Luces e sombras dos Orzamentos Xerais do Estado 2021

CC-BY-SA Praza Pública

Unha lectura detallada do Proyecto de Presupuestos Generales del Estado 2021 permite afirmar que estamos diante duns orzamentos públicos con luces e tamén con sombras.

Entre estas últimas están as previsións económicas que as autoridades españolas fan para o ano 2021. Previsións que, loxicamente, son o fundamento da contabilidade orzamentaria e moi especialmente dos ingresos públicos. Unhas previsións que persoalmente, e en liña co que opinan voces amigas tan autorizadas como Albino Prada e Juan Torres considero excesivamente optimistas e, xa que logo, ariscadas. "Elaborar unha previsión de gastos e ingresos para o ano 2021, nunha situación de extrema incerteza como a provocada pola pandemia actual dende marzo de 2020 é un exercicio de prestidixitación" (Albino Prada). "Eu coido que so un miracle permitirá que se cumpra o escenario macroeconómico previsto a hora de elaborar os Orzamentos" (Juan Torres). 

Segundo os redactores do SEPG "para 2021 prevese un crecemento inercial en liña cos principais organismos e analistas do 7,2 por cento, que se verá reforzado polo Plan, que pode permitir acadar un crecemento do 9,8%. A previsión de crecemento para 2021 supón unha continuación da senda de recuperación iniciada no terceiro trimestre do 2020" (Informe Económico Financeiro SEPG, páx. 40). Particularmente nin vexo a senda de recuperación da que se fala nin comparto a visión do escenario que se nos presenta para o ano 2021. Coa crise de oferta e de demanda, unha crise sistémica, na que se atopa a economía española facer estes análises e estas previsións resulta bastante timorato. Dada a situación na que actualmente (novembro) se atopa a pandemia, un moi forte rebrote, non resulta nada ariscado pensar que a situación económica irá a peor con case total seguridade. E si isto é así nin os gastos públicos aprobados serán suficientes nin o ingresos públicos serán os previstos. Realidade a que está contribuíndo decisivamente, todo hai que dicilo, a irresponsabilidade e tamén a incompetencia de moita da clase política, moi especialmente das dereitas e unha parte do independentismo que parecen apostar por aquelo de "canto peor mellor para mín...beneficio político".

Segundo co apartado das sombras compre tamén lamentar que este goberno non sexa mais valente en temas fiscais. As melloras introducidas, que supoñen indiscutibles avances a unha maior equidade fiscal, quedan bastante lonxe das que serían precisas para, por caso, ir acercando o sistema fiscal ao dos estados mais avanzados do noso entorno. Lembremos que a propia Unión Europea, ao través do servizo de Eurostat, ven de informarnos de que España está entre os estados da UE con menor presión fiscal (35,4% do PIB, 6 puntos por debaixo da media na eurozona que nos sitúa como sexto estado da UE con menor presión fiscal). Evidencias que desmenten os argumentos torticeiros e demagóxicos tanto das dereitas galegas ("Pedro e Pablo os Picapedra dos impostos". Miguel Tellado secretario xeral do PPdeG) como dos seus altofalantes ("Europa baixa os impostos para capear a pandemia, España os sube". La Voz de Galicia, 01.11.2020) que ademais ocultan que o que non se financia con impostos (pago segundo renda) se fai vía débeda (pagamos todos) para ganancia da grande banca e os fondos de inversión.

No apartado das luces hai que felicitarse, e felicitar ao Ministerio de Facenda, de que por fin España teña uns orzamentos públicos actualizados, os primeiros do presente goberno, pois non hai que esquecer que estábamos funcionando cos orzamentos do ano 2018 cando gobernaba o Partido Popular (PP) e a economía española estaba nunha fase expansiva. Uns orzamentos públicos expansivos cunha forte inxección de gasto público, a mais elevada da democracia algo que se corresponde, deixando a un lado os matices subliñados, coas necesidades actuais de España: unha decisión pola que hai que volver a felicitar ao novo goberno. Un incremento do gasto público no que o social (sanidade, ensino, dependencia, infancia, vivenda, desemprego...) destaca sobremaneira (19,6% do PIB, un incremento do 47% respecto ao 2018) e que ven a seren unha proba concluínte de que este goberno ten moi en conta a quen peor o está pasando como corresponde a un goberno que se considere de esquerdas.

Este último aspecto deberá ser tido moi en conta polo BNG a hora de decidir que postura adoptar. Como tamén o feito de que o tempo que se debaten os Orzamentos Públicos se está procedendo na Comisión do Pacto de Toledo a reforma do sistema público de pensións cuxo futuro ten para Galicia moita mais importancia, por caso, que a data de chegada do AVE. Non debera tampouco o BNG ignorar a brutal campaña que contra este goberno están levando a cabo as dereitas españolas, e galegas, así como os seus altofalantes. Unha batalla cuxo resultado final non nos é indiferente pois ten incidencia. Que tampouco é totalmente certo que o investimento público en Galicia diminúa. E que, finalmente, vai sendo hora de que o BNG se pregunte seriamente que resulta máis beneficioso para Galicia no momento presente si colaborar na gobernanza de España ou estar na oposición. Este goberno español está mostrando claras insuficiencias pero a alternativa sería un desastre mais que engadir para Galicia. Neste contexto o BNG debe traballar para que o goberno español actual o acepte coma un interlocutor cómplice e de confianza como se evidenciou na moción de censura.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.