Lei do Litoral, a toda costa

Construcións de todo tipo no litoral CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral - Xunta de Galicia

Descoñezo a autoría das consultas á liña “anti-okupacións” pero supoño que ningunha delas foi de Eva Cárdenas, ela pode facer uso doutros cauces. O seu caso non é único, nin sequera en Moaña. Con todo, no seu escrito “solicita outorgamento de concesión para ocupación e aproveitamento de 210 m. de DPMT respectando os usos e aproveitamentos existentes”

A lectura máis gorentosa da prensa non se limita a acumular noticias senón que as conecta. O día de Santo Valentín batín con tres informacións que a miña mente relacionou instintivamente, quizais a coincidencia co día dos namorados tiña algo de serendipia ou epifanía, como iremos vendo.

A primeira noticia falaba dunha liña telefónica gratuíta que a Xunta de Galicia abrira para facer fronte á avalancha de ocupacións de vivendas asesorando xuridicamente as persoas afectadas. Estas liñas ábrense habitualmente no contexto dunha emerxencia ou para prestar un servizo público esencial. No caso que nos ocupa, nunca mellor dito, o volume de consultas ao cabo do ano fora de tres. Tres chamadas. O presuposto para 2025, 61.000 euros.

A segunda noticia refería que a parella de Núñez Feijóo, Eva Cárdenas, solicitaba unha concesión de trinta anos do terreo público anexo ao seu chalet con acceso privado á praia do Con, en Moaña. Facíao na súa condición de “causahabiente”, persoa que se subroga dereitos en caso de sucesión ou novación. A súa compra fixérase en 2019 (en réxime de separación de bens, para evitar malentendidos), unha casa que invadira e amurallara espazo público a carón do mar para uso privado e agora ela viña dicir que, xa que está feito... que eran outros tempos e non houbera maldá.

A terceira noticia era que a Xunta esixía celeridade no traspaso das competencias sobre a ordenación do litoral, tras a sentenza do Tribunal Constitucional que determinara a legalidade da lei autonómica recorrida polo goberno do Estado. A referida sentenza fora celebrada en Raxoi e San Caetano con xúbilo indisimulado, coa excitación hiperventilada propia dunha vitoria electoral. A Xunta presidida pola parella de Eva Cárdenas xa recorrera previamente ao TC porque a indefinición na duración das concesións provocaba segundo eles inseguridade xurídica.

Descoñezo a autoría das consultas á liña “anti-okupacións” pero supoño que ningunha delas foi de Eva Cárdenas, ela pode facer uso doutros cauces. O seu caso non é único, nin sequera en Moaña. Con todo, no seu escrito “solicita outorgamento de concesión para ocupación e aproveitamento de 210 m. de DPMT respectando os usos e aproveitamentos existentes”.

Probade vós a valar un anaco de terreo público con porta á praia e arguír que, xa que o valastes vós, tendes dereito a usalo por trinta anos

Comentario de texto: Esas siglas con aspecto de tecnicismo administrativo véñen sendo Dominio Público Marítimo Terrestre. Debéronse preferir á transcrición porque o recurso quedaba longo, non si? Se falamos da persoa que se apropia dunha finca allea instalándose nela, estamos a dar a definición de okupa. Item máis, ao dicir “respectando os usos” parece intuitivamente admitirse unha prevalencia da lei, en realidade solicítase que a lei se pregue á demandante e faga unha excepción, furtándolle á comunidade un espazo que lle pertence en virtude da propiedade dunha finca de recreo anexa. Probade vós a valar un anaco de terreo público con porta á praia e arguír que, xa que o valastes vós, tendes dereito a usalo por trinta anos.

