Bergoglio e as contradicións

O Papa Francisco en 2016 en México CC-BY-SA Presidencia de la República Mexicana

Que sabiamos de Bergoglio? Que era xesuíta, arcebispo primado de Bos Aires ao que lle gustaba viaxar en subte (metro) mesturado co pobo, que fora o Superior Principal dos xesuítas entre 1976 e 1979, vaia época!, e que se asumía peronista. Augas abertas, gretas de cores, todo e nada pode ser e suceder ao mesmo tempo

Hai doce anos, o 13 de marzo de 2013, estaba eu no «Centro Cultural Carlos Mugica», nada menos, (xa sabedes, un sacerdote vileiro, xesuíta, comprometido cos máis desfavorecidos, asasinado pola Tripe A nos anos de terror previos ao golpe de Estado do 76 na Arxentina), en Lanús, provincia de Bos Aires, presentando Toda a xente errante, a miña primeira novela, con moitas compañeiras e compañeiros e coa colaboración da querida activista social Aixa García Avellaneda. 

Nese marco, un grupo de mulleres entrou berrando alborozadamente (algo moi arxentino) e interrompendo o noso acto (algo moi arxentino): Bergoglio é Papa, Bergoglio é Papa!, o que produciu un corte abrupto nas augas e no ar (algo, tamén, moi arxentino).

Que sabiamos de Bergoglio? Que era xesuíta, arcebispo primado de Bos Aires ao que lle gustaba viaxar en subte (metro) mesturado co pobo, que fora o Superior Principal dos xesuítas entre 1976 e 1979, vaia época!, e que se asumía peronista. Augas abertas, gretas de cores, todo e nada pode ser e suceder ao mesmo tempo. 

Alí, nese espazo cultural do pobo dedicado a honrar a memoria dun cura que o gañou con suor e coa propia vida (a quen tiven a alegría de coñecer facendo unha folga de fame polos refuxiados chilenos no 73, na Vila 31, o seu reino que si era deste mundo), as augas simplemente partíronse en metades: Bergoglio vendeu os curas vileiros Orlando Yorio e Francisco Jalics aos milicos, que os secuestraron e torturaron até case o exterminio!; e coa mesma forza: Bergoglio salvounos de morrer, ademais axudou a moitos a saír do país! Nas vilas («vilas miseria», asentamentos precarios e marxinais nos arrabaldes da cidade), a xente saíu festexar. Esa tamén era unha realidade, a xente máis pobre celebraba o seu Papa.

Jorge Bergoglio en 2008, aínda cardeal CC-BY-SA Aibdescalzo

A ninguén se lle escapa o difícil que debe ser moverse entre eses seres doutra galaxia, afastados do mundo e de calquera realidade que lles incomode, con todo, cando alguén ten unha actividade pública estará exposto ao que se diga da súa actuación, en todos os sentidos, só que, no caso dun arxentino sobresaliente máis aló de xuízos, a historia complícase

Para quen non vivise séculos na Arxentina, o territorio onde se inventaron as contradicións das contradicións, será moi complicado entender algo do que digo; por iso, vou amodo.

Había Bergoglio exposto a Yorio e a Jalics (curas chamados terceiromundistas, como o pai Mugica, implicados e comprometidos coas loitas populares, activos na Vila do baixo Flores) quitándolles unha especie de foro, a protección eclesiástica para oficiar misa e demais, ou mesmo os denunciara?

Volven abrirse as augas. Bergoglio, sabíase en círculos, era peronista, simpatizante ou militante dun grupo que representaba a ala máis dereitista do peronismo, a temida Guardia de Hierro. Jalics e Yorio eran cristiáns de base, da ala máis esquerdista do peronismo, que sustentaban mesmo a loita armada pola liberación dos nosos pobos. Que había de verdade e que non entre tanto despezamento?

