As árbores “falan” entre elas. Cooperan, alértanse dos perigos, axúdanse entre si. Os seus raizames asócianse con fungos para formar a micorriza, unha enorme rede de fíos de telecomunicacións por onde circulan auga, nutrientes e información, e que semella un universo infinito de constelacións neuronais, sistemas nerviosos tremendamente sofisticados. A meirande parte das especies arbóreas comunícase tamén mediante as puntas das copas. Acontece que unhas poucas árbores sofren unha agresión nun punto do bosque, poñamos por exemplo o ramoneo excesivo dun rabaño de cabras, e moitos metros máis aló as súas conxéneres comezan a desenvolver espiñas protectoras.
Isto que conto non é mística, fantasía nin prosopopea, senón un dato científico estudado e demostrado. Tráioo a estas liñas porque é unha moi boa proba para evidenciar que a cooperación, o apoio e o traballo de equipo están presentes na natureza, incluso en seres tan diferentes a nós.
Logo das agresivas declaracións do presidente da Arxentina en Madrid (alentadas e aplaudidas pola presidenta popular desa comunidade) onde cualificou de “aberrante” a xustiza social, andei a ler e afondar un pouco nas bases teóricas sobre as que Milei sustenta o seu discurso, aparentemente inconexo e improvisado mais, en realidade, estratexicamente deseñado. Trátase do “anarcocapitalismo” e mais do “darwinismo social”. Dúas correntes de pensamento e económicas que defenden, en palabras para legas coma min, que a única lei posible é a da selva, a do máis forte. O siloxismo viría a dicir que o ser humano prosperou porque é o máis forte, e que, por conseguinte, dentro da humanidade as únicas persoas que merecen prevalecer son, logo, “as máis fortes”. Un discurso evidentemente antropocéntrico e, engado, tremendamente individualista, dado que non contempla como fortaleza a capacidade humana de aliarse, protexer e coidar.
A teoría política e económica de Milei é falida. Parte da premisa de que el e os seus socios son os máis fortes, sendo totalmente insolidarios e individualistas. Mais os cans (dos que el tanto gusta, por certo) e os lobos demostran que os máis fortes nunca actúan sós nin abandonan aos febles
O que non pensaron Javier Milei nin os seus mestres é que a organización en forma de sociedade non é un invento humano e nin sequera é privativo da nosa especie. Alén da capacidade colaborativa e solidaria de vexetais e fungos, existe unha boa cantidade de animais que se rexen por sistemas sociais complexos, coma, entre outros máis, cans e lobos, bonobos, elefantes, delfíns ou corvos, alén das abellas, avespas, termitas e formigas. Iso, se non temos en conta que para a reprodución dunha enorme parte da biodiversidade animal é preciso un apareamento que implica a interacción social. Porque daquela, o número medra unha barbaridade. Estas das que falo, e outras coma os leóns, as baleas ou os loros, son consideradas por nós especies sociais porque teñen sistemas de dominancia, gregarismo e eusocialidade. O cal implica que coidan dos cachorros, protexen aos seus iguais e, xa está descrito, en ocasións incluso dos individuos doentes ou anciáns.
A teoría política e económica de Milei é falida. Parte da premisa de que el e os seus socios son os máis fortes, sendo totalmente insolidarios e individualistas. Mais os cans (dos que el tanto gusta, por certo) e os lobos demostran que os máis fortes nunca actúan sós nin, de cote, abandonan aos febles. Que son quen de sacrificarse para garantir que as crianzas sobrevivan. Que eses comportamentos animais que lles permiten perdurar no máis alto da cadea trófica teñen unha base elemental de xustiza social.
Acontece, acho, que o que move todo ese pensamento é un fondo desarraigo. Un odio ou auto odio, xa que deturpan cos seus feitos e postulados un elemento definitorio da calidade humana: o coidado, a empatía. Como explica Robert Salas, arqueólogo e director do Institut Català de Paleoecologia Humana i Evolució Social, foi precisamente iso o que nos fixo humanas, hai preto xa de dous millóns de anos. Engado eu, modestamente, que seres coma Milei ou Ayuso están a ser, neste século XXI, quen nos queren deshumanizar, á súa imaxe e semellanza.