O pasado venres, a Consellería de Educación facía publicos os currículos escolares definitivos que, tras a aplicación da nova lei educativa, rexerán en Galicia desde o vindeiro curso. En Bacharelato, -a etapa educativa máis afectada polos cambios impulsados pola Lomloe- Historia da Filosofía será obrigatoria para todo o alumnado en 1º pero tamén en 2º, ao tempo que todas as comunidades -tamén a galega- optaron por mantela como optativa na ESO. Deste xeito, e malia a polémica, as materias desta área pasarán a ser tres en lugar da única que se imparte coa actual lexislación aprobada polo PP e con moita máis carga lectiva.
Ademais, e atendendo á fixación do 50% do currículo que lle corresponde á administración autonómica, a Consellería de Educación inclúe como novidade en 2º de Bacharelato unha materia optativa autonómica, Patrimonio e Sociedade de Galicia, con catro sesións á semana. Unha decisión que ergueu a polémica entre numerosos docentes e levou mesmo a abrir unha recollida de sinaturas ao consideraren que vén substituír a de Xeografía e Historia de Galicia, marxinando así os estudos sobre o país e a disciplina académica que debulla a súa historia.
Docentes e catedráticos de Xeografía e Historia denuncian que se suprima a materia de Xeografía e Historia de Galicia no Bacharelato
Ata 2015, Xeografía e Historia de Galicia ofrecíase como materia de libre configuración autonómica e impartíase na maioría dos institutos de Galicia en 2º de Bacharelato con catro aulas semanais. A partir dese ano, a Consellería de Educación decidiu desdobrar a materia en dúas con cadansúas dúas horas semanais -Patrimonio e Arte de Galicia e Xeografía e Historia de Galicia-, unha decisión que "acabou por reducir moito xa a súa demanda", tal e como explica Raúl Soutelo, profesor no IES Campo de San Alberto de Noia e un dos impulsores da protesta pola "supresión" da devandita materia.
"A supresión da materia é a estocada definitiva e prexudica gravemente as posibilidades de aprendizaxe sobre a identidade territorial e histórica de Galicia"
"A escasa carga horaria dificultou moito o encaixe de materias escollidas polo alumnado nos horarios e axudou a reducir a optatividade para facilitar a organización nos centros; a posterior suba do mínimo de matriculados esixibles para impartir unha materia ata os dez alumnos acabou por prexudicar aínda máis esta área de estudo", explica en conversa con Praza.gal. Agora, di, a "supresión da materia é a estocada definitiva" e "prexudica gravemente as posibilidades de aprendizaxe do alumnado sobre a identidade territorial e histórica de Galicia". "Aínda que argumenten que refundan os contidos na materia de Patrimonio e Sociedade de Galicia", advirte Soutelo.
Desde a Consellería de Educación arguméntase que a inclusión como optativa autonómica para todos os centros desta nova materia faise "para reforzar o currículo" no eido que atinxe a Xeografía e Historia de Galicia e, ademais, "cunha aposta potente, con catro sesións á semana".
Ademais, o departamento que dirixe Román Rodríguez di que está a traballar na parte do contido curricular de Patrimonio e Sociedade de Galicia e asegura que "vai incluír todo o que ten que ver coas antigas materias Patrimonio e Arte de Galicia e Xeografía e Historia de Galicia "pero reforzando a parte académica de xeito significativo". "Queremos lanzar unha mensaxe de tranquilidade posto que no novo currículo galego esta área sae reforzada tanto no que atinxe a contidos como a horas lectivas", insiste.
A Consellería argumenta que coa nova materia a área de Xeografía e Historia de Galicia "sae reforzada tanto nos contidos como nas horas lectivas"
Amancio Liñares, catedrático de Secundaria e docente da materia agora suprimida durante dúas décadas, manifestou tamén o seu desacordo coa decisión da Consellería, que agarda que "sexa froito da premura de tempo por poñer a andar a Lomloe". "Débeselle dar unhas voltas porque manter a denominación orixinal da materia é fundamental; non me vale que se me diga que se van incluír os contidos nunha nova que é algo moito máis vago, etéreo e impreciso e onde pode caber de todo e ser un caixón de xastre", explica.
"Xeografía e Historia é a denominación específica, con tradición docente e historiográfica... Se non temos autoestima para que Galicia teña un espazo de seu, para explicar a Historia partidondo do local e do particular ata o universal, non sei que estamos facendo", insiste Liñares.
Porque as críticas á mudanza son moitas, implicando xa as facultades de Xeografía e Historia e coa demanda dos docentes implicados de que o Consello da Cultura Galega "asuma" as súas "inquedanzas". Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago, advirte que Xeografía, Historia e Historia da Arte de Galicia "son coñecementos troncais que non poden substituírse por sucedáneos".
"Son coñecementos troncais que non poden substituírse por sucedáneos"
Augusto Pérez Alberti, catedrático de Xeografía na USC, di que "unha cousa é o patrimonio, outra a Xeografia, a Historia ou a Arte de Galicia". "Non son excluíntes mais unha cousa é entender a construción das paisaxes e outra as paisaxes como patrimonio cultural", expresou nas redes.
No fondo, segundo outras fontes docentes implicadas, o temor a que a progresiva "degradación" da materia de Xeografía e Historia de Galicia no currículo responda a unha decisión "ideolóxica e meditada, como foron outras antes". "É dificilmente xustificable a decisión", indican as mesmas voces.