Nova Arquitectura Pedagóxica?

Román Rodríguez, visitando un colexio en Valga onde van ser executadas obras CC-BY-SA Xunta

Non serei eu quen negue a Román Rodríguez, Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, o seu don para a oportunidade política e os medios que ten de sorprender, sobre todo á hora de presentar grandes proxectos como o que agora denomina, con certa grandilocuencia, Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia, e coa que pretende ser, di, un modelo a seguir e a imitar no futuro.

Quen pode estar en contra de novos centros con máis cor, espazos abertos, patios cubertos, luminosidade, accesibilidade? Ninguén. Pero aínda temos coles con amianto, con niveis de radon inaceptables, con consumos enerxéticos insostibles, mal illados, con accesos penosos. E Román Rodríguez sábeo.

A súa estrita denominación apela claramente á arquitectura das escolas, colexios e institutos, ós de nova construción e ás reformas necesarias nuns edificios con máis de 40 anos de media, algúns caendo e en moitos casos case que baleiros, agás nas cidades, pola baixada sostida e extraordinaria da natalidade.

Certo que os coles e institutos necesitan unha volta, algúns máis dunha, de concepción, de modelo, e tamén de fortes e urxentes investimentos para corrixir deficiencias graves e para afrontar reformas demandadas reiteradamente desde as equipas directivas ou polas respectivas comunidades educativas.

Pola miña experiencia como Concelleiro do ramo sei que non ten a Consellería fondos suficientes para afrontar as obras imprescindibles e son os Concellos, os máis solventes, os que abordan estas reformas sen ser da súa competencia directa. Baste lembrar o Plan de Obras que anualmente puxemos en práctica de maneira sostida en Compostela no último mandato con moitas dificultades por parte da Consellería sobre patios cubertos, ampliación de espazos, bibliotecas, Pasarela de Fontiñas, Centro Sociocultural de Lavacolla, Ludoteca, renovación dos parques infantís de xogos... entre outras actuacións.

Se isto o xeneralizaramos a toda Galicia, os orzamentos necesarios serían moitos máis  millóns de euros dos 191 anunciados no Plan que pretende aplicarse ademais en varios anos.

En calquera caso, quen pode estar en contra de novos centros con máis cor, espazos abertos, patios cubertos, luminosidade, accesibilidade? Ninguén.

As reformas máis imperiosas son de modelo educativo, de currículas excesivas, contidos inadecuados, metodoloxías obsoletas,  organización escolar anacrónica e fragmentada, baseada en aulas e materias decimonónicas, illadas e separadas

Recoñecido o anterior, creo humildemente que as necesidades máis perentorias e urxentes non son só simplemente arquitectónicas ou enerxéticas, que tamén, pero aínda temos coles con amianto, con niveis de radon inaceptables, con consumos enerxéticos insostibles, mal illados, con accesos penosos... e Román Rodriguez sábeo.

Pero as reformas máis imperiosas son de modelo educativo, de currículas excesivas, contidos inadecuados, metodoloxías obsoletas,  organización escolar anacrónica e fragmentada, baseada en aulas e materias decimonónicas, illadas e separadas, dunha imperiosa apertura á sociedade e á natureza, de máis colaboración en equipa, de atención sanitaria, de mellora da convivencia escolar, de xestión democrática, de galeguización, de diminuír ratios, de incrementar e diversificar planteis... De, en definitiva, poñer a educación pública no primeiro plano, antes que ningunha outra, para facela, de verdade, unha educación de calidade e á altura do século XXI.

Díxoo moi ben Emilio Lledó: "A nosa democracia está condenada ao fracaso si non se formula e resolve o problema da educación".

A nova arquitectura pedagóxica, penso eu, non pode ser só de fachada e de ladrillo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.