Eleccións galegas 2020: recuperar a ilusión e a confianza

© Parlamento de Galicia

1. O escenario.

O pasado 13 de decembro, a Fundación Praza Pública organizou un debate entre catro xornalistas, arredor das visións e perspectivas das esquerdas galegas de cara ás eleccións autonómicas do 2020. 

Debate Galicia 2020: as esquerdas galegas ante o horizonte electoral, o 13 de decembro de 2019 CC-BY-NC-SA Praza Pública

Desde a Fundación, pensábamos que este debate non só era posible, senón inaprazable.

Tras dez anos de forte involución económica, social e cultural, Galiza segue a ser gobernada coa maioría absoluta polo Partido Popular: mesmo nun contexto desfavorable para o país como o da recesión económica, a Feliz Gobernación de Alberto Núñez Feijoo foi quen de manter os seus apoios electorais. Non só, obviamente, polo férreo control dos medios públicos e privados, senón tamén porque o seu relato de austeridade neoliberal, combinada coa apoteose do pintoresquismo turístico-rexionalista, constitúe a oferta máis atractiva para a maioría social galega; unha oferta conservadora que convence máis que a da oposición política. 

Durante estes dez anos, os tradicionais partidos da oposición atravesaron unha crise de identidade política e de liderado. Esta crise resolveuse con nulas mudanzas, quer no plano ideolóxico, quer no plano organizativo: tanto no PSdG como no BNG procedeuse a actualizar os continxentes directivos dentro das elites políticas dominantes nunha e noutra organización, nunha liña de claro continuismo conservador. A sociedade galega pode cambiar, mais o núcleo da oferta destas organizacións políticas permanece estable.

O máis novidoso destes dez anos foi a articulación dun novo espazo, o das confluencias dos continxentes que saen do BNG para amalgamarse con forzas estatais, quer tradicionais (Izquierda Unida), quer innovadoras (o caso de Podemos a partir de 2014), baixo os nomes de AGE (na lexislatura 2012-2016) e En Marea (na lexislatura 2016-2020). Mesmo con clamorosos erros na xestión dos procesos, das persoas e dos tempos, o alto rendimento electoral acadado por este espazo nestas dúas lexislaturas expresou un claro apoio da cidadanía galega á renovación da representación política tradicional. 

Porén, os rendimentos organizativos e políticos destas forzas foron notadamente escasos. A articulación coherente da súa organización e do seu programa político foi continuamente abortada polos intereses políticos máis inmediatos duns grupos dominantes –os famosos motores auxiliares– máis preocupados por manter a ampliar o seu poder que por arraizar as súas propostas no complexo tecido sociopolítico galego. A clásica competición por seren recoñecidos como a vanguarda verdadeira da esquerda levou a estes grupos a unha loita sen cuartel, que deixa poucas esperanzas de recomposición a curto prazo. 

A evolución durante o primeiro cuadrimestre do 2020 tanto da acción do goberno estatal como do seu afrontamento da crise constitucional catalá será decisivo para consolidar a sustentabilidade dun bloque alternativo eficaz. Ese escenario será tamén decisivo para que as esquerdas galegas avancen e consoliden unha oferta electoral crible e sustentable

Esta loita deixa unha incógnita sobre o futuro inmediato deste espazo. O retroceso das mareas municipalistas nas eleccións locais de maio do 2019 permite conxecturar unha perda de apoio electoral a este espazo, que probablemente se traduza quer nun retorno aos partidos tradicionais, quer nun voto de abstención. Porén, o feito de que Unidas Podemos se teña integrado no goberno estatal liderado polo PSOE abre un novo vector de evolución dos impactos da política estatal no ámbito galego.

Por último, un factor trascendental: o avance imparable dunha “Internacional” populista de dereitas, neofascista e agresiva, traducido no Reino de España nunha diversificación organizativa do bloque da dereita en tres partidos (PP, Ciudadanos, VOX) que compiten entre sí por capitalizar a tradicional ideoloxía nacionalista e autoritaria española, ao tempo que comparten unha común estratexia de instrumentalización de todas as ferramentas ao seu alcance, desde os medios de comunicación, a Igrexa católica e os aparellos do Estado, para acrescentar a crispación social contra as esquerdas.

