"A presidencia de Bolsonaro tamén parecía imposible, pero el xa era político e Milei, nin tan sequera iso"

Arturo Lezcano © Libros del KO

O xornalista e produtor Arturo Lezcano (Ferrol, 1976) traballou doce anos como correspondente en América Latina, desde onde cubriu e contou a actualidade da rexión e, especialmente, da Arxentina, onde viviu seis anos e a onde viaxa regularmente. Na última visita, hai tan só unhas semanas, puido seguir in situ o terremoto provocado pola irrupción política do polémico Javier Milei, que rematou coa súa vitoria electoral do pasado domingo e o camiño cara ao descoñecido do país con máis galegos de fóra de Galicia. 

Director de Ailalelo Producións, colaborador en varios medios, produtor en España de NBC Telemundo ou guionista en programas como Salvados, Lezcano mantense conectado coa actualidade arxentina, coa dun país que recoñece difícil de entender mesmo para el, bonaerense "adoptivo" durante tantos anos. "O meu, en lugar dun curso acelerado, foi diario...Pero podería durar toda unha vida e a Arxentina seguiría sendo complicada de entender", advirte. 

Por que é tan difícil de entender?

Digamos que a Arxentina será difícil de entender sempre, sobre todo se o intentamos baixo parámetros europeos, por dicilo así. O primeiro que hai que facer, e se vas vivir alí máis, é quitar da cabeza estruturas e marcos políticos sociais que non teñen nada que ver co lugar. Iso ocorre con todos os países, pero a Arxentina é unha mestura entre doutrinas políticas e marcos traídos desde Europa e unha sensibilidade poscolonial e, nalgúns casos, decolonial. A aprendizaxe é ardua, pero vivindo alí, por obriga cotiá, acabas aprendendo. 

Arturo Lezcano, analizando as eleccións arxentinas en TVE © RTVE

"A chegada de Bolsonaro ao poder parecía igual de imposible, pero el era un político 'friki' e Milei nin tan sequera se dedicaba á política"

Viviu desde o Brasil a irrupción e suba a poder de Jair Bolsonaro. Agardaba que acontecese algo así na Arxentina?

A chegada de Bolsonaro ao poder no Brasil parecía igual de imposible que o de Milei na Arxentina. Vivín o seu ascenso político porque el era político, un político friki local da asemblea de Rio de Janeiro ao que non se lle permitía falar nas manifestacións antigobernamentais da época, contra Djilma, porque defendía cousas indefendibles. Ten un punto en común con Milei en que ambos son síntoma e símbolo de todos aqueles que queren un cambio e non o atopan en ningures... Pero Milei nin tan sequera se dedicaba á política. 

Entón, esperaba un terremoto político desta magnitude na Arxentina?

Non esperaba que fose especificamente Milei porque el é unha persoa que non ten nada que ver coa política e representa unha cousa moi determinada. Na Arxentina xa houbo políticos e partidos de ultradereita clásica despois da ditadura, de corte militarista, pero Milei non é iso. Se un fica fóra da realidade cinco anos e lle din que ese economista punk —así é como se definía— vai acabar de presidente, non o crería. Pero pasou, e pasou despois duns seis anos de aparición pública nos medios e cando hai pouco máis de dous anos da súa irrupción política. 

"Moitos arxentinos querían cambio e quen llelo deu foi un tipo saído da cultura do espectáculo que propugna cousas imposibles pero opostas ao xa visto"

Como ocorreu, logo?

Nunca tería pensado que sería Milei o que chegase á presidencia, pero un amplo sector da poboación arxentina quería un cambio e este propicióullelo un tipo saído da cultura do espectáculo. Milei é un home que propugnaba cousas totalmente imposibles, pero iso que propoñía e propón son cousas opostas ao que a sociedade levaba xa moito tempo vendo. 

Se un debulla as análises postelectorais, moitas coinciden en que será Mauricio Macri quen acabe levando o peso do goberno de Milei... 

