"Arxentina leva décadas sufrindo políticas populistas que provocaron que a súa poboación sufra unha diminución importante e constante das súas condicións de vida dende o punto de vista da súa situación socio-económica", argumenta a Xunta en resposta ao BNG
Antes de que Javier Milei estivese no centro da escena política española pola viaxe a Madrid na que recibiu honras de diversos representantes da dereita e participou no mitin ultra que acabou derivando en crise diplomática polos seus ataques a Pedro Sánchez e á súa esposa, Begoña Gómez, os efectos dos primeiros pasos do mandato do presidente arxentino xa comezaran a ser obxecto de debate na política galega. Concretamente, os seus recortes sociais.
A principios de abril, os deputados do BNG Daniel Castro e Iago Tabarés dirixíronse formalmente á Xunta para preguntar polos efectos deses recortes na abondosa comunidade galega que vive nese país. "A situación social e económica da Arxentina leva sendo moi convulsa dende hai anos, mais quedou claro que a chegada do presidente Milei non fixo outra cousa que empeorar as condicións de vida", sinalaban, dende subas de prezos que fan que a "cesta básica da compra duplique" os ingresos dunha persoa xubilada ata as restricións á sanidade pública.
A resposta do Goberno galego, a través da Secretaría Xeral de Emigración, chegou hai poucos días. Nela, o departamento que nesta nova lexislatura volve dirixir Antonio Rodríguez Miranda -o ourensán, tamén responsable de emigración na dirección estatal do PP, só cesou temporalmente para ir nas listas dos populares o 18F- relativiza o impacto real dos recortes de Milei nos galegos da Arxentina. Porque, vén argumentar, non sucede nada moi diferente ao que xa acontecía.
O Goberno galego non especifica cando considera que principiaron as décadas "populistas" na Arxentina nin se inclúen a ditadura ou os gobernos de presidentes cos que mantiveron especiais boas relacións Fraga ou Feijóo, caso de Menem e Macri
"A República Arxentina, país no que reside a maior comunidade de galegos fóra de Galicia, leva décadas sufrindo políticas populistas", principia a resposta da Xunta. "Provocaron -continúa- que a súa poboación sufra unha diminución importante e constante das súas condicións de vida dende o punto de vista da súa situación socio-económica".
A Xunta non especifica, non obstante, cando principian as que ao seu xuízo son décadas de "políticas populistas" na Arxentina. Tampouco se inclúen os tempos da ditadura ou os mandatos de presidentes con quen Manuel Fraga ou Alberto Núñez Feijóo mantiveron boas relacións e para os que non aforraron eloxios e mesmo condecoracións, caso de Mauricio Macri ou Carlos Menem, este último distinguido coa Medalla de Ouro de Galicia pola Xunta en 1994.
A partir desta análise política xeral, o Goberno galego indica ao Bloque que "a Administración do estado atende as necesidades socio-sanitarias dos españois de orixe residentes no exterior durante a súa vellez ou derivados de situacións de invalidez" a través de prestacións económicas. E ademais, "a Xunta complementa a acción do Estado para os cidadáns de orixe galega" con varias liñas de axudas.
Ante a pregunta do Bloque sobre o impacto das políticas de Milei na diáspora galega, Emigración enumera as axudas que xa ofrece e di contemplar "medidas complementarias" se "a situación seguise a deteriorarse"
Entre elas, Emigración estaca as axudas individuais para "persoas emigrantes de orixe galega en situación de precariedade económica", destinadas a "necesidades básicas". Tamén as de emerxencia para persoas en exclusión social "derivadas de situacións sobrevidas de grave necesidade". "A Xunta atende cada ano a todos os solicitantes residentes na Arxentina, que cumpren os requisitos para acceder ás diferentes liñas de axuda", agrega.
Alén disto, na Xunta afirman que seguen "atentos á evolución socio-económica do país e da nosa xente", tanto "dende a Delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires" como "con visitas periódicas" de Rodríguez Miranda e "do propio presidente da Xunta" -Alfonso Rueda estivo na Arxentina a comezos deste mes, aínda que non foi recibido por Milei- para "coñecer de primeira man a realidade dos galegos na Arxentina.
"No futuro, non dubiden", conclúen a resposta ao BNG, "que se tomarán as medidas complementarias necesarias" se "a situación económico-social seguise a deteriorarse e fixese insuficientes os programas de protección social que neste momento están vixentes". Na súa recente viaxe á Arxentina, tras reunirse con "representantes de diferentes centros galegos", Rueda destacou que lles trasladou o seu interese en que os galegos do exterior que o desexen "contribúan" a construír a Galicia do futuro".