Incumprimento das leis e dos acordos para acabar coa simboloxía franquista

Retirada dunha placa de exaltación franquista en Cangas © ACE

Está aberto un proceso para a elaboración dunha nova Lei de Memoria Democrática, que pode acabar nas próximas semanas. Co anteproxecto que coñecemos e coas emendas acordadas polo goberno do Estado con diversas organizacións políticas con presenza no Congreso, todo indica que esta nova lei vai ser mellor que a de 2007. Preocúpame que o movemento memorialista poida chegar á conclusión de que está todo conseguido e abandone a presión, esquecendo que todo o conseguido até agora foi froito, fundamentalmente, da mobilización social.

O contido das leis é importante, pero a experiencia dos últimos anos indícanos que hai outros moitos aspectos que condicionan a execución desas leis ou das directrices para acabar cos restos do franquismo

O contido das leis é importante, pero a experiencia dos últimos anos indícanos que hai outros moitos aspectos que condicionan a execución desas leis ou das directrices para acabar cos restos do franquismo.

En primeiro lugar, a actitude do Goberno. Lembremos, por exemplo, que foron os sucesivos gobernos quen, a través da Fiscalía Xeral do Estado, enviaron directrices a todos os xulgados para que non admitisen a trámite as denuncias que chegaban a través da chamada “Querela Arxentina”, contribuíndo así a que queden impunes os crimes do franquismo.

Outro factor importante é a interpretación da propia lei. Aos impedimentos do propio goberno para eliminar a Lei de Amnistía, por exemplo, hai que engadir a actitude de moitos tribunais de xustiza, presididos por xuíces claramente franquistas. Por outra parte, as ambigüidades da propia lei permite que sentenzas dun xulgado sexan contraditorias con sentenzas doutro sobre o mesmo tema.

Hai unha falta de coordinación e coherencia por parte das organizacións políticas, que funcionan en moitas ocasións como auténticos reinos de taifas, sen directrices comúns e permitindo que cada concello tome decisións en función de intereses electorais localistas.

Temos leis, acordos e resolucións do Parlamento Galego, de Deputacións e moitos concellos que non se executan, entre outras razóns, porque non hai vontade política e porque saben que a falta de información e conciencia social non vai castigar electoralmente eses incumprimentos.

Escudo franquista no vello edificio da Alfándega de Ferrol © Ferrol en Común

Acordos incumpridos

Temos leis, acordos e resolucións do Parlamento Galego, de Deputacións e moitos concellos que non se executan, entre outras razóns, porque non hai vontade política

Pouco antes de aprobarse a Lei de Memoria Histórica en decembro de 2007, o Pleno de Málaga de 29 de novembro de 2007, alcaldía de Francisco de la Torre Prados (PP), acordaba: “Anular cuantos acuerdos de Pleno existan donde se aprobaran honores al máximo responsable de la dictadura en España, General Franco, o a todos los que colaboraron con este régimen”.

O Parlamento Galego aprobaba o 26 de marzo de 2008 unha Proposición non de Lei, consensuada polo BNG (os deputados Manuel Parga Núñez e Xosé Ramón Paz Antón) e PSdeG-PSOE (deputada Beatriz Sestayo Doce), que instaba á Xunta de Galicia a:

1. Colaborar coas distintas administracións implicadas, nomeadamente cos concellos, co obxecto de proceder á eliminación de todos os edificios públicos dependentes da administración toda a simboloxía fascista e a promover a supresión dos nomes destes edificios que fan referencia a persoeiros representantes ou partidarios da ditadura franquista.

2. Colaborar co goberno central e as entidades locais cara a elaboración dun catálogo de vestixios relativos á guerra civil e a ditadura nos termos establecidos no artigo 15 da Lei 52/2007 de 2 de decembro.

