Sánchez chamará a partidos e autonomías mentres pecha os apoios á coalición do PSOE e Unidas Podemos

Pedro Sánchez, recibido polo rei na rolda de consultas para a investidura, este 11 de decembro © Casa Real

Pedro Sánchez volve ser candidato á presidencia do Goberno de España, cargo que exerce en funcións dende o pasado 28 de abril. O remate da rolda de consultas do rei dos partidos políticos con representación no Congreso rematou como se agardaba, coa encomenda ao líder do PSOE, que tras aceptar o encargo anunciou un movemento que lle permitirá gañar tempo mentres os propios socialistas tentan pechar os apoios ao Executivo de coalición con Unidas Podemos: unha xeira de contactos con autonomías e o resto de partidos políticos, entre outras institucións.

Tras ser designado candidato, o líder do PSOE asegura que esta xeira de contactos con outros partidos buscan unha "maioría parlamentaria máis ampla para lograr goberno canto antes"

Como informa Irene Castro, Sánchez expuxo os seus plans nunha comparecencia no Palacio de La Moncloa tras confirmar a presidenta do Congreso, Meritxell Batet, a encomenda do Xefe do Estado. Nun formato outra volta limitado para formular preguntas -o que suscitou as protestas dos xornalistas-, o presidente español en funcións detallou que o plan pasa por chamar a todas as forzas políticas comezando por encontros con Pablo Casado (PP) e Inés Arrimadas (Ciudadanos). 

Á voceira parlamentaria do PSOE, Adriana Lastra, corresponderalle contactar co resto de grupos. Con todos, incluídos Vox e Bildu, aos que deixaran fóra de anteriores conversas. Trátase, segundo Sánchez, de avaliar a existencia dunha "maioría parlamentaria máis ampla" para "lograr goberno canto antes". "Todos debemos poñer da nosa parte para que a lexislatura bote a andar", di Sánchez.

Sánchez, na comparecencia na Moncloa posterior a ser designado candidato, na que houbo protestas dos xornalistas polas limitacións ás preguntas © Borja Puig de la Bellacasa / Goberno de España

Feijóo e Abel Caballero, incluídos nos contactos

Segundo o plan exposto polo xa candidato, tras os contactos coas formacións políticas desenvolverá unha rolda inédita en procesos de investidura do Goberno de España: chamará aos 17 presidentes e presidentas das comunidades autónomas e mais ao titular da Federación Española de Municipios e Provincias. Daquela, consultará tamén con Alberto Núñez Feijóo e con Abel Caballero no marco da aposta por "compartir o desexo que é o da maioría da cidadanía de poder contar cun Goberno que poña sobre a mesa moitos dos problemas" existentes, os cales, xustifica, "esixen da cooperación de autonomías e municipios".

Esta rolda leva implícita a recuperación do diálogo institucional co presidente da Generalitat catalá

Esta rolda leva implícita o cumprimento da que, segundo transcendeu nos últimos días, veu sendo unha das peticións de Esquerra Republicana de Catalunya para, cando menos, absterse na investidura: que Sánchez recuperase o diálogo institucional co Goberno catalán a través do seu actual presidente, Joaquim Torra, ademais de coa propia ERC. Isto supón unha mudanza de actitude con relación á campaña electoral do 10N e as súas semanas previas, nas que o propio Sánchez se gabou de non coller o teléfono a Torra por, afirmaba, considerar que Torra non condenara abertamente os disturbios que aconteceron en diversas localidades catalás tras a sentenza do procés.

Mentres segue a incógnita sobre as datas do debate de investidura -o PSOE desexaba celebrala antes de fin de ano e, dende Unidas Podemos, Pablo Iglesias expresara a mesma vontade-, Sánchez volve defender a coalición porque a orientación "progresista" do Executivo estará "reforzada con ese acordo". O gabinete, de constituírse, será "dialogante coas forzas parlamentarias que se poidan sentir interpeladas co espírito que represente ese Goberno de coalición", asegura

Pablo Iglesias, co rei na rolda de consultas, este 11 de decembro © Casa Real

O BNG segue a negociar e intégrase no 'Grupo Parlamentario Múltiple'

Os contactos do PSOE á procura de apoios para a investidura de Pedro Sánchez inclúen ao BNG, que este mércores se volvía reunir cos socialistas no Congreso. O deputado do Bloque, Néstor Rego, acudiu con Rubén Cela e Goretti Sanmartín a un encontro no que o Grupo Socialista estivo representado por Lastra e mais por Rafael Simancas. 

Segundo a formación soberanista, sobre a "mesa de negociación" están asuntos "urxente para o noso país", como "a transferencia da AP-9 e a baixada das peaxes" ou a aprobación do prometido estatuto das industrias electrointensivas que alivie a situación de factorías como a de Alcoa en San Cibrao "Transferencias pendentes, problemática das emigrantes retornadas ou a creación de máis xulgados de violencia de xénero", resumen, foron outras das "moitas propostas" que continúan a avaliar co PSOE, "á espera dunha nova xuntanza para acadar un acordo favorábel para a sociedade galega", din.

O Bloque volveuse reunir co PSOE no Congreso no marco das negociacións para a investidura. O traspaso da AP-9 ou o estatuto para as industrias electrointensivas estiveron entre os asuntos destacados da xuntanza, din

Este mércores remataba tamén o prazo para a constitución dos grupos parlamentarios no Congreso e o propio Bloque pechou negociacións con outras formacións que non acadaron grupo propio co obxectivo de non ficaren todas no Grupo Mixto. Con ata 21 escanos, ficaren todas nel implicaría fortes limitacións non só de recursos económicos dispoñibles, senón tamén os cupos de iniciativas ou tempos de intervención.

No seu caso, o Bloque solicita constituír grupo parlamentario no Congreso con Junts per Catalunya, Más País-Equo e Compromís baixo o nome Grupo Parlamentario Múltiple. A formación subliña que o fan por "criterios operativos e non ideolóxicos" e "funcionará de facto como un grupo mixto". Se a Mesa do Congreso acepta, estas formacións gañarán visibilidade, tempos de intervención e recursos no Congreso. A primeira voceira sería Laura Borràs (Junts) e o vicevoceiro, Íñigo Errejón, se ben prevén que estes postos sexan "rotatorios".

Goretti Sanmartín, Rubén Cela e Néstor Rego (BNG), con Adriana Lastra e Rafael Simancas (PSOE), este 11 de decembro no Congreso CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.