Educación, prevención e liberdade de decisión

Campaña da Asociación Nós Mesmas © Nós Mesmas

O eslogan é claro: educación, prevención e liberdade de decisión. Un clásico do movemento feminista, hoxe reivindicado polas compañeiras chilenas que armadas dos seus panos verdes insisten na necesidade da educación sexual que garanta relacións informadas e libres. Pasa en Chile, e con menos épica pero igual necesidade, aquí, no noso país, onde o Partido Popular se encargou de eliminar do currículo educativo aquela famosa educación para a cidadanía na que se abordaban tamén este tipo de contidos.

O ascenso e normalización da ideoloxía ultra no estado vai da man de propostas tales como o PIN Parental

Porén, para os que insisten en negar as violencias machistas non foi suficiente. O ascenso e normalización da ideoloxía ultra no estado vai da man de propostas tales como o PIN Parental. Un documento que os centros educativos deberían pedir ás familias para que autorizaran, ou non, charlas, talleres e actividades “con carga ideolóxica ou moral contraria ás súas conviccións”. Proposta que trala negociación co Partido Popular en Andalucía quedou aprobada así: “permitindo que os pais poidan excluír aos seus fillos da formación non regrada por actividades complementarias ou extraescolares cando sexan contrarias ás súas conviccións”. É dicir, as familias poderán vetar, se o desexan, a escasa formación en sexualidade ou calquera outro contido da que deron en chamar “ideoloxía de xénero”. Pactos de goberno ao marxe, o mínimo que deberíamos esixirlle aos chamados constitucionalistas do Partido Popular é que coa igualdade non negocie, a igualdade non é nin opcional, nin negociable.

Ao tempo que as agresións sexuais grupais aumentan, que as violencias machistas se dan en xente cada vez máis nova, se multiplican as agresións lgtbi e proliferan as enfermidades de transmisión sexual.

Menos aínda coa lamentable situación da educación afectivo-sexual nas aulas. Quitando a vintena de centros escolares galegos nos que se desenvolven proxectos estables (dos case 1400 que hai en Galicia), no mellor dos casos o alumnado asiste a charlas esporádicas sobre prevención de enfermidades de transmisión sexual e embarazos non desexados. No mellor dos casos, digo, porque non se trata de contidos curriculares senón de relatorios que os centros poden decidir, ou non, impartir. Enténdase ben, a día de hoxe non hai nada máis sistematizado para a educación sexual nos colexios que para, digamos, charlas que se poden impartir nos centros sobre a promoción da minaría. É a lóxica do libremercado, os colexios reciben unha oferta de coloquios e collen os que desexen.

É isto ao tempo que as agresións sexuais grupais, as tristemente famosas manadas, aumentan, que as violencias machistas se dan en xente cada vez máis nova, se multiplican as agresións lgtbi e proliferan as enfermidades de transmisión sexual.

Neste senso defender a incorporación da educación afectivo-sexual nas escolas supón tratar de garantila como un dereito que non dependa nin da vontade dos equipos directivos escolares, nin da orientación ideolóxica dos gobernos, nin do carácter público ou privado dos centros. Unha formación sexual e emocional que dote ás rapazas e rapaces das ferramentas necesarias para labrar relacións informadas, libres, saudables e equitativas. 

A nosa proposta é dunha educación afectivo-sexual feminista, diversa e integral

Unha formación que axude a rachar cos estereotipos de xénero en virtude dos que as mulleres aprendemos dende cativas que o noso papel é o de agradar, e que o noso desexo estará sempre supeditado ao do varón que nos acompañe. Unha formación que entre nas aulas antes do que o faga o porno, para que os nenos aprendan tamén a empatía, a escoita, que só si e si e detecten os comportamentos propios da masculinidade dominante imposta. Un ensino que supere o heteronormativismo, respecte a diversidade, que diga que normalidade é unha invención e que non hai nada máis democrático que o respecto á todas as diferencias. Que poden ser quen queiran ser, e que poden e deber amar e desexar libremente.

Así o recollemos onte no parlamento de Galicia onde conseguimos o apoio de todos os grupos. Un bo punto de partida para o ensino en igualdade galego e unha liña que debe guiar a futura lei de ensino no estado

A nosa proposta é dunha educación afectivo-sexual feminista, diversa e integral. Un piar fundamentar da educación en igualdade que debe estenderse dende os primeiros anos de vida ata a etapa universitaria. Traballar para unha sociedade igualitaria implica que as nenas e nenos aprendan sobre identidade e diversidade sexual, sobre consentimento e desexo, sobre anticonceptivos, sobre saúde, sobre relacións afectivo sexuais libres, igualitarias e afastadas das violencias machistas.

Os beneficios son múltiples. De acordo cos datos da OMS, nos países cunha educación sexual regrada, a iniciación sexual é máis tardía, hai menos embarazos non desexados e menos enfermidades de transmisión sexual. É dicir, mellora as súas vidas e por ende, mellora toda a sociedade.

O movemento feminista lévao dicindo décadas, educación sexual para decidir. Así o piden tamén as profesionais do ensino, profesionais da saúde, e cada ano, o movemento estudantil. Así o recollemos onte no parlamento de Galicia onde, finalmente, conseguimos o apoio de todos os grupos. Un bo punto de partida para o ensino en igualdade galego e unha liña que sen dúbidas debe guiar a futura lei de ensino no estado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.