Despois de tres séculos, a incompetencia da Xunta está a piques de erradicar o cultivo da pataca de Galicia. Dicíao hai uns días Manolo Rivas: «Así lembrará a historia a Xunta de Feijoo: cando en Galicia desapareceron as patacas...». As medidas contra a couza guatemalteca da pataca comezaron a aplicarse dous anos despois da súa aparición en Galiza: dous anos de desleixo, incompetencia e falta de iniciativa da Xunta. Feijóo e os seus «eficaces» conselleiros, unha vez máis, estaban out, encerellados na súa soberbia política e na súa autocompracencia gobernamental.
Apenas un ano despois, a couza aparecía en Muxía, na cerna da Costa da Morte, e preto de Coristanco, un dos concellos que ten unha das producións de patacas máis importante de Galiza
Hai tan só un ano des que se adoptaron medidas de protección fronte á couza da pataca que incluían a prohibición do cultivo nos concellos do norte litoral galego, desde Viveiro a Cabanas. Chegaban tarde, moi tarde. Apenas un ano despois, a couza aparecía en Muxía, na cerna da Costa da Morte, e preto de Coristanco, un dos concellos que ten unha das producións de patacas máis importante de Galiza.
O avance da praga foi directamente proporcional á incapacidade da Consellería de Agricultura. Tras os primeiros discursos triunfalistas, chegou o máis rotundo fracaso e o maior dos ridículos. A extensión da praga da couza evidenciou o ermo deixado polos gobernos do Partido Popular tras o desmantelamento fanático dos servizos públicos de investigación, asesoramento e formación no agro.
Ano tras ano, desde que Feijóo se apousentou en Monte Pío, a Xunta de Galicia minguou o persoal das Oficinas Agrarias Comarcais a base de non substituír ás persoas que se xubilaban ou estaban de baixa
Ano tras ano, desde que Feijóo se apousentou en Monte Pío, a Xunta de Galicia minguou o persoal das Oficinas Agrarias Comarcais a base de non substituír ás persoas que se xubilaban ou estaban de baixa. Entre 2012 a 2013, o persoal do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo diminuíu un 35%, o persoal investigador, un 40%. Neste tempo, decimouse o persoal dos Centros de Formación Agroforestal.
Alén dos recortes activos e pasivos de persoal, impúxose a desidia máis absoluta, unha falla total de iniciativa e unha pésima xestións dos recursos existentes. Entrementres, a Conselleira de Medio Rural, Ánxeles Vázquez, como a súa predecesora, Rosa Quintana, investía na promoción da súa carreira política con abondosa publicidade e propaganda de éxitos imaxinarios. Tanta incompetencia non pode ser chamada Goberno.
A couza da pataca é tan só a punta do iceberg do abandono do mundo rural e as producións agropecuarias. Neses anos, aguilloada pola crise, moita xente moza tratou de incorporarse á actividade agraria e bateu coa negra realidade que se agocha detrás da publicidade da Xunta: a absoluta falta de axuda e acompañamento por parte da Administración galega cando toca de ser asesorado, informado ou apoiado para sacar adiante unha explotación agraria.
A couza da pataca é tan só a punta do iceberg do abandono do mundo rural e as producións agropecuarias
A Xunta de Galicia ofrece datos dos mozos e mozas que pediron as axudas de incorporación pero nunca dá os datos de cantos conseguiron saír adiante e cantos fracasaron e non chegaron a manterse nin cinco anos na actividade. Os datos non enganan. Na actualidade, tan só o 5,12 % dos titulares de explotacións agrarias teñen menos de 40 anos; o 59% máis de 60 anos. Cifras, verdadeiramente alarmantes para o futuro da actividade agraria en Galiza, que as políticas da Xunta non son quen de inverter nin emendar. Publicidade, moita; eficacia, moi pouca; capacidade para corrixir, ningunha.
Nestes últimos anos, os gandeiros tiveron que afrontar unha grave crise no sector lácteo que aconsellaba unha produción menos dependente dos pensos importados e, polo tanto, un abastecemento baseado na produción propia en base á terra.
Este reto foi enfrontado polos gandeiros sen contar ao seu carón un Goberno eficaz. Todo o contrario, fixérono co Goberno en contra, coa Xunta teimando en promover a reforestación de moitas das terras que son necesarias para abaratar os custes de produción das explotacións.
Nun país onde existía, e existe, unha necesidade imperiosa de novos empregos e, moi especialmente, de novos empregos nas comarcas rurais, a Xunta nunca foi quen de comprometerse cunha política de desenvolvemento agrogandeiro e forestal sustentable. Foi, iso si, lamentablemente eficaz na destrución de empregos necesarios, reducindo os cadros de persoal de investigadores, formadores e técnicos agrarios. A Xunta só eficaz cando se trata de destruír o público.
A praga da couza progresa porque Galiza non conta cun sistema público suficiente, ben dotado, para artellar unha resposta positiva fronte a ese reto
A praga da couza abrolla neste contexto de desmantelamento dos servizos agrarios públicos e de abandono de políticas agrogandeiras activas. A praga da couza progresa porque Galiza non conta cun sistema público suficiente, ben dotado, para artellar unha resposta positiva fronte a ese reto. Con anticipación, con recursos para a investigación, con asesoramento e cunha rede de extensión agraria reforzada, a praga da couza sería derrotada de vez. Contamos con profesionais agrarios excepcionais pero tamén con pésimos xestores políticos. O Partido Popular é a couza do noso autogoberno. A incompetencia que senta fachendosa no Consello da Xunta.
A desastrosa xestión da couza da pataca debería sinalar un punto final das políticas de abandono agrario da Xunta de Galicia. O dano para Galiza é enorme. Prívanos de futuro. Somos un país que non é capaz de producir o que consume, que gasta millóns de euros en pensos no sector lácteo, que importa unha boa parte da produción hortícola e froiteira e, ao tempo, somos unha nación, cun enorme potencial para o desenvolvemento desas producións, onde as mellores terras están abandonadas ou se reforestan. Podemos pero o Goberno non deixa.
A política de destrución do agro de Núñez Feijóo é a crónica anticipado de fame negra. De aí a urxencia de sumar forzas para erradicar o goberno do Partido Popular, a peor praga da Galiza rural
Non hai ningún país desenvolvido e comprometido co benestar futuro dos seus cidadáns e cidadáns no que se abandonen as zonas rurais e a agricultura. A aposta polo futuro é sempre compromiso co sostemento de servizos públicos ben dotados para achegar políticas practicables para o sector agrario, investindo en investigación, asesoramento e formación, propiciando a ordenación do territorio e a fixación de poboación nas comarcas rurais ao redor de actividades económicas sustentables. Nada disto entra nos plan de renuncia rural do Partido Popular.
A Xunta de Galicia decretou a retirada do sector público do agro galego. A praga da couza da pataca é un novo episodio do seu deixamento. Un novo fracaso da excelencia gobernamental de Feijóo. A nosa historia non ofrece marxe á dúbida, os anos con mala produción de pataca eran anos de fame. A política de destrución do agro de Núñez Feijóo é a crónica anticipado de fame negra. De aí a urxencia de sumar forzas para erradicar o goberno do Partido Popular, a peor praga da Galiza rural.
Publicidade
{C}{C}{C}{C}