Ao final, as liñas de Feijóo non eran tan vermellas. Debéronlle destinguir na mesma curva, entre San Caetano e a capital do reino, na que extraviou a política industrial. Ante Ábalos, nos corredores do Ministerio de Valencia y Costa, noutrora Fomento, o presidente da Xunta esqueceu esixir onte a condonación da débeda portuaria da Coruña. Abrochou prazos e números para a saída sur de Vigo, aínda que logo quede no enésimo estudo. Fíxose un oco na ruleta das peaxes da AP9, na que sempre gaña Audasa. Pero da hipoteca na que nos meteu en 2004 con Paco Vázquez e Álvarez Cascos nada dixo o dos Peares. Ben ao contrario, apenas puxo unha condición para entregar a cabeza dos peiraos herculinos nunha bandexa: que até despois da Semana Santa non se revele a letra pequena do negocio. Non será el quen explique cando e como está previsto levar o tren a Punta Langosteira. Nin por que será a cidade a que pague en última instancia a factura. Para esa misión, e ao ministro pareceulle unha idea bárbara, hai unha candidata alternativa. Saben que Inés Rey perde o norte por unha foto. Vanlle dar sete tazas.
O ministro non se comprometeu a licitar de inmediato a conexión ferroviaria do Porto Exterior, senón a "encarar" a súa necesidade. Son cousas distintas
Ao presidente resultoulle ben a xogada. Púxose estupendo coa débeda uns días, meteu a infantería editorial de Sabón no enredo e conseguiu a cambio ese galano infrecuente que é un sorriso de Ábalos. Xa é bastante máis do que apañou a alcaldesa co seu cumio do 23 de febreiro. Talvez sen sabelo, que máis dá, Inés Rey ofreceu María Pita como escenario para esa humillación orixinal que todo heroe precisa. O que aconteceu no pazo hai dúas semanas resultou ser o prólogo indispensable neste relato para que o xesto de distensión de Madrid cobrase algún significado. Logo daquel fracaso, para entendernos, o de Feijóo e Ábalos parece algo. O que falta é saber exactamente que, e o máis doado é comezar a indagación polo reverso: preguntarnos que foi o que non se dixo.
Feijóo cambia tren por peiraos e Ábalos compra. Esa é a conclusión e o resto mala literatura. A débeda portuaria da Coruña non será condonada
O ministro non se comprometeu a licitar de inmediato a conexión ferroviaria do Porto Exterior, senón a "encarar" a súa necesidade. Son cousas distintas, e fan ben algúns xornalistas en amolecer a euforia dos primeiros titulares de onte ao mediodía. Tampouco puxo un peso por adiantado o señor Ábalos, tan xeneroso cando se trata do Levante. De feito, como só Praza Pública parece ter advertido, driblou habilmente esa fochanca na comparecencia. Pode ser que a obra se financie con fondos europeos, veu dicir, ou pode que se faga con cargo a recursos propios da administración, que pola súa vez pode ser esta, aquela ou todas xuntas, que é a tal hora o máis probable. Como? Metendo ese tren que o Estado nos debe dende hai unha década no paquete completo do que xa se coñece periodisticamente como "problema portuario da Coruña". Sonoro predicado, por certo, que tamén debeu perder o suxeito na curva maldita na que Feijóo sempre deixa algo ao pasar.
Hai que vender terreos gañados ao mar na Coruña para contribuír a "desempantanar" o que está empantanado. Non hai desempantanador mellor. Eses son os "compromisos" aos que aludían onte os protagonistas coa boca pequena. Os que A Coruña "debe cumprir". Os que están escritos nos convenios de 2004, agora debidamente axustados ao limiar de tolerancia dunha sociedade estafada pola burbulla inmobiliaria. Un pouco menos de edificabilidade por aquí, un equipamento singular por alá. Coma se o 40% de vivenda protexida fose unha concesión e non un pírrico imperativo legal que xa está escrito no contrato de compravenda dos peiraos. Ese é o "urbanismo responsable" do presidente. O que se compadece, sacrificando un patrimonio común, o noso litoral, coa débeda de 200 millóns de euros contraída pola Autoridade Portuaria para construír Punta Langosteira.
Había un alcalde insubmiso. Pero cando a Inés Rey lle toque decidir o seu papel na historia, porque lle vai tocar, escollerá vender. Sexamos realistas. Digamos que isto é un atraco
Feijóo cambia tren por peiraos e Ábalos compra. Esa é a conclusión e o resto mala literatura. A débeda portuaria da Coruña non será condonada. Ofertaranse cómodos prazos a cambio de poñer solo e dereitos urbanísticos no mercado. As novas condicións da hipoteca pareceranse bastante ás que o propio presidente da Xunta propoñía no famoso protocolo de 2018. Aquel papeliño asinárano, de costas ao Concello da Coruña, todas as administracións que gobernaba entón o Partido Popular. Había un alcalde insubmiso. Pero cando a Inés Rey lle toque decidir o seu papel na historia, porque lle vai tocar, escollerá vender. Escollerá desempantanar, desbloquear, acordar, asinar. Esas serán ao día seguinte as palabras clave nas crónicas. A alcaldesa escollerá realismo e nós deberiamos facer o mesmo canto antes. Sexamos realistas. Digamos que isto é un atraco.