Perante esta situación, moi sumariamente descrita, a evolución durante o primeiro cuadrimestre do 2020 tanto da acción do goberno estatal como do seu afrontamento da crise constitucional catalá será decisivo para consolidar a sustentabilidade dun bloque alternativo eficaz (que será necesariamente plural, tanto no eixo territorial como no eixo esquerda-dereita) fronte ás dereitas populistas a nível estatal.

Ese escenario será tamén decisivo para que as esquerdas galegas avancen e consoliden unha oferta electoral crible e sustentable de cara ás autonómicas deste ano, fronte ao dominio desa maquinaria tan potente que é o PP de Galicia.

2. O desafío galego: xerarmos ilusión e confianza.

No entanto, sería un erro pensar que a vitoria electoral das forzas da esquerda galega nas eleccions autónomicas do ano 20 só depende da evolución do contexto estatal.

Se ben é certo que boa parte da súa posible vitoria xógase na súa capacidade de xerar unha alta mobilización dos seus votantes potenciais, para o cal a polarización estatal resultará ingrediente imprescindible, por outra banda as esquerdas galegas necesitan facer traballo político explícito de seu para asentar esa mobilización electoral en dous intanxibles subxectivos, simbólicos, que resultan esenciais: a ilusión e a confianza das votantes

Sería un erro pensar que a vitoria electoral das forzas da esquerda galega nas eleccions autónomicas do ano 20 só depende da evolución do contexto estatal

Trátase de dous sentimentos políticos distintos, ainda que obviamente entrelazados: só haberá ilusión se as esquerdas galegas non nos fan votar aos cidadáns e cidadás galegas, coma case sempre, con todos os orificios corporais tapados; e só haberá esa ilusión se crean as condicións para que confiemos na súa capacidade para gobernar conxuntamente o país desde as institucións autonómicas. Por dicelo nas verbas da undécima tese de Boaventura de Sousa Santos para as “articulacións limitadas entre forzas políticas de esquerda” (Esquerdas do mundo, uni-vos, 2018, pp. 44 ss.), “no contexto actual de asfixiante adoutrinamento neoliberal, a construción e implementación de alternativas, por máis limitadas que elas foren, teñen, cando se realizan con éxito, ademáis de impacto concreto e beneficioso na vida dos cidadáns, un efecto simbólico decisivo que consiste en desfacer o mito de que os partidos de esquerda só serven para protestar e non saben negociar, e moito menos asumiren as complexas responsabilidades de gobernar. As forzas conservadoras alimentaron ese mito ao longo de décadas (...)

© Boitempo

Só se as esquerdas galegas logran transmitir a idea de partillaren unhas ideas comúns claras sobre as necesidades da sociedade galega para os vindeiros catro anos, tras once anos de maioría absolutista do Partido Popular, serán capaces de xerar esa ilusión e confianza gañadoras. 

Só se as esquerdas galegas logran transmitir a idea de partillaren unhas ideas comúns claras sobre as necesidades da sociedade galega para os vindeiros catro anos serán capaces de xerar esa ilusión e confianza gañadoras

Esas ideas comúns debe ser sinxelas, claras e transversais: doadas de partillar pola maioría social do País, e suficientemente flexibles para que nela caiban articulacións ou enfoques plurais desde sensibilidades igualmente lexítimas. Sobexa cunhas pinceladas: mantermos a dignidade nacional galega nos grandes procesos políticos estatais (negociación do novo sistema de financiamento autonómico, negociación dunha reforma constitucional), defender o noso sistema produtivo e a súa adaptación á transición ecolóxica, redistribuir a riqueza tanto a nível social como territorial nun sentido máis igualitario, compromiso de facer avanzar a igualdade de xénero, garantir un futuro á nosa identidade cultural...

Dúas son as ferramentas para a construción destas ideas: un programa electoral de mínimos sobre o que se pacte unha coalición electoral

No actual momento, a importancia desta formulación non reside tanto en concretar a axenda política común que se vai someter á confianza do electorado, como no seu contributo a acadar dous obxectivos: 

  • Aumentar a eficacia do voto nun sistema que premia ás forzas maioritarias.
  • Actuar coa máxima transparencia e o máximo realismo verbo dun electorado de esquerdas que acumula dez anos de frustracións de todo tipo, e cuxas demandas serán moi difíciles de satisfacer no curto prazo, á vista das estreitas marxes de manobra orzamentaria que ten o sector público no noso país.