O Parlamento Galego no debate anual xeral de 7 de outubro de 2008, aprobaba por unanimidade esta proposta de resolución presentada polos grupos do PSdeG-PSOE e BNG: “O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a proseguir coas accións dirixidas a recuperar e dignificar a memoria das vítimas da represión exercida na Guerra Civil e durante o franquismo, eliminar os símbolos, as denominacións e as referencias franquistas de rúas e edificios públicos, así como a colaborar na identificación dos desaparecidos e soterrados en fosas comúns durante a ditadura franquista, que este Parlamento unha vez máis condena”.

O Parlamento Galego (Xunta do PP) aprobaba por unanimidade o 18 de xullo de 2016 esta declaración institucional: “Condena do golpe de Estado perpetrado por Franco o 18 de xullo de 1936, o réxime ditatorial consecuencia dese golpe de Estado e os crimes e represións exercidas sobre as persoas vencidas. Así mesmo, o Parlamento de Galicia reitera a importancia de proseguir coas accións dirixidas a recuperar e dignificar a memoria das vítimas da represión exercida na Guerra Civil e durante o franquismo, eliminar os símbolos, as denominacións e as referencias franquistas de rúas e edificios públicos, así como a colaborar na identificación dos desaparecidos enterrados en fosas comúns durante a ditadura franquista”.

A Xunta do PP non tomou ningunha medida e continúa esa simboloxía franquista en moitas igrexas

O Parlamento Galego aprobaba por unanimidade o 2 de outubro de 2017, a iniciativa do deputado Luís Bará (BNG), “retirar a simboloxía franquista das igrexas”, tomando como referencia a igrexa de Santiago en Cangas coa inscrición “A los caídos por Dios y por la patria”. No caso de que a igrexa católica non colabore, o Parlamento Galego comprometíase a “iniciar os correspondentes expedientes para ordenar a retirada das citadas inscricións, considerando a súa dobre condición de símbolos de exaltación do franquismo e de atentados contra o patrimonio”. Para Bará eses símbolos son “profundamente ofensivos coas vítimas do franquismo”.

A Xunta do PP non tomou ningunha medida e continúa esa simboloxía franquista en moitas igrexas. Así, na igrexa de San Benitiño de Lérez (mosteiro de San Salvador de Lérez no concello de Pontevedra) unha placa na fachada fai referencia a “Caídos por Dios y por España 1936-1938. José Calvo Sotelo. José Antonio Primos de Rivera” e 17 nomes máis.

Diferente simboloxía franquista na comarca de Vigo CC-BY-SA BNG

A Deputación da Coruña (goberno de PSdeG-PSOE e BNG) aprobaba o 26 de outubro de 2018, sen ningún voto en contra: “Instar aos concellos da provincia a eliminar os restos de simboloxía franquista (escudos, insignias, placas, nomenclátor das rúas, inscricións) distincións, nomeamentos, títulos honoríficos e honores a golpistas, franquistas e demais formas de exaltación e enaltecemento individual ou colectivo da sublevación militar de 1936 e do franquismo, dos seus dirixentes ou das organizacións que sustentaron o réxime ditatorial”.

Aplicando estes acordos tomados por administracións, presididas por partidos de distinto color político, é evidente que un ministro, gobernador civil, alcalde, ou presidente de deputación na ditadura, son “colaboradores”, “referencias”, “representantes” ou “dirixentes” do franquismo, pero estes acordos non se cumpren e aí continúan con rúas e recibindo todo tipo de honores e distincións en Galiza, en administracións gobernadas por PP, PSdeG-PSOE ou BNG.

Estamos ante unha vergoña colectiva! Como é posíbel que, 15 anos despois da aprobación da Lei de Memoria Histórica de 2007, Santiago manteña como Fillos Adoptivos a 20 ministros da ditadura, A Coruña teña hoxe 110 símbolos franquistas, 47 Ferrol, 37 a Deputación da Coruña…?

