5.0

Os humanos somos a cada paso máis previsibeis e obedientes. As máquinas son máis complexas, imprevisibeis e inmanexabeis CC-BY-SA Ankit Arora

Hemeroteca

Dicía Philip K. Dick que “as máquinas parécense cada vez máis a nós, e nós a elas. Nalgún punto a medio camiño, ímonos encontrar”. Os humanos somos a cada paso máis previsibeis e obedientes. As máquinas son máis complexas, imprevisibeis e inmanexabeis. Non está claro se no momento actual ese partido se está a xogar en campo propio ou xa en campo visitante, o que conta é achicar espazos e desprazar o punto de encontro do que falaba Dick

Dicía Philip K. Dick que “as máquinas parécense cada vez máis a nós, e nós a elas. Nalgún punto a medio camiño, ímonos encontrar”. 

Os humanos somos a cada paso máis previsibeis e obedientes. As máquinas son máis complexas, imprevisibeis e inmanexabeis. Non está claro se no momento actual ese partido se está a xogar en campo propio ou xa en campo visitante, o que conta é achicar espazos e desprazar o punto de encontro do que falaba Dick. O público torce polo seu bando desde cada un dos fondos do estadio e o resultado é incerto pero co paso dos minutos semella que os humanos nos imos conformando co empate ou cunha derrota digna. Desbotamos a remontada e menos aínda confiamos no fair play.

*

Anthropic vén de recoñecer perdas de 80.000 millóns nun semestre, pese a levar a contabilidade cun nivel de misterio digno da teoloxía medieval. A maiores ten compromisos de gasto non cancelabeis por case medio billón. OpenAi baila o mesmo baile. Nese contexto, a última medida de presión para vencer a resistencia de Trump a unha regulación anticompetencia, acompañada dun rescate disfrazado de colaboración público-privada, consiste en filtrar que os seus equipos estudan como afrontar o día despois dun evento catastrófico, que sitúan como inevitábel nos vindeiros seis ou doce meses. Non se fala de prevención para evitalo senón de como reaccionar no plano das relacións publicas, desviando de paso a responsabilidade. 

Anthropic vén de recoñecer perdas de 80.000 millóns nun semestre, pese a levar a contabilidade cun nivel de misterio digno da teoloxía medieval. A maiores ten compromisos de gasto non cancelabeis por case medio billón. OpenAi baila o mesmo baile

O evento podería tratarse dun ciberataque a grande escala que afectase á conectividade xeral, bloquease o acceso a servizos financeiros ou afectase a infraestruturas críticas como a auga ou a electricidade. Isto afirma Axios, medio dixital coa dose de credibilidade xusta para vender a propaganda corporativa como exclusiva xornalística e reportaxe de investigación. A coordenadora do informe, Maria Curi, explica que a catástrofe desencadeará o caos e protestas cidadás masivas, polo que o goberno optará por intervir e regular, o que na linguaxe das Big Tech equivale a consolidar o oligopolio e, en palabras de Sam Altman, actuar como “asegurador de último recurso”. Isto é, diluír a ruína entre os contribuíntes. Acabo de escoitar a Eric Schmidt, ex-CEO de Google, ollando a cámara en fite e con pausa dramática de desafío repetir que, para impulsar a regulación “precisamos un mini Chernobyl. OK? Un chisco de medo nunca vén mal”. Hai ano e medio falaba dun “evento mortal modesto, tipo Hiroshima” e avisaba de que, se non o asumimos, vai ser peor. 

*

Nese contexto, a última medida de presión para vencer a resistencia de Trump a unha regulación anticompetencia, acompañada dun rescate disfrazado de colaboración público-privada, consiste en filtrar que os seus equipos estudan como afrontar o día despois dun evento catastrófico, que sitúan como inevitábel nos vindeiros seis ou doce meses

A cruzada numantina entre académicos, escritores ou xornalistas polo sangue puro, libre de IA, fai que unha pinga de sangue dixital se considere abondo para contaminar calquera texto. Os chatbots son os novos bárbaros, dispostos a envelenar as fontes, espallar virus e salgar as terras. A preocupación é lexítima pero a pureza é neurótica e ás veces consegue o efecto contrario ao desexado. As casas desinfectadas para evitar a exposición aos ácaros debilitan as defensas das persoas que viven nelas. Estas persoas cualifican a quen considera que coa limpeza abonda, sen chegar á desinfección, como irresponsábeis. 