3. Os atrancos

Os gaños políticos desta proposta compensaría con creces as dificultades de negociación das listas e das liñas programáticas comúns a PSdG, BNG, Unidas Podemos e En Marea. 

Porén, son consciente de que, dada a nosa cultura política, esta proposta só podería ser posible se as esquerdas galegas trascendesen catro andazos ideolóxicos ben importantes:

a) O determinismo histórico

Ese determinismo do “agora tócanos a nós”, que tantas veces un escoita nas análises quer do PSOE (no que está presente o determinismo linear derivado da súa posición privilexiada no esquema bipartidista do Réxime de 1978), quer do BNG, onde o determinismo circular, que acredita que o seu éxito electoral depende de ciclos máis amplos de acumulación de forzas, tense expresado recentemente coa consigna “as mareas soben, pero tamén baixan”.

Equivocaríanse ambas organizacións se pensan que, simplesmente con facer o de sempre, a vitoria virá servida en bandexa de prata.

b) O chovinismo político-organizativo.

Este segundo andazo é moi característico das nosas esquerdas, e tanto máis acusado no caso das forzas herdeiras da tradición do marxismo-leninismo de vanguarda, que ocupan o núcleo duro tanto do BNG como de Anova, Izquierda Unida ou Podemos. 

Todas partillan historicamente a explotacion do mantra da unidade popular (de esquerda), mais entendida como unidade artellada, controlada e dirixida por unha elite vanguardista que pretende disfrutar en exclusiva dos códigos de acceso aos mandos da Terra Prometida, sen cesións que podan supor impurezas de contido ou transaccións reformistas do mundo real. 

O proceso de construción-deconstrución de En Marea, o segundo experimentado apenas en dez anos despois da experiencia de AGE, expresa con clareza os límites desta cultura política. Mais tamén a propia rutura do BNG en 2012 non é senón expresión dese tenso triángulo de amor bizarro que se traba entre a unidade, a pluralidade e vanguarda.

Nun contexto como o descrito arriba, se o que queren é servir ao País e non servirse del, as esquerdas galegas farían ben en deixar de discutir tanto polos postos e demáis perralladas conexas (soldos, liberados, etc.), e centrarse con humildade na mellora das súas formas de conectar, entender e facer política ao servizo da Galiza actual.

c) A lóxica da competitividade electoral a curto prazo

Fronte ás pesadas inercias da acción política mediada pola democracia de mercado, onde o decisivo é manter ou acrescentar incesantemente o apoio electoral da “marca”, é imprescindible potenciar, por unha banda, as lóxicas cooperativas, as accións colectivas non egoístas de apoio mutuo que conectan co mellor e máis vizoso da nosa sociedade (incluído o legado democratizador do 15-M). Por outra, unha visión da política que saiba trascender a escravitude dos prazos cada vez máis reducidos de competición electoral.

d) A procrastinación dos tempos políticos

O cuarto rasgo común é, enfin, ese costume tan arraizado de deixarse arrastrar pola rotina do día a día para que a inercia dos acontecementos tome as non-decisións por nós. Dito abertamente: “currarse un Rajoy”. Non facer política. Non arriscar. Non liderar a sociedade. Deixar que o electorado decida; e cando perdamos, xa nos queixaremos despois de que La Voz mente.

Se algo necesitamos é actuar xa. Facer política. Que as organizacións políticas comecen roldas públicas de contactos, postas en común de visións e expectativas. Non deixar os deberes para máis adiante: o tempo político que nos agarda neste 2020 vai correr moi axiña.

As formas de articulación das conversas son múltiples, mais calquera delas, para ser eficaz, debería propiciar a superación dos atrancos descritos e a busca de mínimos comúns denominadores, mesmo de forma sucesiva: polo feito de partillar goberno, PSdG e Unidos Podemos deberían estar xa falando das eleccións galegas 2020 e partillando unha estratexia común, como corresponde a dous socios de goberno estatal. Pola súa parte, o BNG faría ben en comezar contactos directos con Compromiso ou En Marea. Ningún espazo é máis propicio que este para iniciar a exploración dun programa e unha candidatura electoral conxunta, se se fai con intelixencia e xenerosidade de País.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.