Mollis lex, sed lex

O texto da Lei é unha manobra de distracción para disimular a frase chave, que non se permitirá a construción nas zonas de protección ambiental, “salvo que o permitan as normas dos espazos naturais afectados”. A partir de aí, cun informe interpretativo axeitado, nada é imposíbel

Lei mol ou flexíbel, pero lei. Coa nova Lei de usos do litoral e a asunción das competencias por parte da Xunta, ábrense novas oportunidades. No texto, en forma de cláusulas xenéricas, habendo vontade podemos interpretar que o construído, construído está. Fálase por exemplo da creación dunha rede de establecementos turísticos, impulsados con fondos públicos en edificios xa existentes no litoral, mesmo na zona de maior protección, exposta aos efectos do cambio climático. Un exemplo sería a fábrica, baleeira e portiño de Massó en Cangas, na que Caixanova se empufou coa chegada da crise para promover un hotel, vivendas de luxo e porto deportivo, nun intento de substración de espazo público que a movilización cidadá conseguíu atallar e agora, en mans de Abanca, contra a lei-mordaza e a estratexia de refuxio climático, haberá que repelexar. Outro tanto coas fábricas de salgadura esparexidas por toda a costa galega, desde Cervo ata o Hío. O texto da Lei é unha manobra de distracción para disimular a frase chave, que non se permitirá a construción nas zonas de protección ambiental, “salvo que o permitan as normas dos espazos naturais afectados”. A partir de aí, cun informe interpretativo axeitado, nada é imposíbel.

A recuperación da arquitectura industrial e popular non ten porque ser mala, se non supón transferencia de recursos das clases populares ás elites nin acoutamento de espazo público nin polución das rías pola presión habitacional nin privilexios fiscais nin encarecemento dos prezos da vivenda para a poboación local nin novos paseos marítimos con palmeiras como paso previo a recualificacións urbanísticas. Outra cousa é se o obxectivo é que os hoteleiros ocupen e pechen a contorna, se convirtan en “causahabientes” e a costa siga a ser de titularidade pública (DPMT) pero de uso privado concesionado e lucro de clase.

Seguro que a Xunta ten pensado un plan para soprar e sorber a un tempo, compatibilizando a sustentabilidade ambiental coas novas ocupacións e os efectos irreversibeis do cambio climático, entre eles o deterioro xeralizado dos areais que deben precisamente atraer o turismo e que, ano tras ano e a ollos vista, van perdendo superficie pola subida do nivel do mar, inzando de algas invasivas e converténdose en mantos de terra cimentada e croios, coas ondas e bater nas barreiras artificiais dos recheos e nas construcións da primeira liña a causa da interferencia antropoxénica nos ciclos de arrastre e depósito que garantizaban os sistemas dunares e as franxas libres de ocupación. De pouco vai valer a posta en valor das nosas praias se estas tenden a desaparecer.

Faise urxente reunir a comunidade científica, os sectores económicos afectados, nomeadamente o turismo, asociacións ecoloxistas, urbanistas, e explicarlle á poboación asentada nas zonas de risco que non abonda con botar o freo senón que é necesario devolverlle ao mar o espazo que reclama, cada vez con máis insistencia, compensándoa debidamente. Dado que é algo tan urxente, tan evidente e tan imposíbel de ignorar, hai que supoñer que o goberno galego ten un plan, só nos falta saber cal é

O futuro xa está aquí e en todas partes, tanto en Valencia coma en Venecia, en Nova York ou en Australia . En Galiza é o paseo, os aparcadoiros e as piscinas de Samil alagados por toneladas de area cos temporais, ou a duna artificial que desde Riazor impide ver o mar, para evitar que a rúa Juana de Vega se volva converter en tombo. As consecuencias do “ti vai facendo” sobre o litoral non son só paisaxísticas ou medioambientais, senón tamén económicas, por exemplo para o marisqueo a pe. Non imos ser tan inxenuos de pedirlle á Xunta a prudencia dos nativos iroqueses, para quen, antes de tomar unha decisión importante cumpría sopesar as consecuencias que tería sobre a novena xeración, pero entre iso e unha lei do carpe diem e do malo será ten que haber un termo medio, porque o malo xa é. Faise urxente reunir a comunidade científica, os sectores económicos afectados, nomeadamente o turismo, asociacións ecoloxistas, urbanistas, e explicarlle á poboación asentada nas zonas de risco que non abonda con botar o freo senón que é necesario devolverlle ao mar o espazo que reclama, cada vez con máis insistencia, compensándoa debidamente. Dado que é algo tan urxente, tan evidente e tan imposíbel de ignorar, hai que supoñer que o goberno galego ten un plan, só nos falta saber cal é. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.