Morrer en e por soidade

© Xunta

Levamos varias semanas nas que raro é o día no que non aparece algunha noticia referida á aparición dunha persoa que faleceu no seu fogar e é atopada días despois. A pesar de que existe algún caso illado que matiza o perfil, o certo é que na maior parte dos casos atopámonos con que se trata dunha muller ou home maior que, por diferentes razóns, viven en completa soidade.

Dos oito últimos casos rexistrados en Galicia, tres producíronse en Ferrol. E é posible que non se trate unha situación casual. O paulatino envellecemento da poboación galega no caso da cidade naval é aínda maior e, a esta circunstancia significativa súmase un feito que me parece que non é menor: moitas persoas maiores non teñen familia que se poida encargar do seu coidado e atención –aínda que sexa mínima, a través de visitas ocasionais- porque son moitas as familias que tiveron que emigrar fóra da urbe e mesmo do país en busca dunha oportunidade laboral.

As administracións, pois, enfrontámonos a unha realidade desoladora. Á ausencia dun censo de persoas maiores que residen soas –podería axudar para calcular os recursos necesarios para actuar no que concierne a medidas dirixidas a este colectivo, aínda que sabemos que son numerosos os casos polas causas anteriormente expostas- súmanse, por unha banda, o feito certo de que resulta imposible chegar a todas e, por outro, a obriga que temos de respectar o dereito de quen non quere ser atendido, que tamén existe e limita a posible acción de “control”.

Pero dita realidade non pode ser escusa para evadir unha responsabilidade que vén dada desde o momento no que as administracións debemos velar polo benestar da nosa sociedade e porque os nosos cidadáns e cidadás teñan unha vida digna. E ante nós preséntasenos unha serie de ferramentas a desenvolver que, polo menos en Ferrol, debemos ir ampliando e mellorando a pesar de que partimos dunha situación realmente minguada en canto a persoal e recursos.

A teleasistencia, que combina á perfección autonomía e independencia con control e vixilancia, é un dos servizos que mellor se adapta ás necesidades de moitas persoas maiores e, dado que en Ferrol dispoñemos –ademais dos que se ofrecen a través de Dependencia- de 200 terminais e non existe na actualidade lista de espera, resulta necesario estudar a posibilidade de incrementar e dar a coñecer este sistema. Por suposto, a axuda a domicilio, os comedores sénior e o programa Xantar na Casa, así como a posta en marcha de programas de envellecemento activo constitúen outras medidas que, máis aló de cumprir un fin específico, axudan en maior ou menos medida no que nos ocupa, o acompañamento, aínda que unicamente sexa por unhas horas ao día ou á semana.

Non me quero esquecer doutra ferramenta fundamental, que ademais neste caso non require de investimento ningún: o voluntariado. Impulsar, coordinar e poñer en valor o labor desinteresado pode ser peza crave no acompañamento ás persoas maiores. Vivimos nunha sociedade que demostra con cada suceso dramático que acontece en calquera parte do mundo ter conciencia e sensibilidade, e estou segura de que, se as administracións –neste caso, o Concello de Ferrol- poñemos as pezas necesarias, entre o inxente e eficaz movemento asociativo que temos e a cidadanía de forma particular, seremos quen de montar o quebracabezas.

Aínda que a día de hoxe sexa un obxectivo imposible dadas as limitacións de recursos a todos os niveis, temos que poñer todo o que estea nas nosas mans para evitar que ninguén morra en soidade ou por causa desta circunstancia. E neste reto, toda a sociedade resulta necesaria.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.