PSOE e PP deberían tomar boa nota en Galiza do discurso dos seus partidos no Estado e dalgúns dos acordos que toman administracións que presiden ou gobernos municipais nos que participan

Valentín González Formoso (PSdeG-PSOE) presidente da Deputación da Coruña, que goberna co BNG, é un bo exemplo da falta de coherencia e vontade política para retirar a simboloxía franquista. A Deputación de Lugo (goberno PSdeG-PSOE) retira do salón de sesións os retratos de todos os presidentes durante da ditadura, pero Formoso mantén eses retratos na Deputación da Coruña. O concello de As Pontes retiraba en 2009 a Medalla de Prata a José Antonio Girón de Velasco, sendo Formoso alcalde, pero agora, como presidente da Deputación da Coruña, mantén a distinción de Fillo Adoptivo da provincia a este significado falanxista e ministro de Franco.

O concello do Barco de Valdeorras (alcaldía do PSdeG-PSOE) aprobaba unha moción o 3 de outubro de 2019 por unanimidade (PSdeG-PSOE, PP, BNG e Riada Cidadá) na que pedía ao concello da Coruña, despois de coñecer a participación de Sergio Peñamaría de Llano (alcalde da Coruña entre 1959 e 1963) na represión na comarca, a “reparación moral da veciñanza da comarca de Valdeorra e recuperar a súa dignidade”. E o Pleno de 7 de outubro de 2021, tamén por unanimidade, acordaba “instar ao concello da Coruña a tomar en consideración a proposta da CRMH da Coruña en orde a substituír a rúa Alcalde Peñamaría de Llano pola de Mártires de Valdeorras”. O goberno municipal da Coruña (PSdeG-PSOE) rexeitou repetidamente esta proposta.

A simboloxía franquista fóra de Galiza

PSOE e PP deberían tomar boa nota en Galiza do discurso dos seus partidos no Estado e dalgúns dos acordos que toman administracións que presiden ou gobernos municipais nos que participan.

Juan Carlos I conserva aínda rúas, retratos e distincións en numerosos concellos de Galiza gobernados pola esquerda ou con alcaldías do PSdeG-PSOE: Vigo, A Coruña, Santiago, Vilagarcía de Arousa, Culleredo etc. Non hai xustiza, dignidade e hixiene democrática neses concellos?

Málaga. A Deputación, presidida polo socialista Salvador Pendón, aprobaba no Pleno de 2 de decembro de 2008, a retirada de 36 honores e distincións, concedidas a militares golpistas, ministros de Franco, gobernadores civís, ex presidentes da Deputación ou dirixentes da Sección Feminina de Falanxe. Entres eles a Franco, xeneral Queipo de Llano, ministros de Franco como José Utrera Molina, Fernández de la Mora, José Solís, Federico Silva Muñoz, Villar Palasí, José Antonio Girón de Velasco; ao ex presidente da Deputación, Baltasar Peña Hinojosa, etc. O Presidente da Deputación sinalaba que “Es necesario quitar los honores franquistas porque significa una etapa negra y de represión”, engadindo que ás persoas ás que se lles retira as distincións foron “cómplices” desa situación. E remataba, dicindo: “La democracia debe servir para ver que los honores y distinciones otorgados durante un régimen dictatorial no deben seguir siendo válidos ahora”.

Bilbao. O Pleno de 27 de febreiro de 2014 (goberno PNV-PSOE) consideraba que os nomeamentos dos 21 alcaldes durante a Guerra Civil e a ditadura foron “ilexítimos”. E o Pleno de 25 de febreiro de 2015 acordaba “revogar todos os títulos, premios ou medallas concedidas polas corporacións municipais franquistas até abril de 1978 a persoas que foron significadas durante o período franquista pola súa adhesión ou conivencia coa ditadura”. Na Coruña os alcaldes e alcaldesa durante a ditadura conservan máis de 30 honores e distincións, entre elas 11 rúas e 13 retratos.

Logroño. Cuca Gamarra, alcaldesa do PP de 2011 a 2019, presidía a corporación municipal que retiraba as rúas Calvo Sotelo (tiña na placa a inscrición “1936. Más vale morir con honra que vivir con vilipendio” e General Primo de Rivera, os dous teñen rúas e numerosas distincións no concello da Coruña, que o goberno municipal do PSOE se nega hoxe a retirar.

