Xeopolítica vaticana: O Espírito Santo vai vello, pero agardemos que aínda non chochee

Vista da praza de San Pedro do Vaticano tras a elección do papa Francisco en 2013 Dominio Público PxHere

Hai algo de As sandalias do pescador que 60 anos despois segue tendo vixencia: a reflexión de que van elixir ao líder, ao “influencer”, diríamos hoxe, de moitos millóns de persoas en todo o mundo. Probablemente o maior líder en termos de influencia na poboación

Cando falece un Papa, habitualmente nas televisións emítese As sandalias do pescador, aquela superprodución dos anos 60 do século pasado, cinematograficamente moi atractiva, aínda que a novela de Morris West na que se baseaba era bastante utópica. Hoxe, nestes momentos, é moito máis recomendable ver Cónclave, que reflicte perfectamente as loitas de poder e as tensións no interior da Igrexa Católica por conseguir o poder. 

Pero hai algo de As sandalias do pescador que 60 anos despois segue tendo vixencia: a reflexión de que van elixir ao líder, ao “influencer”, diríamos hoxe, de moitos millóns de persoas en todo o mundo. Probablemente o maior líder en termos de influencia na poboación, nun momento igual que nos anos 60 coa Guerra Fría, especialmente convulso; polo tanto, a súa elección ten unha importancia especial.

Neste sentido, algúns medios xa adiantaron a reflexión do profundamente que a dereita reaccionaria detestaba a Francisco e das presións que, conseguentemente, sen lugar a dúbidas exercerán Trump e outros dirixentes da extrema dereita mundial para que o próximo Papa lles sexa afín. Isto lembra o que ocorreu na Europa dos fascismos, cando necesitaban un Papa que, como Pío XII, fose profundamente anticomunista e, polo tanto, tolerante cos réximes totalitarios. Polo menos nun primeiro momento, xa que a posición do Vaticano, cando se comezaron a coñecer os campos de exterminio e outras brutalidades dos nazis, envolvese nunha néboa de contradicións onde non está moi claro que posición toma a Igrexa, aínda que si é verdade que foi unha das que organizou a rede de fuxida dos xerarcas nazis cara a Sudamérica.

É obvio que aos réximes autoritarios nestes momentos lles interesa un Papa transixente que frene ás masas, que non as predispón contra eles e que, dalgún xeito, lles facilite o camiño cara ás políticas ultraliberais e autoritarias que queren impulsar

É obvio que aos réximes autoritarios nestes momentos lles interesa un Papa transixente que frene ás masas, que non as predispón contra eles e que, dalgún xeito, lles facilite o camiño cara ás políticas ultraliberais e autoritarias que queren impulsar, cando non, cara a procesos bélicos por invasión a terceiros países como aconteceu con Rusia e Ucraína, con Israel e Gaza, como pode ocorrer con China e Taiwán ou como poida pretender Trump con Groenlandia, aínda que o ten máis difícil porque é Unión Europea. Esa é a batalla á que imos asistir nestes próximos días e que, desde a miña óptica, creo que vai determinar o que ocorra nos próximos anos e o devir da actual situación, comparable, como todo o que acontece a principios de século, coas dúas Guerras Mundiais do século pasado, só que as guerras hoxe líbranse dunha forma menos cruel e incluso menos sangrienta, agás Gaza e Ucraína.

E dentro desta xeopolítica hai unha nova que pode ser interesante, aínda que é evidente que o que acontece na elección de Papa, como moito, probablemente só o saiba o Espírito Santo, se é verdade que os ilumina. Sabemos que isto é unha loita de poder onde non hai unhas maiorías claras. A Igrexa Católica non é, evidentemente, un réxime democrático, pero ten algúns aspectos semellantes: ten os seus partidos internos (Xesuítas, Salesianos, Opus, etc.) que loitan e compiten, obviamente, por chegar ao poder, e xa vemos o impacto que un Papa pode chegar a ter sobre eles, como o caso de Wojtyła, que foi a época de maior crecemento do Opus; conseguiron a prelatura e foi a época na que máis sectas se “normalizaron” na Igrexa Católica.

Todos eles loitan polo poder e, como ningún ten maioría, é cando entran os xogos e os pactos para a elección, neste caso non de presidente, senón de Papa. O mecanismo é bastante semellante, coa salvedade de que os fieis católicos, aqueles que pertencen á Igrexa Católica, non teñen voz nin voto, non poden votar. Fano os príncipes da Igrexa, nun sistema de cooptación que, con todos os respectos, semella bastante ao que tiña o Comité Central do Partido Comunista da Unión Soviética, onde o secretario xeral elixía ao politburó, e os membros do politburó elixían ao secretario xeral. O Papa elixe aos cardeais e os cardeais son os que elixen ao Papa. É un sistema peculiar.

Recordando aquela frase que lle dixo un día Fraga a unha persoa que lle facía un comentario acerca de que podería ser Papa Rouco Varela, con quen Fraga mantía unha pésima relación, este contestoulle: “O Espírito Santo vai vello, pero aínda non chochea”. Así que agardemos que, nesta ocasión, o Espírito Santo tampouco chochee

Polo tanto, con todas as reservas sobre cal pode ser o resultado, se é certo que como dicía un cardeal español recentemente pode haber sorpresas, déixenme poñer o foco sobre un español, o Padre Artime, asturiano e Rector Maior dos Salesianos, nomeado directamente polo Papa Francisco e, polo tanto, de súa confianza e dunha liña progresista. Isto é extraordinariamente importante. Se os sectores progresistas da Igrexa conseguen impor un novo Papa, ou consensuar un Papa con máis tendencia progresista que reaccionaria, e se o nome que ao final acaba aflorando fose o deste español de Asturias, quizais poderiamos confiar en que unha das entidades máis influentes do mundo seguise unha liña de resistencia fronte aos autoritarismos, ultraconservadurismos e extrema dereita, incluso contra o ultraliberalismo, o que, ata para os que non formamos parte da Igrexa Católica, sería unha moi boa nova, porque tamén nos afectaría positivamente.

Así que, recordando aquela frase que lle dixo un día Fraga a unha persoa que lle facía un comentario acerca de que podería ser Papa Rouco Varela, con quen Fraga mantía unha pésima relación, este contestoulle: “O Espírito Santo vai vello, pero aínda non chochea”. Así que agardemos que, nesta ocasión, o Espírito Santo tampouco chochee.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.