Milei responde con represión ás protestas contra os seus recortes: "busca disciplinar o pobo que se mobilizou"

Policías en Buenos Aires vigilan las protestas contra Milei © Cedida

Hai tres semanas a Xunta restou importancia aos recortes sociais de Milei e as súas consecuencias co argumento de que o país "leva décadas sufrindo políticas populistas". Nos últimos días, á política de recortes e privatizacións -afianzada coa aprobación da Ley Bases- uniuse unha forte represión das protestas populares contra a acción do Executivo. 

Nos últimos días, á política de recortes e privatizacións -afianzada coa aprobación da Ley Bases- uniuse unha forte represión das protestas populares contra a acción do Executivo

Coincidindo coa votación, o mércores, as rúas de Bos Aires foron militarizadas nun despregamento policial -a cargo da Ministra de Seguridade, Patricia Bullrich- que non se lembraba en Arxentina dende hai máis de corenta anos. Os incidentes, iniciados despois das cargas policiais, remataron con máis de trinta persoas detidas e máis de 200 feridas. 

Os detidos pasaron a noite en camionetas celulares das forzas de seguridade nacionais, movéndose entre distintas sedes e sen acceso a baños nin á posibilidade de coñecer a súa situación. Preto das nova da mañá as mulleres detidas foron trasladadas a unha unidade de xénero, onde estiveron esposadas e recluídas nun corredor durante horas. Mentres, os homes foron trasladados a unha comisaría no barrio porteño de Barracas. 

Protestas contra Milei en Buenos Aires © Cedida

35 persoas foron detidas e máis de 200 resultaron feridas pola acción policial. O fiscal Carlos Stornelli solicitou que aos detidos se lles aplique prisión preventiva, dado que foran aprehendidos por delitos de sedición

O fiscal federal da causa, Carlos Stornelli, solicitou nun escrito que os detidos pasasen á órbita da xustiza federal para que se lles aplique prisión preventiva, dado que foran aprehendidos por delitos de sedición, sen outra proba máis que un chío do presidente e notas xornalísticas de medios que condenaban a manifestación. 

Na mañá do venres, os manifestantes foron trasladados aos Tribunais Federais de Comodoro Py, no barrio de Retiro, para declarar na causa que leva adiante o Xulgado da xuíza María Servini, que anteriormente foi fiscal na querela dos crimes do franquismo que se realizou na Arxentina. Cara á noite do venres, dos 35 detidos foron liberados apenas 17, mentres que o resto foi trasladado a prisións comúns, aos cárceres de Marcos Paz e Ezeiza.

As familias dos detidos -a maior parte mozos e mozas- reclaman a súa liberación e afirman que foron detidas de forma "arbitraria" e “sin contar con probas vinculantes”

As familias dos detidos -a maior parte mozos e mozas- reclaman a súa liberación e afirman que foron detidas de forma "arbitraria" e “sin contar con probas vinculantes”. “Os que se atopan detidos non estaban cometendo ningún delito senón que, como se pode ver en todos os rexistros de vídeo, trátase de vendedores ambulantes e civís que se manifestaban de maneira pacífica nas inmediacións do Congreso”.

Pola súa banda, o fiscal Stornelli pediu que as persoas que foron liberadas sexan de novo encarcerandas afirmando que “incitaron á violencia colectiva contra as institucions” e "alzáronse contra a orden constitucional".

Protestas pola detención de manifestantes © Cedida

Para Construir UNSAM, o goberno de Milei "busca disciplinar a un pobo que xa se mobilizou espontaneamente en contra do DNU no que sustenta a súa gobernabilidade"

Centos de persoas protestaron o venres ante a sede do Poder Xudicial para reclamar que esas persoas sexan liberadas. Entre os detidos que aínda permanecen recluídos hai tres estudantes da UNSAM (Universidad Nacional de San Martín).

En palabras de Construir UNSAM, o goberno de Javier Milei "busca disciplinar a un pobo que xa se mobilizou espontaneamente en contra do DNU (Decreto de Necesidade e Urxencia) no que sustenta a súa gobernabilidade e que o pasado 23 de abril convocou a máis dun millón de persoas en todo o país para defender a universidade pública, no medio dunha crise de desfinanciamiento provocada polo Estado nacional".

Centos de persoas protestaron o venres ante a sede do Poder Xudicial para reclamar que esas persoas sexan liberadas

Aínda que Milei tivo que renunciar a dous terzos dos artigos da Ley Bases y Puntos de Partida para la Libertad de los Argentinos -unha lei ómnibus máis coñecida como Ley Bases- para conseguir aprobala no Congreso, semella decidido a completar nos vindeiros meses a aprobación das medidas pendentes da "motoserra" coa que quere recortar as funcións e dereitos do Estado e da democracia arxentina.

Protestas contra Milei en Buenos Aires © Cedida
Protestas pola detención de manifestantes © Construir UNSAM

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.