Honras da (extrema) dereita española a Milei en Madrid

Javier Milei, presidente da Arxentina, nun acto recente de homenaxe a Carlos Menem, o antigo presidente do país cuxa xestión estivo marcada por reformas de corte neoliberal © Goberno da Arxentina

Na súa viaxe á Arxentina Milei non recibiu a Rueda, que transmitiu ás empresas pesqueiras tranquilidade porque as "incertezas" xeradas polo Goberno do país "non se van producir" malia permanecer en aspectos clave como as cotas da pescada

A comezos deste mes de maio o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, estivo na Arxentina de viaxe oficial, a primeira da lexislatura. Ao contrario dos seus antecesores (Alberto Núñez Feijóo, Emilio Pérez Touriño, Manuel Fraga) non foi recibido polo presidente do país que aglutina o maior número de persoas rexistradas no censo exterior galego, senón que a máxima autoridade do Executivo arxentino co que se reuniu foi o subsecretario de Pesca, Antonio López Cazorla.

Alén do obvio rango institucionalmente inferior ao do presidente, que Rueda se reuniuse co responsable de Pesca do Goberno do ultradereitista Javier Milei non foi unha cuestión menor. Nada máis chegar ao poder, Milei avanzou medidas que puñan en serio risco os intereses das empresas pesqueiras de capital galego, como un sistema de poxas de licenzas que finalmente decaeu no trámite parlamentario. Durante a viaxe, Rueda transmitiu a estas empresas que "o que nos di o representante do Goberno arxentino" é que "esas incertezas" ao final "non se van producir".

O presidente Rueda e o conselleiro Villares, co subsecretario de Pesca da Arxentina, Antonio López Cazorla, o 4 de maio de 2024 en Bos Aires CC-BY-SA Xunta

Malia esas consideración de Rueda, a incerteza sobre o impacto de Milei na pesca galega non cesa. Non en van, como informaba recentemente Faro de Vigo, o seguinte punto de fricción pode estar nas cotas de pesca de pescada, regulada por normas que caducan a finais deste 2024

Na súa primeira visita a España como presidente, Milei obvia as autoridades e lanza as súas diatribas da man de Vox pero tamén na sede do xornal do grupo Planeta nun acto ao que acudiu a voceira adxunta do PP no Congreso

Con este pano de fondo, pero tamén co dos seus recortes sociais para sectores vulnerables como persoas enfermas de cancro ou, en xeral, co seu proxecto de despezar o Estado arxentino, vén de comezar a primeira visita de Milei a España. Este pasado venres chegou a Madrid en viaxe teoricamente oficial, aínda que non se vaia reunir nin con Pedro Sánchez nin co rei. Unha visita controvertida a ambas beiras do Atlántico e na que o novo heroe da internacional ultraconservadora recibe honras de diversos dirixentes, empresas e entidades da dereita española.

Non en van, o seu debut madrileño tivo como escenario a sede do xornal La Razón, o xornal do Grupo Planeta, responsable tamén do grupo de televisión Atresmedia e da emisora de radio Onda Cero. Alí, o presidente arxentino presentou o seu libro El camino del libertario e lanzou algunhas das súas diatribas contra o socialismo, ao que definiu como "cancro", ou contra a "aberrante idea de xustiza social". Fíxoo entre aplausos do auditorio, que saudou de bo grao as súas consideracións contra "los rojitos".

Vídeo da presentación do libro de Milei en Madrid, divulgado pola conta oficial da presidencia da Arxentina

Segundo informa o propio xornal, no evento estiveron presentes responsables da extrema dereita de Vox. Pero tamén caras coñecidas do PP como a ex-presidenta madrileña Esperanza Aguirre ou Cayetana Álvarez de Toledo, deputada no Congreso recuperada por Alberto Núñez Feijóo como voceira adxunta do grupo que lidera Miguel Tellado.

Con independencia do seu desplante ás autoridades, Milei tiña previsto recibir este sábado na embaixada da Arxentina en Madrid a representantes de diversas grandes empresas españolas

Non consta en ningunha das axendas divulgadas por Milei que se vaia reunir en Madrid con responsables do PP. Si participará activamente no mitin organizado por Vox este domingo baixo o lema Europa Viva, acto encadrado na precampaña das eleccións europeas no que se prevén intervencións, en directo ou a través de videoconferencias, de líderes da extrema dereita de diversos puntos o continente, tales como o portugués André Ventura, do partido Chega, ou a francesa Marie Le Pen.

Previamente, e con independencia do seu desplante ás autoridades, Milei tiña previsto recibir este sábado na embaixada da Arxentina en Madrid a representantes de diversas grandes empresas españolas con intereses no seu país, como os bancos Santander ou BBVA, Telefónica ou Mapfre, entre outras. Mentres, na Arxentina, un deputado da esquerda vén de denunciar a Milei por sufragar con fondos públicos a súa viaxe a Madrid para "fins privados" como presentar o seu libro ou falar no evento de Vox.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.