Queren acabar coa lingua, a cultura e a historia de Galicia. Non é unha impresión, é unha realidade. Aos feitos me remito. As accións levadas contra as dúas primeiras son evidentes, cotiás, sistemáticas. Abonda ver o que acontece acotío e dende hai décadas nas escolas e institutos ou nos medios de comunicación do país
Queren acabar coa lingua, a cultura e a historia de Galicia. Non é unha impresión, é unha realidade. Aos feitos me remito. As accións levadas contra as dúas primeiras son evidentes, cotiás, sistemáticas. Abonda ver o que acontece acotío e dende hai décadas nas escolas e institutos ou nos medios de comunicación do país, RTVG incluída. Á historia de Galicia non poden matala, aínda que si agochala ou supeditala no ensino, na ESO e o Bacharelato, a esas “historias de España” que a presentan de xeito “natural” como algo ínfimo, secundario, dependente e, xa que logo, prescindíbel.
A Consellería de Educación da Xunta de Galicia tratou de dar un paso máis nesta dirección. Porque é obvio que hai unha folla de ruta no agocho da historia do país aos mozos e mozas galegas. En 2015, coa escusa da LOMCE, a consellería dividiu en dúas materias de dúas horas –“Xeografía e Historia de Galicia”, e “Patrimonio artístico e cultural de Galicia”– a vella optativa de libre configuración autonómica, a “Xeografía e Historia de Galicia”, que tiña catro sesións semanais e unha considerable aceptación nos institutos. O éxito dunha medida que procuraba o esquezo e o alleamento das mozas e mozos galegos da súa historia foi abafante. Nuns centros de ensino secundario con cadros docentes minguantes e unha ratio de alumnado/profesor crecente, durante o curso 2018-2019 apenas si un 2% do total dos estudantes do Bacharelato de Galicia se matricularon nalgunha destas dúas novas materias. A consellería conseguira seu obxectivo nun tempo record.
Os docentes de ensino secundario veñen de denunciar o feito. Lanzaron un manifesto rexeitando este proceder e pedindo apoios. A consellería recuou e dixo que todo era un erro, xa veremos
Agora trátase de rematar a faena. Así o indica o feito de querer suprimir a recente “Xeografía e Historia de Galicia” e de cambiar a súa partner por unha nova materia chamada “Patrimonio e Sociedade de Galicia” de dúas horas semanais. O obxectivo parece evidente, fechar o proceso iniciado en 2015, agochar a historia do país aos e ás estudantes galegas, somerxelas nunha “historia de España” presentista, ideolóxica e teleolóxica, que remata na “unidade nacional” e na que a historia de Galicia e algo meramente anecdótico.
Algún día haberá que explicar porque a historia de Galicia non se ensina nela até chegar ao terceiro ano do Grao de Historia ou porque as tres materias referidas a ela nese Grao son apenas o 7% do total das existentes no seu plan de estudos
Os docentes de ensino secundario veñen de denunciar o feito. Lanzaron un manifesto rexeitando este proceder e pedindo apoios. En só dous días colleitaron 2.000 sinaturas, moitas delas de profesorado de medias e de universidade. A consellería recuou e dixo que todo era un erro, xa veremos. O pasado 28 de abril, o Departamento de Historia da Facultade de Xeografía e Historia da USC acordou por unanimidade facer propias súas demandas e, asemade, esixir á Consellería de Educación a creación dunha materia de 4 horas semanais de “Xeografía, Historia e Arte de Galicia” para o alumnado da ESO e do Bacharelato.
Nese escrito de apoio considérase intolerábel que as achegas da investigación feita dende a universidade e os institutos do país sobre a Historia, a Historia da Arte e a Xeografía de Galicia, cuxa calidade está validada a nivel estatal e internacional, non cheguen aos seus naturais destinatarios, os/as alumnos/as galegos/as de medias. Nada se di en cambio de como o espírito da consellería impregna dende hai anos á Facultade de Xeografía e Historia. Algún día haberá que explicar porque a historia de Galicia non se ensina nela até chegar ao terceiro ano do Grao de Historia ou porque as tres materias referidas a ela nese Grao son apenas o 7% do total das existentes no seu plan de estudos.
__________________
NOTA DA REDACCIÓN DE PRAZA.GAL
Tras as protestas de docentes e informacións ao respecto, Educación asegurou que a nova materia será unha soa, contará con 4 horas semanais e incluirá na súa denominación a Xeografía e Historia de Galicia. A mudanza foi posterior á edición deste artigo.