Durante o vixésimo cuarto cumio climático internacional celebrado na cidade polaca de Katowice, quince pequenos estados insulares do Pacífico que poderían desaparecer inundados pola suba do nivel do mar causada polo quentamento global, lanzaron unha petición que tamén interpela á sociedade galega. Demandaron a todos os países desenvolvidos o abandono do carbón antes de 2030. E que en 2040 teña cesado a súa queima no resto do mundo.
O transversal “partido galego do carbón”, reforzado con novas e sorpresivas incorporacións, ignorou o estado de emerxencia climática global e exhibiu sen complexos o seu “trumpismo climático”
En Galicia, na semana previa ao comezo doutra descepcionante conferencia climática da ONU, o pleno da Deputación da Coruña, cos votos de PSOE, PP, BNG, Marea Atlántica e Compostela Aberta, posicionábase a favor da continuidade das centrais térmicas de carbón das Pontes (Endesa) e de Meirama (Naturgy, antes Gas Natural Fenosa) até 2045, uníndose así á Xunta, ao Parlamento galego ou aos concellos das Pontes e Cerceda.
“Trumpismo climático”
Unha vez máis, o transversal “partido galego do carbón”, reforzado con novas e sorpresivas incorporacións, ignorou o estado de emerxencia climática global e exhibiu sen complexos o seu “trumpismo climático”.
Porque “trumpismo climático” é apostar polo carbón e alongar innecesariamente a vida de dúas enormes fábricas de cambio climático, facendo ouvidos xordos ás advertencias da comunidade científica sobre a delicada encrucillada climática na que estamos após décadas de procrastinación. E aínda que o conxunto dos nosos políticos e políticas non caian na grosería de negar a realidade incuestionábel do cambio climático antropoxénico, si practican teimosamente outra forma perniciosa de negacionismo climático: a negación da necesidad de actuar urxentemente para reducir drasticamente as emisións de gases causantes da crise climática (“hai outros problemas máis urxentes e importantes, este pode seguir esperando”).
En 27 anos Galicia apenas reduciu as súas emisións territoriais.
O negacionismo climático dos nosos representantes institucionais asenta tamén na crenza de que o noso país non debe estar na primeira liña do combate á disrupción climática, cando menos na medida en que iso implicar decisións difíceis. Unha crenza interesada mais carente de fundamento ético. Porque, por responsabilidade na crise climática e por capacidade para a combater, Galicia figura, sen dúbida, no grupo de países que, en maior medida e máis rapidamente, deberían diminuír as súas emisións de dióxido de carbono (CO2) e outros gases de efecto invernadoiro.
Galicia figura, sen dúbida, no grupo de países que, en maior medida e máis rapidamente, deberían diminuír as súas emisións de dióxido de carbono (CO2) e outros gases de efecto invernadoiro
Porén, nos trinta anos transcorridos desde que o cambio climático entrou na axenda socioambiental global, Galicia, cunhas emisións territoriais por habitante de 10 toneladas/ano -superiores á media mundial e mesmo á europea- apenas foi capaz de reducir a súa achega ao problema climático. Segundo os datos oficiais, entre 1990 e 2016 as emisións de CO2 e outros gases causantes de cambio climático tan só se reduciron o 4,7%. E, á espera de se coñeceren as emisións totais para 2017, todo indica que o ano pasado esta baixada fíxose aínda menor, debido ao incremento da actividade das centrais de carbón.
A “proba do carbón”
As emisións de CO2 das térmicas de carbón das Pontes e de Meirama están a supor un terzo das emisións totais anuais do noso país (o 32,7% en 2016). Só dúas industrias, nas que traballan 300 persoas, producen moito máis cambio climático que todas as demais industrias galegas xuntas. O transporte de persoas e mercadorías, que é a segunda maior fonte de gases de invernadoiro na nosa terra despois da industria enerxética, emite menos CO2 que a central de carbón das Pontes: 5,8 fronte a 6,9 millóns de toneladas (2016).
Só dúas industrias, nas que traballan 300 persoas, producen moito máis cambio climático que todas as demais industrias galegas xuntas
Como se creou moita confusión ao respecto, cómpre aclarar que a reforma da que está a ser obxecto a térmica de carbón das Pontes para prorrogar a súa vida alén de 2020 - cando, após catro anos e medio de exención, terá que cumprir límites menos xenerosos para as súas emisións de contaminantes tóxicos- non reducirá as elevadas emisións de CO2 inherentes á queima do carbón. O mesmo se aplicaría á central de Meirama se Naturgy decidir finalmente alongar a súa vida.
A proba do algodón do compromiso climático en Galicia é a “proba do carbón”: as centrais de carbón deben pechar rapidamente? Un sinxelo test climático que hoxe suspenden todas as forzas políticas. Que ou ben apoian o alongamento da vida das maiores fábricas galegas de cambio climático até mediados de século, ou ben se poñen de perfil.
Xa non hai marxe para reducións graduais moderadas
Se Galicia quixese contribuír ao cumprimento da meta do Acordo de París, a manter o aumento da temperatura media global por debaixo do límite dos 1,5 ºC, para así tentarmos evitar unha catástrofe climática, debería comezar xa a diminuír as súas emisións de gases de invernadoiro de forma drástica. Xa na próxima década deberían reducirse á metade. E en 2040 teriamos que ter abandonado o uso de todos os combustíbeis fósiles para atinxirmos cero emisións netas (as emisións non evitábeis, como as de gases distintos do CO2 procedentes da agricultura e a gandaría, serían compensadas pola acción dos sumidoiros de carbono naturais, como bosques ou zonas húmidas).