Estiven na Arxentina entre as dúas voltas electorais, bastante pegado á actualidade política e á militancia, así como a xornalistas moi ben informados. Estaba alí cando se confirmou o pacto entre Milei e Macri, cando este lle ofrece xuntar forzas nun proceso que acaba por facer estoupar a coalición da dereita clásica, Juntos por el Cambio, onde unha boa parte é antiMilei. A partir dese acordo, queda claro —dito tamén por xente moi achegada a Macri— que se Macri fai iso non é só para acompañar. É evidente que a súa aposta é gañar con esa elección e a partir de aí tomar posicións nas políticas que poida desenvolver Milei. 

Arturo Lezcano, presentado un libro na Casa de América CC-BY-NC-ND Casa de América

"Macri terá unha presenza importante no goberno a través de persoas interpostas e a Milei serviralle para normalizar as súas políticas"

Que supón ese apoio ou acompañamento para Milei?

Vaille moi ben a Milei porque ter un acordo con Macri é fundamental para a gobernabilidade. Milei ten moi poucos deputados nas dúas Cámaras e depende do apoio doutros para implementar a maioría das políticas que propugna. Non o vai ter fácil malia que un presidente do Goberno na Arxentina ten máis poder do que en España. Hai que lembrar que no Congreso a formación de Milei ten 38 de 257 escanos e no Senado, só 8 de 72. 

Daquela, Macri será clave?

O apoio de Macri sérvelle tamén a Milei para normalizar ou castificar (se existise ese verbo) parte das súas políticas. Porque para gobernar na Casa Rosada hai que depender da casta. Non vas lograr o que pretendes na Arxentina se non tes apoio da city porteña, do sector financeiro ou amarres políticos. 

Milei non ten nada diso?

Milei non ten nada: non ten cadros políticos, non ten estrutura e non ten ningunha experiencia de xestión. Cando hai xente que compara isto co estoupido político que supuxo o 15-M en España... Non ten nada que ver. Máis alá da teoría económica, el non ten unha capacidade demostrada de xestión. Así que, non sei se se pode dicir que Macri vai gobernar, pero desde logo si que vai ter unha presenza importante a través de persoas interpostas, que seguramente sexa o que lle poida dar algo de estabilidade a estes tempos. 

"Milei non ten nada: nin cadros políticos, nin estrutura, nin experiencia de xestión"

Milei propugna privatizacións masivas do sector público, romper co Estado, suprimir un lote de ministerios... Poderá levar a cabo todas esas medidas?

Iso é unha cuestión de máximos. Milei defínese como anarcocapitalista, o que significaría destruír o Estado, pero el mesmo foi aclarando xa que non pode reducir ao máximo o Estado como desexaría se quere gobernar dentro da lei. Pero Milei pon por diante a súa visión económica, por riba mesmo da defensa do Estado nun lugar onde o Estado é tan importante

E aínda así gañou as eleccións nun país onde tanta poboación depende dun Estado social forte...

No debate con Massa e xa antes, Milei chegou a defender unha figura que é o demo mesmo para os arxentinos pero que para el é o seu máximo ídolo: Margaret Thatcher. A súa visión económica está por riba de todo. Dise moi rápido que é de ultradereita, e claro que é ultradereitista en moitos aspectos, pero quitando aparicións con Vox ou o apoio de Bolsonaro non hai moito máis. Porque Milei non é nin tan sequera nacionalista, só é nacionalista do mercado. 

Javier Milei, nunha fotografía difundida polo seu equipo durante a campaña © Javier Milei

"Milei ultradereita? Claro que ten cousas de ultradereita, pero nin tan sequera é nacionalista: idolatra a Thatcher, o demo para os arxentinos"

Daquela, non poderá implantar todas as medidas que propón?

Se escoitas asesores dun e doutro lado e mesmo expertos neutrais, é moi difícil que o logre. Hai moitísimas cousas que son case imposibles. Cando el fala de privatizar a educación, por exemplo, hai que ter en conta que é unha competencia que está transferida ás provincias e ningunha delas está gobernada polo seu partido. Como pensa facer? Ti podes berrar moitas cousas nun mitin, pero levalas a cabo non é tan doado. 

E a dolarización?

Os maiores expertos que participaron na dolarización de Ecuador advirten de que farían falta moitos anos, máis do que dura un mandato, para levar a cabo algo así. E Milei xa di que para que se logre sería necesario un proceso no que teñen que pasar moitas cousas e que non ocorran outras, como que non xorda outra moeda alternativa na provincia de Buenos Aires, por exemplo. Hai moitos aspectos que fan pensar que a maioría de medidas que propón non as vai poder implementar de forma rápida, pero é que, ademais, ben seguro terá unha contestación importante nas rúas.