Para evitar o contaxio textual os cristiáns vellos dispoñen de sistemas de detección da prosa sintética, o sangue sucio. Uns funcionan mellor que outros. Algún software ten certificado que Xerminal, de Zola, era puritiña IA. Tende a pensar o ladrón que todos son da súa condición. Pangram é, segundo din, dos que menos mete a zoca. En versións libre e premium marca os textos infectados tanto se foron elaborados integramente con IA, ou editados, ou se os autores empregaron vocabulario ou xeitos de argumentar prevalentes nos Modelos de Linguaxe. Se non ubicamos e eliminamos ata a última célula canceríxena, a metástase caerá sobre nós. 

O caso con máis eco foi o do gañador do premio Fnac e finalista aos Goncourt, Femina ou Renaudaut (pouca broma) Cétait ça ou mourir. A novela Donde el agua trabaja foi premiada por un xuri entusiasta presidido por Cristina Rivera Garza. O problema é que, segundo Pangram, era froito do algoritmo nun 99%. A primeira reacción é que se trata dun engano intolerábel e tanto as obras como os autores merecen a picota. A segunda reacción é que se eliminan “orixinais” elixidos por xuris de prestixio entre milleiros de candidatos. Sigo a pensar que o autor debe ser posto na picota pero a figura do autor é na historia da literatura unha anomalía recente, e non moi transcendente, un suplantador da autoría colectiva. O nome do autor nunha cuberta é no fondo unha especie de pseudónimo. Dito o cal, son partidario do sangue sucio e non sería eu quen lle puxese lume ao texto sen antes botarlle un ollo. Outra cousa sería tratar de lucrarse coa criatura, ninguén pode reclamar dereitos sobre ese texto, nin o falso autor nin moito menos o algoritmo, que parte do pecado orixinal do saqueo de textos alleos.

A cruzada numantina entre académicos, escritores ou xornalistas polo sangue puro, libre de IA, fai que unha pinga de sangue dixital se considere abondo para contaminar calquera texto. Os chatbots son os novos bárbaros, dispostos a envelenar as fontes, espallar virus e salgar as terras. A preocupación é lexítima pero a pureza é neurótica e ás veces consegue o efecto contrario ao desexado

Por desgraza estas ferramentas, ademais de sofisticadas, son opacas, de aí que o seu funcionamento sexa un caso máis de autorregulación. A porcentaxe de acertos dalles credibilidade e poder para aproveitar “beneficios colaterais”, como prestarse a desacreditar ou censurar voces non afectas. Isto ocorreu con xornalistas do New York Times ou do Wall Street Journal, mesmo Leon XIV, ao que se acusou de que na encíclica sobre a IA había un 2% de intervención de LLMs. A cabalo dos informes de Pangram outras voces críticas son acusadas de desinformación desestabilizadora, correas de transmisión de granxas de bots, etc. Pangram foi creado por Max Spero e Bradley Emi, formados en Silicon Valley e que antes traballaron para o supremacista ario Elon Musk. Non renxe un chisco que a única maneira para defendérmonos da IA sexa coa propia IA? 

*

Como explicar que o sector financeiro non lle declare a guerra ás criptomoedas ou a unha IA con axentes fora de control que expoñen as corporacións a riscos sistémicos e indemnizacións milmillonarias por hackeos e estafas? Ao contrario, abrazan esas tecnoloxías efusivamente, fináncianas e forzan a súa implantación. Volvemos ao patrón de Pangram: Debemos construír máis IA para ocuparnos das ameazas da IA. 

Unha hipótese. Na crise de 2008 quedou claro que os bancos eran os responsabeis da desfeita. Cando o próximo crash aconteza, virá acompañado de hackeos reais ou orquestrados, e os bancos presentaranse non como culpabeis senón como vítimas. A desaparición de activos dixitalizados dos clientes a mans de ciberdelincuentes tamén lles afecta a eles, ou que pensamos? Sen chegar ao crash, proliferan as voces de que a obriga de devolverlle ao cliente o importe das ciberestafas é inxusta coas entidades, dado que os culpabeis son os ciberpiratas. A IA non só permite reducir ou depauperar planteis, a inseguridade controlada é para a banca unha coartada, un seguro. Nun plano máis alto, entre a banca privada, os bancos centrais e os estados hai quen anda a explorar a vía de resarcir o estafado con divisas dixitais ou criptomoedas. En tempos era con pagarés. Todo un clásico, o tocomocho.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.