Galicia, 2020: unha ollada ás esquerdas galegas ás portas da carreira electoral

Galicia, 2020: as esquerdas galegas ante o novo horizonte electoral CC-BY-NC-SA Praza Pública

Suceda o que suceda co proceso de investidura do vindeiro Goberno de España, en Galicia non finalizou o ciclo de elección. Ben ao contrario, a política galega está ás portas dunha nova carreira electoral, que se celebrará no momento de 2020 que o actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, considere máis oportuno, segundo a atribución que a lei lle confire.

Abordamos o escenario político galego cara a 2020 da man de catro analistas este venres, día 13, dende as 19:00 na compostelá Casa do Taberneiro

O que aconteza finalmente no Estado será un dos múltiples factores que inflúa nesta carreira electoral, aínda con diversas incógnitas por despexar, algunhas delas no ámbito da esquerda. Para abordalas, a Fundación Praza Pública e o xornal Praza.gal xunta catro analistas este día 13 de decembro ás 19:00 na compostelá Casa do Taberneiro (Rúa de San Pedro, 15) nunha conversa aberta con entrada libre. Da súa man debullaremos o escenario político galego cara a 2020 no ámbito da esquerda e todo o que a arrodea. Falámolo con:

  • Anxo Lugilde| xornalista e cronista político
  • Marta Rodríguez | xornalista e xefa de informativos de Onda Cero Galicia
  • Mario Pais | politólogo e xornalista
  • Llerena Perozo | feminista, directora de Auga Editora
Detalle do posto da Fundación Praza Pública no Culturgal 2019 CC-BY-NC-SA Praza Pública

A Fundación Praza Pública é a editora do xornal Praza.gal, que o vindeiro 1 de febreiro de 2020 fará oito anos. As socias e socios de Praza.gal son clave no sostemento da redacción e, como resalta un recente editorial do xornal, "canto menos dependamos da máquina publicitaria alimentada da última hora permanente e máis, das achegas das socias e socios, máis posibilidades haberá de podermos ter máis persoas dedicadas a tempo completo a contar o que sucede sen présa, para contalo ben e sen cancelas".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.