Mella, Nogueira, Mariñas: tres figuras xustamente recoñecidas

Camilo Nogueira ao recibir a Medalla Castelao o 28 de xuño CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

As tres persoas homenaxeadas percorreron un camiño político diferente mais chegaron ao destino común dunha identificación expresa co BNG

Nas últimas semanas rexistrouse unha coincidencia que merece ser comentada. Tres figuras ben coñecidas na política galega durante as décadas posteriores ao establecemento do réxime constitucional e autonómico vixente (Carlos Mella, Camilo Nogueira e Pablo González Mariñas) recibiron distintos recoñecementos públicos pola súa traxectoria comprometida coa defensa do autogoberno galego.

As tres persoas homenaxeadas percorreron un camiño político diferente mais chegaron ao destino común dunha identificación expresa co BNG, a formación que naceu en 1982 e que acolleu, a partir dos anos 90 do pasado século, aos sectores maioritarios do corpo nacionalista organizado. Mella e Mariñas deron os seus primeiros pasos na vella UCD para conformar, mais tarde, a Coalición Galega que destacaría como forza parlamentaria relevante nas eleccións galegas de 1985. Se Carlos Mella foi conselleiro con Fernández Albor, González Mariñas formou parte do goberno tripartito presidido por González Laxe. Despois da chegada de Manuel Fraga á presidencia da Xunta, ambos rematarían -con distintos roles- na casa común representada polo BNG.

Pablo González Mariñas, na homenaxe recibida hai uns días na Coruña © BNG

Camilo Nogueira transitou por unha ruta mais homoxénea. Militante da UPG nos primeiros anos da transición, promoveu – unha vez celebradas as primeiras eleccións de 1977 – a creación dunha forza (Esquerda Galega) que tivo unha presenza reducida pero significativa no Parlamento galego durante a década dos 80. A partir de 1997 regresou - xa como membro do BNG – á Cámara do Hórreo e dende 1999 desempeñou un importante papel como deputado nacionalista no Parlamento europeo.

Nos primeiros dez anos da historia do autogoberno galego que naceu co actual Estatuto de Autonomía, semellaba verosímil a posibilidade dun campo galeguista ou nacionalista estruturado en tres forzas políticas -Coalición Galega, Esquerda Galega e BNG- con ofertas programáticas diferenciadas e tradicións distintas. Cabía pensar que -salvando todas as lóxicas distancias derivadas das especificidades dos tecidos sociais respectivos- podería ocorrer algo semellante ao que se vivía en Cataluña (con dúas organizacións básicas: CiU e ERC) ou no País Vasco (cun mínimo de tres referentes: PNV, EA e HB). O paso do tempo demostrou que non había espazo electoral suficiente para unha oferta nacionalista tan diversificada: a partir de 1993, o BNG foi incorporando diversas variantes organizativas preexistentes para ofrecer unha alternativa unificada.

Fica aberto un debate sistematizado sobre os motivos que explicaron as insuficiencias do apoio social recibido por CG/PNG e EG. Foron razóns atribuíbeis a unha carencia de vontade presente nas elites galegas para apostar por forzas políticas autóctonas que competisen co que representaban o PP e o Partido Socialista? Foron causas orixinadas por erros e deficiencias cometidas polos dirixentes desas formacións? Ou existiu, tal vez, unha combinación de ambos factores?

O corpo electoral galego decidiu que persoas como Mella, Mariñas e Nogueira –ademais dalgunhas outras tamén moi relevantes– non tiveran un protagonismo mais determinante na construción da nova arquitectura institucional xerada a partir de 1980. A historia ten estes paradoxos inxustos: a pesar do inequívoco compromiso galeguista destas tres figuras, a maioría que se expresou nas urnas preferiu outorgar a súa confianza a quen non tiñan acreditada unha solvencia equiparábel.

Por iso, a pesar de todo, os recoñecementos e homenaxes están mais que xustificados.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.