Ante o chamamento doutras forzas soberanistas a coordinaren o sentido do voto na investidura, Rego advirte de que a decisión dependerá "exclusivamente dos intereses do noso país"
Case catro anos despois de perder a representación, o BNG xa volve ter unha acta no Congreso dos Deputados. O deputado electo do Bloque, Néstor Rego, completou este martes en Madrid os trámites para acreditarse como tal entregando as súas credenciais na sede da Cámara Baixa. Acompañado por outros membros do BNG e mais por representantes de "colectivos sociais en loita" aos que a formación apoiou nestes anos, Rego reiterou que a súa postura cara á investidura de Pedro Sánchez aínda non está definida e que dependerá, en última instancia "só dos intereses de Galiza".
Tras a súa primeira xuntanza coa voceira parlamentaria do PSOE, Adriana Lastra, pero tamén tras os chamamentos de forzas independentistas catalás a unha coordinación do sentido do voto das formacións soberanistas coa vista posta na investidura, Rego afirma que eses "intereses" galegos serán os que primen en ambas vertentes. "Nós xa advertimos de que o que nos trae aquí son os intereses de Galiza e a nosa actuación vai estar exclusivamente en función deses intereses", reiterou a preguntas da prensa.
Neste sentido, a respecto do resto das formacións soberanistas, coas que tamén manterá contacto nestas semanas -este martes tiña previsto un encontro con Laura Borràs, de JuntsxCat-, Rego matiza que a "coordinación" será "positiva" en "aspectos nos que teñamos cuestións en común". Isto sucederá "especialmente" en iniciativas vinculadas "aos dereitos colectivos das nacións, da defensa da democracia e do dereito de autodeterminación". Pero "a partir de aí, as decisións do BNG serán en función dos intereses do noso país", reitera.
Alén das "cuestións en común" con outras forzas soberanistas, subliña o deputado electo, o voto na investidura estará vinculado a cuestións como "a necesidade de frear a crise industrial" galega ou o traspaso da AP-9
Deste xeito, e como xa avanzara durante a campaña, nestas primeiras tomas de contacto cara á investidura o deputado electo do BNG salienta que está a "colocar sobre a mesa do debate" asuntos como "a necesidade de actuacións para frear a crise industrial no noso país", caso do estatuto das industrias electrointensivas ou de plans para paliar o previsible peche da central térmica das pontes. Vinculado con isto, agrega, cómpre "dar unha solución global a problemas como a carestía do recibo da luz" ou culminar o traspaso das competencias da AP-9 iniciado na pasada lexislatura.
Ao tempo, agrega, entre os elementos que o Bloque valorará para decidir o sentido do seu voto será avaliar a vontade do eventual goberno de socialistas e Unidas Podemos para "reverter algunhas das políticas do PP" que o gabinete de Pedro Sánchez "aínda non modificou". Entre elas, destaca "a reforma laboral, a lei mordaza ou a LOMCE".