O legado diplomático do finado Papa Francisco representa unha transformación profunda na proxección internacional do Vaticano, marcando un afastamento do modelo eurocéntrico cara a un enfoque centrado no Sur Global e as súas complexas realidades
O legado diplomático do finado Papa Francisco representa unha transformación profunda na proxección internacional do Vaticano, marcando un afastamento do modelo eurocéntrico cara a un enfoque centrado no Sur Global e as súas complexas realidades. Como fillo do Cono Sur, Jorge Mario Bergoglio imprimiu á diplomacia vaticana un xiro radical ao privilexiar as periferias sobre os centros de poder establecidos. Lonxe de concibir o mundo como un taboleiro binario de potencias enfrontadas, Francisco expuxo a imaxe do poliedro, onde cada actor conserva a súa identidade mentres forma parte dun todo común. A metáfora do poliedro está presente no seu documento programático Evangelii Gaudium de 2013, que critica a "globalización da indiferenza" e chama a un diálogo político e social máis inclusivo.
A visión de Francisco conecta con correntes poscoloniais como as enarboradas polo camerunés Achille Mbembe ou o portugués Boaventura de Sousa Santos. En Sortir de la grande nuit: Essai sur l'Afrique décolonisée (La Découverte, 2010), Mbembe suxire que a descolonización debe ser tanto un proceso político coma unha liberación simbólica e cultural que afirme a diversidade como riqueza e non como problema. Un principio que Francisco aplicou a través da promoción dun diálogo interperiférico entre as marxes do sistema internacional. En Epistemologias do Sul: Para uma ciência pós-abissal (Cortez Editora, 2014), de Sousa Santos apela a superar o monopolio cognoscitivo occidental, outra máxima que Francisco aplicou ao dar voz e relevancia a igrexas locais e saberes indíxenas.
A ruptura conceptual do finado Papa coa vella diplomacia vaticana evidénciase na reconfiguración operada no Colexio Cardenalicio, incorporando voces de rexións historicamente marxinadas como Myanmar, Bangladesh, Mongolia ou Papúa Nova Guinea, e no reforzo da autonomía cultural das igrexas locais
A devandita apertura diplomática vaticana tamén dialoga con teóricos occidentais como Hedley Bull. Na súa obra clásica The Anarchical Society: A Study of Order in World Politics (Columbia University Press, 1977), o británico argumenta que a orde internacional depende da colaboración entre estados en áreas de interese mutuo, un concepto que o finado Santo Pai manifestou nas cartas encíclicas Laudato Si' (2015) e Fratelli Tutti (2020), que promoven a cooperación global para abordar desafíos como a pobreza, a crise ecolóxica e os dereitos humanos. Baixo Francisco, o Vaticano tamén ampliou a súa vasta rede diplomática que comprende relacións con 184 países e presenza en organismos internacionais, complementada por redes que, como as de Cáritas, outorgan acceso a realidades inalcanzables para o resto de actores.
Unha opción teolóxica que entende a diversidade como elemento constitutivo do catolicismo e representa un cambio disruptivo e potencialmente duradeiro do pontificado de Francisco, quen xa albiscara a deriva cara un escenario internacional marcado por unha pluralidade de centros de gravidade e a crise dos paradigmas civilizacionais exclusivos
A ruptura conceptual do finado Papa coa vella diplomacia vaticana evidénciase na reconfiguración operada no Colexio Cardenalicio, incorporando voces de rexións historicamente marxinadas como Myanmar, Bangladesh, Mongolia ou Papúa Nova Guinea, e no reforzo da autonomía cultural das igrexas locais. Exemplos prácticos desta revolución inclúen as negociacións con China sobre o nomeamento de bispos (2018) e a mediación en conflitos globais como en Sudán do Sur, organizando Francisco en 2019 un retiro espiritual cos líderes rivais Salva Kiir e Riek Machar, chegando a bicar os seus pés nun xesto simbólico de compromiso e rogo a favor da paz e a reconciliación nestas periferias esquecidas.
O futuro de tales orientacións diplomáticas depende do conclave do que deberá saír un novo Papa e das decisións que tome o Colexio Cardinalicio reformulado, pero non completamente reconfigurado, non podendo descartarse un retorno a posturas eurocéntricas. Porén, as mutacións estruturais e conceptuais implementadas poderían deixar unha pegada perenne, posicionando á Igrexa como actor capaz de articular as inquedanzas do Sur Global en temas cruciais como migración, cambio climático e xustiza social. Unha opción teolóxica que entende a diversidade como elemento constitutivo do catolicismo e representa un cambio disruptivo e potencialmente duradeiro do pontificado de Francisco, quen xa albiscara a deriva cara un escenario internacional marcado por unha pluralidade de centros de gravidade e a crise dos paradigmas civilizacionais exclusivos.