Prevé unha gran mobilización? 

Aínda que a vitoria de Milei fose unha malleira, hai que ter en conta que hai un 44% de voto practicamente non transferido, voto peronista que está en contra del e que é o sector da sociedade que máis axiña sae á rúa a protestar, xa sexa por si mesmo ou polo poder dos que na Arxentina denominan punteros políticos nas zonas máis desfavorecidas. Desde logo, estamos ante un contexto moi complexo para o país. 

Teme que a tensión derive nun conflito máis grave, en violencia?

É unha pregunta difícil de responder. Sempre me preguntaban iso sobre Venezuela e tampouco sabía ben que dicir, pero no caso da Arxentina, hai que fixarse ben en quen votou a Milei, en como foi a transferencia de voto. Se facemos caso a estes estudos, parece claro que Milei arrasou entre a xente moza, xente que viviu entre crises pero que non está tan ideoloxizada nin enfrontada ao peronismo, persoas que dificilmente quererán entrar nun combate na rúa. Si creo que haberá mobilización e que moito do que pase no futuro vai depender do que aconteza nas próximas semanas, da cotización do dólar, do que se diga da hipotética privatizacion de YPF e doutras empresas públicas... É moi importante o que ocorra ata que asuma como presidente, o próximo 10 de decembro, pero ata esa día desaparecen todos...

Javier Milei con Santiago Abascal, líder de Vox Dominio Público

"A maioría das medidas que propón Milei non se poden implementar de forma rápida e terán unha contestación importante na rúa"

Que quere dicir?

Os dous candidatos que optaban á presidencia, Massa e Milei, quitáronse do medio ata ese día. Teñen a casa ardendo e o que fan é liscar. O primeiro pediu unha excedencia como ministro de Economía ata o 9 de decembro, o que formalmente é dimitir sen dimitir; e o presidente electo di que ata o día 10 non fará nada porque vai visitar o que considera os seus paraísos: os Estados Unidos e Israel. Ademais, o presidente actual, Alberto Fernández, tamén está desaparecido. O que ocorra nestes vinte días será clave: se hai hiperinflación, se a Bolsa tira cara a arriba... Destes días depende moito o que pasará despois porque, historicamente, a sociedade arxentina móvese e estoupa habitualmente entre novembro e decembro, como pasou na crise de 2001.

Por?

É un momento importante porque é a fin do ano, final de exercicio, unha etapa na que a xente non sabe se pode marchar de vacacións ou que vai pasar cando volva. Ti hoxe vas a un supermercado na Arxentina e non sabes canto che vai custar un cartón de leite: se che din 1.000, 1.000; e se che din 20.000, pois tamén. Imaxina non saber, sendo funcionario público, se cando volvas das vacacións vas ter ou non traballo ou que vai ocorrer coa educación ou coa sanidade. É un momento clave. 

No que posiblemente sexa o país máis futboleiro do mundo, Milei chegou a dicir que sempre foi de Boca Juniors pero que agora é de River, define ben a excentricidade do personaxe?

Non lle creo moito iso... Se di agora que é de River é por oposición a Román Riquelme, ex-figura de Boca que é agora presidente do club, pero isto é fútbol e, como ben se sabe, se un ten simpatías desde novo por Boca, como Milei, seguirá sendo bostero sempre. Dito isto, o que pase con Boca Juniors terá influencia no futuro política da Arxentina. Estou seguro. 

O que?

Boca está loitando por amañar algo unha campaña nefasta e atópase nunha importante crise antes xusto das eleccións á presidencia do club que en decembro. Neses comicios, enfróntase a candidatura de Riquelme, a quen detesta Milei, e outra na que Macri, que xa foi presidente de Boca, acode como vicepresidente e sendo en realidade quen manda. A implicación de Mauricio Macri no goberno da Arxentina non será a mesma se accede á directiva de Boca Juniors. Pero se o consegue, terá poder na sombra e simultaneamente tanto no Goberno da nación como nunha institución da relevancia de Boca Juniors. O que ocorra será chave. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.