De non comezaren a caer en picado as emisións a escala global, habería que recorrer nun futuro non moi afastado ao despregue masivo da produción enerxética con biomasa acompañada da captura e almacenamento de carbono, para retirar o exceso de CO2 da atmosfera. Unha alternativa de moi incerta viabilidade á escala e ao ritmo que serían precisos, e con graves impactos socioambientais negativos asociados.
Sen pechar canto antes as térmicas de carbón, en Galicia é imposíbel nin sequera achegarse a un obxectivo de recorte das emisións ao longo da próxima década que estea á altura do crecente desafío climático. O sector eléctrico é o único onde se poden conseguir grandes aforros de emisións nos próximos anos sen o conxunto da nosa sociedade ter que facer un esforzo descomunal.
Nunca foi máis urxente e viábel abandonar o carbón
Resulta ilusorio pensar que noutros sectores sexa posíbel conseguir reducións cuantiosas de CO2 e outros gases de invernadoiro a curto prazo. Nomeadamente no transporte, no que as emisións medraron o 57% desde 1990. Baixo o actual sistema económico e cos estilos de vida imperantes, estase a comprobar que é moi complicado diminuír significativamente a pegada climática do transporte. Aínda que a suba das emisións de CO2 do transporte en Galicia triplicou o crecemento medio na UE (18%), nin sequera estados europeos referentes das políticas máis avanzadas de “transporte sustentábel”, como Dinamarca, Alemaña ou Holanda, foron capaces de recortalas nas últimas décadas.
Semella viábel que, cunha reorientación da política enerxética a favor do aforro e das renovábeis, todas as centrais nucleares e de carbón poidan estar pechadas en 2025
Considerando o noso excedente eléctrico -que non enerxético- e a nosa capacidade de produción eléctrica -lembremos que contamos con dúas térmicas de gas natural moi infrautilizadas, tamén contaminantes pero menos intensivas en emisións de CO2 que as de carbón -, Galicia podería prescindir das centrais carbón axiña sen pór en risco o seu subministro eléctrico e cun moi limitado impacto social de se adoptaren medidas adecuadas de protección social e de fomento de alternativas de emprego.
Se ademais da realidade galega temos en conta a estatal, semella viábel que, cunha reorientación da política enerxética a favor do aforro e das renovábeis, todas as centrais nucleares e de carbón poidan estar pechadas en 2025.
Políticas climáticas febles ou inexistentes
Por suposto, non abonda con deixarmos de producir electricidade con carbón. Cómpre descarbonizar rapidamente toda a economía. Pero os poderes públicos galegos seguen a velas vir.
A Xunta nunca tivo un plan para lograr baixadas das emisións en termos absolutos
A Xunta nunca tivo un plan para lograr baixadas das emisións en termos absolutos: só unha estratexia vaga nos tempos de Fraga e un non aprobado plan do bipartito PSOE-BNG que só aspiraba a ralentizar o seu crecemento. O vixente Plan Estratéxico de Galicia procura unha redución das emisións do 20% en 2020, pero non a respecto do ano tomado como referencia a nivel internacional polas políticas da mitigación do cambio climático, 1990, senón de 2005, un dos de maiores emisións. En comparación con 1990, a diminución pretendida polo Goberno de Feijóo non chegaría nin ao 2%. E para máis alá de 2020 non coñecemos ningunha meta.
Os concellos tamén deberían asumir a súa responsabilidade climática, moi notábel no caso das cidades. Pero son moi poucos os que se dotaron dun plan climático, mesmo entre os máis poboados. E os plans existentes deberían elevar a ambición, ampliar o horizonte temporal e reforzar o seguemento coa elaboración de sólidos inventarios públicos anuais de emisións.
Axiña será tarde de máis para evitarmos o peor do cambio climático
“Dicides que amades as vosas fillas e fillos por riba de todas as cousas, e a pesar diso estádelles a roubar o futuro diante dos seus ollos”
A estas alturas, cando estamos a un paso de superar o limiar dunha mudanza climática moi perigosa, a irresponsabilidade climática do conxunto dos nosos representantes políticos é absolutamente inexcusábel e merece unha forte contestación social.
A inacción climática é aínda máis reprobábel se temos en conta os múltiples beneficios a curto prazo asociados ás políticas de diminución das emisións de gases causantes de cambio climático: descenso da contaminación tóxica, maior autonomía enerxética, xeración de empregos verdes, combate da pobreza enerxética, mellora da saúde pública,.... Por non falar da inxente débeda ecolóxica que estamos a adquirir cos pobos empobrecidos do Sur global, os máis vulnerábeis á disrupción climática.
Con poucas excepcións, tamén aos políticos e políticas do noso país se poden aplicar as palabras pronunciadas na conferencia climática de Katowice por Gretha Thunber, unha activista climática sueca de 15 anos: “Dicides que amades as vosas fillas e fillos por riba de todas as cousas, e a pesar diso estádelles a roubar o futuro diante dos seus ollos”.