Casa natal de Franco en Ferrol CC-BY-NC-SA Trevor Huxham

A monarquía e os restos do franquismo

Pontevedra, alcaldía do BNG que goberna co PSdeG-PSOE, retiraba o 15 de febreiro de 2021 a Avenida Juan Carlos I como un acto “de xustiza, decencia e hixiene democrática”. Acordaba revisar tamén, para a súa retirada, todos os honores e distincións como, por exemplo, a sinatura de Juan Carlos I no libro de honor do concello.

En maio de 2023 van celebrarse as eleccións municipais e nos próximos meses van elaborarse os orzamentos para 2023. Unha boa ocasión para que as Deputacións gobernadas pola esquerda (A Coruña, Pontevedra e Lugo) inclúan unha partida para a elaboración dun catálogo dos restos do franquismo en todos os concellos de Galiza

O ditador Franco elixiu a Juan Carlos como o seu sucesor na xefatura do Estado en 1969 “para que todo quede atado e ben atado para o futuro”. Temos, xa que logo, unha monarquía herdeira do franquismo. Ademais da Medalla de Ouro de Galiza , concedida en 1985, Juan Carlos I conserva aínda rúas, retratos e distincións en numerosos concellos de Galiza gobernados pola esquerda ou con alcaldías do PSdeG-PSOE: Vigo, A Coruña, Santiago, Vilagarcía de Arousa, Culleredo etc. Non hai xustiza, dignidade e hixiene democrática neses concellos?

Como contraste, numerosos concellos do Estado con alcaldía do PSOE retiraron xa as rúas e distincións a Juan Carlos I. En Xixón cambiaron a avenida Juan Carlos I porque “xa non representa os valores constitucionais, morais e democráticos da sociedade”. En Parla cambiaron tamén a súa avenida “para dignificar un espazo público”. En Pinto cambiaban o nome do Parque Juan Carlos I, o máis importante do concello, e un busto porque “quen non ten unha conduta intachable non debe recibir unha homenaxe pública”. En La Vila Joiosa cambiaban a avenida Juan Carlos I porque “Como Xefe do do Estado aproveitouse do seu cargo para enriquecerse de maneira ilícita, cunha forma de facer política que non ten cabida na nosa administración”.

Algunhas conclusións

En maio de 2023 van celebrarse as eleccións municipais e nos próximos meses van elaborarse os orzamentos para 2023. Unha boa ocasión para que as Deputacións gobernadas pola esquerda (A Coruña, Pontevedra e Lugo) inclúan unha partida para a elaboración dun catálogo dos restos do franquismo en todos os concellos de Galiza, tal e como xa foi aprobado polo Parlamento Galego o 26 de marzo de 2008, a iniciativa do BNG e PSdeG-PSOE.

Aprobada a lei, cómpre facer un seguimento e continuar coa presión social para que a interpretación da mesma sexa a máis favorable para acabar cos restos do franquismo e para que as distintas organizacións políticas actúen con vontade política para cumprir a lei

No meu libro “Os restos do franquismo en Galiza” recollía en 2020 a relación de máis de 600 deses restos que hoxe, con novos datos, pasan de 700 en máis de 90 concellos. Os próximos 10 meses antes das eleccións municipais son unha boa ocasión para acabar con esta vergoña. Como poden presentarse candidaturas para derrotar á dereita se non hai un compromiso firme para acabar cos restos do franquismo?

Finalmente, considero que deberiamos manter a mobilización mentres se tramite a nova Lei de Memoria Democrática, procurando que se inclúan o máximo de emendas polas que estamos a traballar durante moitos anos. Aprobada a lei, cómpre facer un seguimento e continuar coa presión social para que a interpretación da mesma sexa a máis favorable para acabar cos restos do franquismo e para que as distintas organizacións políticas actúen con vontade política para cumprir a lei. A loita continúa!

* Manuel Monge é sociólogo e foi presidente da CRMH da Coruña de 2007 a 2011.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.