No país que inventou as contradicións das contradicións (ter un presidente salvaxemente liberal que se chame libertario, por exemplo), as discusións duraron moito, e en realidade aínda duran e se incrementarán coa morte de Bergoglio. Chegaron mesmo aos Tribunais, porque o arcebispo foi chamado a declarar polos bebés nados en cativerio e apropiados polos milicos, cousa que dixo descoñecer e que se probou que non era así.

Voces dun lado, voces do outro e, maiormente, interpretacións do ocorrido no período máis dramático da historia arxentina, na noite dos tempos. O premio Nobel da Paz, respectadísimo defensor dos dereitos humanos (o meu querido profesor de Escultura en Belas Artes), don Adolfo Pérez Esquivel, defendeuno en relación ao de Yorio e Jalics. Fixéronse varias películas, a ferida segue aberta.

Moitxs temos a impresión de que non se fixo máis conservador cos anos, senón todo o contrario. É mesmo posíbel que vise con máis claridade e tentase, nunca o saberemos, producir cambios que de profundos foron a menos, tendo en conta as areas movedizas que pisaba

Bergoglio, o gran contraditorio. O que pretendía reformar a multinacional (que diría a xenial Nieves Concostrina), pero que foi e veu en tantas cousas. Que avanzou co tema da homosexualidade, o da trata de mulleres e nenas para a súa explotación sexual, que retrocedeu tendo a oportunidade de ir a fondo coa pederastia atrozmente estendida na igrexa católica. Que defendeu a educación pública. Que apoiou moi debilmente, pero fíxoo, a causa palestina. Que denunciou a crise climática e dixo que o sistema (o capitalismo) mataba, que chamou aos migrantes refuxiados os «descartados do mundo». Que falou do desarmamento. Xa o avisara: un arxentino, con todas as contradicións que trae aparelladas.

A ninguén se lle escapa o difícil que debe ser moverse entre eses seres doutra galaxia, afastados do mundo e de calquera realidade que lles incomode, con todo, cando alguén ten unha actividade pública estará exposto ao que se diga da súa actuación, en todos os sentidos, só que, no caso dun arxentino sobresaliente máis aló de xuízos, a historia complícase. 

Moitxs temos a impresión de que non se fixo máis conservador cos anos, senón todo o contrario. É mesmo posíbel que vise con máis claridade e tentase, nunca o saberemos, producir cambios que de profundos foron a menos, tendo en conta as areas movedizas que pisaba.

Do que estou certa, eu atea, non peronista pero xamais gorila, non arxentina pero máis arxentina ca ninguén, é de que non vai ser xulgado con xustiza. E iso revólveme, polo que estou tentando desentrañar o que parece sepultado tras moitos anos de inventos e mentiras (falo da multinacional, concretamente).

Para os pobres da Terra a perda da voz de Francisco é importante. Coido que, polo menos, foi alguén que tratou de entender o inentendíbel e mover pequenas dunas en espazos onde hai everest de area

Nunca estivemos, como até o de agora, en carne viva, expostxs á explosión de tantos ovos de dinosauros, loitando nas nosas últimas frontes de batalla contra o despropósito absoluto e o orgullo da ignorancia, a crueldade como valor e o despotismo cipaio como bandeira, e é nese encadre no que quizais nos pese a ausencia da mirada de Francisco que, con todas as súas contradicións foi case única, e mesmo a enumeración das súas propias idas e vindas ideolóxicas. Porque o que virá, dado que por desgraza a multinacional e todo o que conleva gozan de boa saúde, será indubidabelmente máis difícil de dixerir, máis tóxico.

Para os pobres da Terra, cos que Martí quixo «botar a súa sorte», que cren porque é o único que os sostén neste planeta desapiadado, a perda da voz de Francisco é importante. Coido que, polo menos, foi alguén que tratou de entender o inentendíbel e mover pequenas dunas en espazos onde hai everest de area. Para a querida Arxentina representa unha perda maior, mesmo para os non crentes; están agora asistindo á aparición contemporánea de millóns de ovos de serpes e dinosauros. É moi difícil lidar coas propias contradicións cando o planeta vira no sentido contrario ao seu propio eixo. A min, só me preocupa tentar ser algo máis xusta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.