Medo

Un dos principais accesos da Coruña, baleiro durante o confinamento © Policía Local A Coruña

Son lectora devoradora de historia e consumidora de documentais, en especial de todo aquilo relacionado coa Guerra Civil Española e coa II Guerra Mundial e o nazismo. En gran medida atribúo esta compulsión miña á necesidade de entender o comportamento humano. No caso destes dous terribles conflitos bélicos, sempre me sorprendeu, sen alcanzar a comprendela, a vileza daquelas persoas que denunciaban ás que tiñan ao lado, esas veciñas amables que nun intre trocaron en verdugas e decidiron sen dubidalo sobre a vida e morte de tantos roxos e roxas, xudías e xudeus.

Ao longo do confinamento pasamos, tanto no individual como no colectivo, por varias fases reactivas entre as que destacaron a negación e a resignación, por esta orde. Por unhas semanas as persoas máis afortunadas convertémonos en crianzas acubilladas que agardamos, unhas pacientemente, outras nerviosas e mesmo belixerantes, a que nos tirasen as castañas do lume.

Dentro do caos e a novidade, o goberno de Madrid foi artellando fórmulas que, quero sinalar aquí e agora, atopo imprescindibles e acertadas as máis delas. Acertadas, en moitos casos, non tanto pola súa eficacia ou viabilidade, senón polo enfoque e a intención. As moratorias de préstamos persoais e alugueiros, os ERTE, os préstamos ICO brandísimos e de asignación sinxela e rápida, a blindaxe dos despedimentos, etc., son medidas feitas pensando nas persoas no canto dos cartos, e iso, aínda que é o correcto, xusto e necesario, non é o que se está a facer na meirande parte do mundo.

Esta semana chegou por fin o tan desexado anuncio da apertura e comezamos a adiviñar un horizonte no que sairemos da casa e ate poderemos ver aos nosos seres queridos ou tomarlle algo nunha terraza. Non sei ao resto, pero a min entroume medo

Porén, as redes sociais bramaron contra todas e cada unha das medidas adoptadas, tanto no referente á estratexia de illamento como no tocante ao económico e o social. Moita xente volveuse contra ás súas veciñas e veciños e xurdiu a figura da policía de balcón, esa que denuncia, insulta e ameaza sen elementos de xuízo nin criterio, se cadra só para liberar a súa propia frustración, a quen ve pola rúa, a quen vai diante na cola da tenda, a quen sae á compra coa crianza porque vive soa e non ten alternativa, a quen baixa o can “máis ca antes”.

Esta semana chegou por fin o tan desexado anuncio da apertura e comezamos a adiviñar un horizonte no que sairemos da casa e ate poderemos ver aos nosos seres queridos ou tomarlle algo nunha terraza. Evidentemente, cando deixe de chover, se deixa de chover. 

Non sei ao resto, pero a min entroume medo. Algo así como unha vertixe, imaxino que o que sente un paxaro engaiolado cando un despiste deixa a porta da súa reixa aberta. Porque o momento da verdade vén agora, cando temos que comezar a enfrontar un futuro económico e laboral incerto, e ese contaxio do 70% que nos garantirá a inmunidade colectiva e que implica o risco do “paradoxo da prevención” que tan ben describe Christian Drosten. E, sobre todo, a nosa propia responsabilidade.

Agora xa o entendín. O do século XX que sempre me intrigara, foi o medo. 

O mesmo medo que pode provocar que, no canto de aprendermos desta experiencia e aproveitar a oportunidade única de repensar e redeseñar unha sociedade humana igualitaria, limpa e conectada coa súa contorna, derivemos cara un esquema violento e mortífero que, a medio prazo, é moi probable que nos conduza a unha ben merecida extinción.

Así que coidado co medo. Se cadra, é o único que de verdade debemos temer.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.